Palestina insta a Corte Internacional de Xustiza a acabar coa "impunidade" de Israel

Comezaron as audiencias no máximo tribunal da ONU para determinar as consecuencias legais da ocupación israelí de Palestina. En paralelo, ténsase a relación entre Israel e os Estados Unidos ao presentar Washington ao Consello de Seguridade unha proposta que contempla un alto o fogo en Gaza.
A Corte Internacional de Xustiza (A Haia, Países Baixos) no comezo das audiencias hoxe. (Foto: Corte Internacional de Xustiza)
photo_camera A Corte Internacional de Xustiza (A Haia, Países Baixos) no comezo das audiencias hoxe. (Foto: Corte Internacional de Xustiza)

Israel só “deu tres opcións ao pobo palestino: Desprazamento, sometemento ou morte”, esta “realidade é coñecida por cada palestino, sufrida por millóns, xeración tras xeración, é a realidade da expulsión do pobo palestino da súa propia terra”, resaltou hoxe Riyad al Maliki, ministro de Asuntos Exteriores palestino, diante da Corte Internacional de Xustiza (CIX), o órgano xudicial principal da Organización das Nacións Unidas (ONU), na cidade neerlandesa da Haia.

Nas audiencias, que comezaron hoxe e se prolongarán até o 26 de febreiro, o tribunal analizará “as consecuencias legais derivadas das políticas e prácticas de Israel no territorio palestino ocupado, incluída Xerusalén Oriental”, recolle a resolución aprobada a finais de 2022 pola Asemblea Xeral da ONU, que deu comezo ao proceso xudicial para demandar unha resolución consultiva.

As palestinas e palestinos padeceron “tanto a colonización como o apartheid”, subliñou al Maliki, advertindo que “a prolongada ocupación israelí ten como obxectivo lograr a desaparición completa de Palestina e a destrución do pobo palestino”, algo que, como o “xenocidio en curso” en Gaza, é resultado de “décadas de impunidade” de Israel.

Amais de reclamar “unha solución xusta e duradeira de dous Estados democráticos”, fixo énfase en que “pór fin a esa impunidade israelí é un imperativo moral, político e legal”, insistindo en que a ocupación debe rematar de “forma inmediata, total e incondicional”, posto que o “dereito á autodeterminación” palestino “non é negociábel”.

O caso non ten como meta xulgar se os territorios palestinos están ocupados ou non, pois as resolucións da ONU xa corroboran que sofren a ocupación sionista, senón clarificar se Israel busca converter unha ocupación que se estendeu por máis de medio século nunha anexión e o abano de implicacións xudiciais. Isto abriría a porta a que os Estados do mundo contrarios ás accións israelís contasen cunha base legal para combater a situación e intentar que se vexa obrigado a responsabilizarse delas.

O representante palestino na ONU, Riyad Mansour, asegurou que “sen rendición de contas non hai xustiza, e sen xustiza non pode haber paz”, relatando entre bágoas como o dereito internacional non foi capaz de protexer as crianzas palestinas. 12.660 nenas e nenos foron asasinados por Israel desde outubro no marco dos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil e da invasión da Faixa de Gaza, na que faleceron 29.092 persoas e 69.000 resultaron feridas.

En Cisxordania, onde hai arredor de 300 asentamentos e postos de avanzada con 700.000 colonos sionistas, o pobo palestino enfronta acotío “o uso excesivo da forza, homicidios ilexítimos, detencións arbitrarias ou administrativas, desprazamentos forzosos, demolicións de vivendas, a confiscacións da terra e os recursos naturais e a negación dos dereitos e liberdades fundamentais”, ratificou hoxe un comunicado de Amnistía Internacional, que asevera que “Israel pretende que a ocupación sexa permanente e beneficie a potencia ocupante e a súa cidadanía”.

