Israel ataca responsábeis de axuda alimentaria nunha Faixa de Gaza na que a fame é xa "masiva"

O asedio israelí contra o pobo palestino en Gaza causa unha fame masiva que recoñeceron até os Estados Unidos, que seguen a conceder un apoio fechado ás súas accións cando Israel decidiu atacar responsábeis da distribución de axuda no enclave.
Crianzas nunha fileira para conseguir comida en Rafah, no sur da Faixa de Gaza, a segunda feira. (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News)
photo_camera Crianzas nunha fileira para conseguir comida en Rafah, no sur da Faixa de Gaza, a segunda feira. (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News)

Israel, “como potencia ocupante, ten a obriga de garantir a subministración de alimentos e atención médica á poboación” e de “facilitar o traballo das organizacións humanitarias para brindar esa asistencia”. Neste sentido, a obstaculización ao ingreso de axuda e a “forma na que continúa levando a cabo as hostilidades” na Faixa de Gaza constituirían un crime de guerra, resolveu a terza feira a Oficina de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas (ONU).

Para rematar con esta crise “provocada polo home” e “completamente” evitábel é “preciso restabelecer por completo os servizos esenciais, incluída a subministración de alimentos, auga, electricidade e combustíbel”, incidiu, ademais de acusar o réxime de apartheid sionista de usar a fame como “método de guerra”. Jens Laerke, voceiro da Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios, detallou que “todos os mecanismos de supervivencia esgotáronse e, atención, eses mecanismos son xente comendo sementes para paxaros, forraxe para animais, herba ou maleza. Estamos máis alá diso, literalmente non queda nada”.

Incluso Antony Blinken, secretario de Estado dos Estados Unidos, o principal aliado e provedor armamentístico israelí, admitiu que “100% da poboación de Gaza enfronta niveis severos de inseguridade alimentaria aguda, é a primeira vez que unha poboación enteira é clasificada así”.

Este dato foi recollido nun informe avalado pola ONU, que sinala que 70% dos 2,3 millóns de persoas que viven en Gaza afronta unha “fame catastrófica”, e prevé unha fame masiva desde este momento até maio no norte do territorio. O certo é que a fame na Faixa xa é unha realidade, como amosa a morte de no mínimo 27 crianzas por inanición, todo isto no marco do colapso do sistema de recollida de lixo e de saneamento, que derivou nun gromo de hepatite A.

O director da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, Phillippe Lazzarini, revelou varias das escusas esgrimidas por Israel para negar o permiso de entrada en Gaza de camións con axuda humanitaria. Un deles foi rexeitado posto que o seu cargamento incluía tesoiras médicas. Tampouco acepta anestésicos, botellas de osíxeno, ventiladores, medicamentos contra o cancro, pastillas para potabilizar a auga ou paquetes de maternidade.

O organismo internacional tamén cuestionou os lanzamentos de axuda desde o aire ou as entregas por vía marítima, posto que non poden substituír o volume das rutas terrestres. As 200 toneladas entregadas polo buque Open Arms supoñen a mesma axuda que cargan 15 camións, e Gaza precisa 500 cada día.

De feito, recorrer a estas estratexias é “un signo de impotencia e de debilidade por parte da comunidade internacional”, concluíu Agnès Callamard, secretaria xeral de Amnistía Internacional, que criticou que non se exixan responsabilidades a Israel polo que persoas expertas da ONU cualifican de limpeza étnica e xenocidio.

Unha vez que a axuda logra entrar, foron rexistrados múltiples ataques aos convois das tropas sionistas, que tamén perpetraron varios masacres entre persoas que agardaban a chegada de alimentos, nun deles faleceron máis dun centenar de palestinas e palestinos.

Intento de colapsar Gaza

En paralelo, Israel tratou de forzar clans familiares de Gaza a asumir a responsabilidade da distribución de axuda no terreo, o que estas persoas rexeitaron. Tras o fracaso, comezaron os asasinatos das autoridades da Faixa, gobernada pola organización palestina Hamás, que exercían esta función.

A terza feira, un bombardeo israelí contra a súa casa matou Raed al Banna -e a súa parella e crianzas-, director de investigacións policiais no norte de Gaza e responsábel de asegurar e facilitar a entrada de convois humanitarios na zona. Un día antes, o asasinado foi o xefe de Policía, Faiq Mabhouh, que coordinaba os camións que desprazaban axuda ao norte do enclave.

Oxfam corroborou que os esforzos israelís para evitar a chegada da axuda precisa para acabar coa fame son “deliberados”, e canda Human Rights Watch exixiu que os Estados Unidos poñan fin á entrega de armas a Israel.

No que atinxe ao asalto de soldados israelís ao hospital al Shifa da cidade de Gaza, foron asasinadas máis de 50 persoas palestinas, comunicou Israel, que detivo outras 180. Nas proximidades do centro médico, combatentes da resistencia loitaron contra as tropas ocupantes, que lanzaron bombardeos como o que matou quince membros dunha familia.

Porén, os ataques aéreos proseguiron noutras zonas do enclave como Rafah, onde se concentra a metade da poboación e o seguinte obxectivo militar de Israel, que trasladou a Washington que asaltará a urbe na fronteira con Exipto. A Autoridade Nacional Palestina acusou o réxime de apartheid de “destruír Rafah sen anuncialo para evitar reaccións internacionais”.

Desde o comezo da agresión militar israelí en outubro, 31.819 palestinas e palestinos foron asasinados en Gaza, entre eles arredor de 13.000 crianzas, unha cifra superior a de nenas e nenos mortos no resto dos conflitos bélicos decorridos no mundo desde 2019.

Gaza encabeza unha fronte interna contra Joe Biden

Após sumar 19% en Minnesota ou 13% en Michigan nas eleccións primarias do Partido Demócrata, que presentará de novo o actual mandatario, Joe Biden, nas presidenciais, as organizacións que defenden o voto “non comprometido” nos Estados Unidos en rexeitamento ao apoio a Israel do mandatario presentaron un movemento en todo o país, co fin de restarlle apoios para forzar un cambio na súa posición.

A perda de apoio interno, á vez que boa parte dos Estados do Sur Global intensificaban a presión contra Washington, causou pequenas mudanzas na posición pública estadounidense, cada vez máis crítica contra as accións israelís, o que ao tempo non foi acompañado de accións prácticas.

Ao respecto, o xornal The Washington Post divulgou, citando unha vintena de fontes, que desde os primeiros compases da agresión israelí Biden era consciente de que Israel bombardeaba repetidamente edificios civís sen ningunha clase de proba de que houbera no interior obxectivos militares, o que non xustificaría en base ao dereito internacional os ataques pero confirma o carácter indiscriminado dos bombardeos israelís contra a poboación civil de Gaza. O medio asegura que a reputación do país está en xogo por mor deste apoio.

Comentarios