A agresión israelí espalla a desnutrición na Faixa de Gaza

Dez crianzas morren cada día de inanición no territorio palestino.
Crianzas palestinas entre os cascallos de Gaza. (Foto: Yasser Qudih / Europa Press / Contacto)
photo_camera Crianzas palestinas entre os cascallos de Gaza. (Foto: Yasser Qudih / Europa Press / Contacto)

Moitas crianzas “están desnutridas porque neste momento non chega suficiente comida”, tamén “vimos nenos aos que lles falta unha ou ambas as dúas extremidades”, a situación en Rafah, no sur de Gaza, é “atronadoramente catastrófica”, detallou a cuarta feira á canle Al Jazeera a directora global de medios de Save the Children, Soraya Ali.

Amais de denunciar que “a axuda chega a un ritmo alarmantemente lento”, algo causado polo bloqueo israelí, sinalou que “a superpoboación é o primeiro que se nota” na urbe, na que se concentra máis da metade das 2,3 millóns de persoas que viven en Gaza, que chegaron alí fuxindo dos bombardeos indiscriminados e do intento de invasión israelí do enclave palestino.

Crianzas en ósos

Imaxes difundidas pola canle do interior do territorio amosan crianzas en ósos e con distintos problemas derivados da falta de alimentos. James Elder, voceiro do Fondo da Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Infancia, Unicef, apuntou que “as crianzas están delgadas como o papel por malnutrición”.

En dúas décadas na ONU “nunca vin” un “lugar onde a situación nutricional empeorara tanto en tan pouco tempo”, subliñou.

Xenocidio

Ao tempo, a relatora especial da ONU para Palestina, Francesca Albanese, estimou que dez crianzas están a morrer cada día de inanición na presentación dun informe no que acusa Israel de xenocidio, incidindo en que as accións do réxime de apartheid sionista só poden interpretarse como unha tentativa de “destruír sistematicamente os palestinos como grupo”.

O Programa Mundial de Alimentos da ONU recalcou que 1,1 millóns de persoas afrontan unha “fame catastrófica”. Desde outubro, os militares liderados polo Goberno de ultradereita israelí asasinaron 32.490 palestinas e palestinos.

Comentarios