O apartheid israelí para favorecer a poboación que practica o xudaísmo impleméntase cun “sistema de feches multidimensional” por medio dun muro ilegal, “centenares de postos de control e bloqueos de estrada, e un réxime de permisos arbitrario” unido á “vixilancia masiva”.

No tocante a Gaza, o documento pon o foco en que xa se produciran varias agresións militares israelís antes da que decorre na actualidade, e en que o territorio foi bloqueado, limitando a entrada de mercadorías e subministracións esenciais, polas autoridades sionistas ao longo dunha década e media.

Case medio centenar de Estados presentarán os seus argumentos nas sesións, entre eles os Estados Unidos, Rusia, a China, o Reino Unido, o Estado español ou múltiples países de Asia Occidental. Prevese que as deliberacións se alonguen meses con posterioridade ao feche das audiencias.

Pola súa parte, o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, sinalou que non recoñece "a lexitimidade" do proceso xudicial, definíndoo como unha iniciativa “inaceptábel”.

En 2004, o mesmo tribunal, no primeiro e até o de agora o único veredicto consultivo emitido por demanda da Asemblea Xeral da ONU sobre os territorios ocupados, sentenciou que o muro de separación entre Cisxordania e Israel era ilegal e debía ser derrubado. O Estado sionista nunca cumpriu a sentenza.

Nun caso separado, a CIX ordenou en xaneiro a Israel adoptar as medidas necesarias para evitar o xenocidio en Gaza que persoas expertas das ONU sosteñen que se está a producir. A pasada semana rexeitou unha nova petición surafricana para impor outras medidas como a exixencia dun alto o fogo polo anunciado asalto israelí a Rafah, unha cidade no sur de Gaza na que se concentran máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes da Faixa, que chegaron fuxindo da agresión militar israelí noutras áreas do territorio palestino.

Crimes sionistas

A Oficina de Dereitos Humanos da ONU presentou un informe con “acusacións críbeis” de no mínimo dúas violacións de mulleres palestinas detidas cometidas por militares israelís, agresións sexuais contra mulleres e nenas após o seu arresto ou ameazas de violación, que se suman a “tratos inhumanos e degradantes”, e alertou dun “número descoñecido de mulleres e crianzas palestinas, incluídas nenas, desaparecidas tras entrar en contacto co Exército israelí en Gaza”.

Os Estados Unidos aceptan na ONU exixir un "alto o fogo temporal"

Tras vetar calquera petición no Consello de Seguridade da ONU dun alto o fogo na Faixa, o principal aliado e provedor de armas israelí, os Estados Unidos, presentaron hoxe unha proposta de resolución no órgano que contempla o “apoio” a “un alto o fogo temporal en Gaza tan pronto como sexa posíbel”, informou a axencia Reuters. O borrador critica un hipotético asalto israelí a Rafah, incidindo en que “non debería levarse a cabo nas circunstancias actuais”.

Pouco antes, a representante estadounidense na ONU, Linda Thomas-Greenfield, advertira que vetarían unha proposta dos países árabes, que estaba programado votar hoxe, que solicitaba un cesamento das hostilidades e que todas as partes respectasen “escrupulosamente” o dereito internacional.

O cambio de posición estadounidense prodúcese poucos días despois de que o presidente Joe Biden afirmara que era preciso un “alto o fogo temporal”, no contexto da perda de apoio global de Washington polo aval ás accións israelís e da influencia na campaña electoral para as presidenciais desde ano, e após a negativa de Netanyahu a ceder ás peticións do país americano e continuar a obstaculizar as negociacións para un alto o fogo.

Ademais, o Goberno ultradereitista de Israel, un Estado de carácter relixioso, aspecto intimamente vinculado ao apartheid, ameazou coa extensión dos combates, “incluída á zona de Rafah”, se “para o ramadán”, unha das celebracións máis importantes para as persoas musulmás, maioritarias en Palestina, e que este ano comeza o 10 de marzo, as persoas israelís detidas en Gaza seguen presas.

Comentarios