A relatora da ONU para Palestina acusa Israel de perpetrar un xenocidio en Gaza

Netanyahu racha as negociacións dun alto o fogo
Francesca Albanese. (Foto: AAPIMAGE / DPA)
photo_camera Francesca Albanese. (Foto: AAPIMAGE / DPA)

Israel cometeu tres dos cinco actos que inclúe a Convención sobre Xenocidio da Organización das Nacións Unidas (ONU), polo que existen “motivos razoábeis” para afirmar que está a desenvolver un xenocidio contra o pobo palestino na Faixa de Gaza no marco da agresión militar contra o enclave que comezou en outubro, ratificou a terza feira a relatora especial da ONU para os territorios palestinos, Francesca Albanese, na presentación dun informe ao respecto no Consello de Dereitos Humanos do 
organismo internacional.

Albanese explicou que o réxime de apartheid sionista xerou “graves danos físicos ou mentais a membros do grupo” oprimido, creoulle “deliberadamente” unhas “condicións de vida calculadas para provocar a súa destrución física total ou parcial” e impuxo “medidas destinadas a impedir os nacementos”.

Na súa intervención, explicou que máis de 30.000 palestinas e palestinos foron asasinados nos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil e no intento de invasión israelí de Gaza, detallando que ademais 12.000 persoas están desaparecidas, e presumibelmente falecidas baixo os cascallos dos edificios destruídos polos sionistas.

Neste sentido, sinalou que máis de 70% das mortes rexistradas corresponden a mulleres e crianzas, perante o que Israel non foi quen de demostrar que o 30% restante foran combatentes activos da organización palestina Hamás. Nos case seis meses desde o inicio da agresión militar, Israel arrestou milleiros de persoas palestinas, ás que torturou e someteu a malos tratos.

Ao tempo, o bloqueo á entrada da axuda humanitaria por parte do Goberno de extrema dereita israelí desencadeou mortes por inanición, apuntando que dez crianzas falecen cada día por este motivo.

Albanese tamén debullou como as tropas sionistas destruíron ou danaron gravemente a meirande parte da infraestrutura gazatí, incluíndo hospitais e terras agrícolas.

O certo, insistiu, é que Israel ten unha “política estatal de violencia xenocida contra os palestinos”, contra os que xa perpetrara dúas limpezas étnicas antes desta agresión militar.

En paralelo, o Goberno israelí encabezado por Benjamin Netanyahu ordenou ao equipo que negociaba un cesamento de hostilidades en Gaza que abandonara as conversas, e sostivo, entre outras cuestións, que as negociacións foran obstaculizadas pola aprobación no Consello de Seguridade da ONU dunha resolución que exixe un alto o fogo inmediato, tras a que Washington, principal aliado e provedor de armas israelí, reiterou que non é vinculante.

Comentarios