Descuberta en Gaza unha fosa común con máis de 30 cadáveres en estado de descomposición

Palestina demanda unha investigación internacional.
Área atacada no sur de Gaza. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)
photo_camera Área atacada no sur de Gaza. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)

Máis de 30 corpos de persoas palestinas foron atopados hoxe nos terreos dunha escola de Beit Lahia, no norte da Faixa de Gaza, nunha área da que se retiraron os soldados israelís. Os cadáveres estaban en estado de descomposición dentro de bolsas de plástico con letras hebreas e baixo cascallos, nun centro escolar no que se refuxiaron milleiros de persoas antes de que o Exército israelí o bombardeara e asediara en decembro.

O Ministerio de Asuntos Exteriores de Palestina subliñou que “foron asasinados cos ollos vendados e as mans atadas, como proba clara de que foron executados das formas máis horríbeis”, polo que instou á creación dun equipo de investigación internacional para esclarecer o acontecido.

Asemade, apunta que o descubrimento da fosa común “reflicte a escala masiva da traxedia á que están expostos os civís palestinos, os masacres masivos e execucións incluso de detidos, en violación flagrante de todas as normas e leis internacionais”.

Ao longo da agresión militar sionista contra o territorio palestino de Gaza denunciouse que as tropas israelís executaron mulleres, crianzas e bebés noutra escola no norte de Gaza ou soterraron vivas persoas durante os reiterados asaltos a centros médicos. Ao respecto, por segunda vez en 48 horas, Israel bombardeou o hospital al Awda no norte de Gaza. Persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) indican que se trata dun xenocidio e dunha limpeza étnica.

No mínimo 26.900 palestinas e palestinos foron asasinados en Gaza desde outubro, mentres que máis de 65.000 resultaron feridas, sinala a última actualización de mortes nos bombardeos indiscriminados e no intento de invasión israelí da Faixa. Ademais, o Fondo da ONU para a Infancia (Unicef) estimou que 19.000 crianzas ficaron orfas en Gaza ou sen ningunha persoa adulta que as coide.

Pola súa parte, o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, salientou que decidiu como responder á morte de tres soldados nunha base militar de Washington en Xordania, tras o ataque cun drone de Resistencia Islámica polo seu apoio ás accións israelís en Gaza. O voceiro do Consello de Seguridade Nacional, John Kirby, reiterou que “é moi posíbel que o que vexamos aquí sexa un enfoque graduado, non só unha acción única”.

Nese sentido, Irán, acusado por Biden de estar detrás do ataque, transmitiu que “calquera asalto contra chan iraniano ou os seus intereses e nacionais fóra do país recibirá unha decisiva e forte resposta”.

Comentarios