A Corte Internacional de Xustiza, "consciente da traxedia humana", ordena a Israel que evite o xenocidio en Gaza

O Goberno de extrema dereita israelí debe impedir que se produza un xenocidio contra o pobo palestino e castigar as múltiples incitacións a cometelo, resolveu hoxe na Haia a Corte Internacional de Xustiza, en resposta á acusación de Suráfrica contra Israel por perpetrar un xenocidio en Gaza.
A Corte Internacional de Xustiza na lectura do veredicto, hoxe. (Foto: Corte Internacional de Xustiza)
photo_camera A Corte Internacional de Xustiza na lectura do veredicto, hoxe. (Foto: Corte Internacional de Xustiza)

Durante máis de media hora, a xuíza estadounidense Joan Donoghue detallou hoxe a decisión da Corte Internacional de Xustiza (CIX), o principal órgano xudicial da Organización das Nacións Unidas (ONU), arredor das medidas de emerxencia demandadas por Suráfrica ao denunciar Israel por xenocidio, nun veredicto no que o tribunal asumiu a inmensa maioría das reclamacións do país africano, mais non ordenou un cesamento de hostilidades.

O equipo de 17 maxistradas e maxistrados ordenou a Israel que tome as medidas necesarias para protexer o pobo palestino perante o risco de xenocidio, e insistiu en que debe garantir que non se cometa un xenocidio e que se preserven as probas ao respecto, así como previr e castigar a incitación ao xenocidio.

Ademais, Donoghue trasladou que o Estado sionista debe presentar nun mes á CIX a información relativa ás medidas que puxo en marcha para evitar o xenocidio, apuntando que a decisión é xuridicamente vinculante e xera obrigas legais internacionais a Israel. Tamén aprobou demandar que se permita a entrada de axuda humanitaria e a prestación de servizos básicos na Faixa de Gaza, logo do asedio ao que Israel está a someter o territorio palestino desde outubro.

Nese sentido, o tribunal determinou que ten competencias para pronunciarse, e mais que hai probas dabondo para xulgar o caso, cuxa sentenza final tardará con moita probabilidade anos en producirse, en base á Convención para a Prevención e Sanción do Delito de Xenocidio de 1948, asinada tanto por Israel como por Suráfrica. Amais, constatou que o pobo palestino é un “grupo protexido” pola Convención.

Asemade, a presidenta da Corte subliñou que son moi “conscientes da traxedia humana que ten lugar na zona”, tamén do alto número de vítimas -máis de 26.000 palestinas e palestinos de Gaza foron asasinados- nos bombardeos e no intento de invasión israelí, da destrución masiva de vivendas e infraestruturas civís ou do desprazamento forzoso do pobo palestino no territorio. Máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes da Faixa tiveron que fuxir a Rafah, cidade situada na fronteira con Exipto.

Arredor desta cuestión citou o subsecretario xeral da ONU para Asuntos Humanitarios, Martin Griffiths, que sostivo que “Gaza converteuse nun lugar de morte e desesperación”. Na intervención, Donoghue asegurou que tiveron en conta a “linguaxe deshumanizante” de altos cargos sionistas contra o pobo palestino, nun apartado no que fixo fincapé nas declaracións do titular de Defensa, Yoav Gallant, que afirmou que loitan contra “animais humanos” e proclamou o “asedio completo” da Faixa, impedindo a entrada de calquera subministración ou axuda humanitaria.

En relación ás e aos israelís detidos en Gaza desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro, o tribunal instou a que sexan liberados.

Para a ministra de Relacións Internacionais surafricana, Naledi Pandor, que acudiu á Haia (Países Baixos) para estar presente na sesión, o veredicto “implica que debe producirse un alto o fogo”, preguntando “como se pode proporcionar axuda e auga sen un alto o fogo”. Após admitir que querería que a Corte ordenara un cesamento de hostilidades, como pedía a denuncia, indicou que “a miña esperanza é que comecemos a avanzar cara a un proceso no que se estea discutindo substancialmente unha solución de dous Estados”. 

"Vitoria histórica"

O Executivo de Suráfrica cualificou a decisión como unha “vitoria histórica”, e salientou que marca un fito na loita por lograr xustiza para o pobo palestino, comprometéndose a proseguir coas súas actuacións nas institucións internacionais para preservar os seus dereitos.

Xa en Palestina, o ministro de Asuntos Exteriores, Riyadh al Maliki, considerou a resolución xudicial como un “importante recordatorio de que ningún Estado está por riba da lei ou fóra do alcance da Xustiza”, polo que acaba “coa arraigada cultura de criminalidade e impunidade de Israel, que caracterizou a súa ocupación, espolio, persecución e apartheid durante décadas”. Al Maliki reclamou “a todos os Estados que garantan o respecto da orde” e que non sexan “cómplices deste xenocidio", detendo o "comercio de armas con Israel”.

Porén, a canle Al Jazeera relatou que “os palestinos en xeral tiñan unha sensación de frustración e depresión” ao agardar que se emitira unha orde de alto o fogo, aínda que o tribunal non conte con mecanismos para forzar a que se produza, e todo depende do Consello de Seguridade da ONU, no que os Estados Unidos, principal aliado e provedor de armas a Israel, xa vetou varias peticións dun cesamento de hostilidades.

O primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, ademais de solicitar ao resto do Gabinete que non comente o veredicto, asegurou que continuarán coa agresión militar a Palestina, que matou máis de 10.000 nenas e nenos, e incidiu en que a “vontade do tribunal” de xulgar Israel por xenocidio “é unha marca de vergonza que non se borrará durante xeracións”.

A sentenza aumenta a presión contra Washington

Os Estados Unidos aproveitaron que o tribunal non reclamou un alto o fogo para defender que o veredicto é consistente coa súa posición, e interpretou que avala a agresión militar a Palestina polo suposto dereito a defenderse de Israel, aínda que este último punto non está avalado polo dereito internacional.

Non obstante, Zaha Hassan, do Fondo Carnegie para a Paz Internacional, explicou que “exerce moita máis presión sobre os Estados Unidos e outros aliados occidentais para que avancen cara a unha resolución de alto o fogo”, ao dificultar que continúen a manter que Israel actúa dentro dos límites do dereito internacional. Pola súa parte, Mary Ellen O’Connell, docente de Dereito e Estudos Internacionais de Paz da Universidade de Notre Dame, abriu a porta a que o tribunal admita que se está a perpetrar un xenocidio se Israel ignora as ordes xudiciais.

O docente de Dereito da Universidade de Londres Nimer Sultany atribuíu a negativa da CIX a ordenar un alto o fogo a que “os tribunais amósanse reticentes a ordenar calquera tipo de medida que non se aplique posto que isto demostra a debilidade do tribunal”.

En todo caso, iso non foi un problema en marzo de 2022, cando a Corte ordenou a Rusia que detivera a invasión a Ucraína pouco despois de que Moscova entrara nunha guerra que xa comezara en 2014.

Comentarios