A Xustiza dos Países Baixos frea o envío de material militar a Israel

Bruxelas pide a Washington "máis que palabras".
Restos dun ataque israelí. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Restos dun ataque israelí. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Un tribunal de apelacións neerlandés ordenou hoxe ao Goberno que en sete días suspenda a entrega de pezas para os avións de combate F-35 utilizados por Israel no marco da agresión militar á Faixa de Gaza, na que foron asasinadas máis de 28.000 palestinas e palestinos desde outubro, nunha operación que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de limpeza étnica e xenocidio.

A decisión xudicial impugna un veredicto anterior que avalaba a exportación deste material militar, que pertence aos Estados Unidos, desde un depósito nos Países Baixos, ao resolver que existe un “risco claro” de que estas pezas sexan utilizadas en “violacións graves do dereito internacional humanitario”. Nese sentido, determinou que o risco de que se produzan estas violacións prevalece ante a decisión política de manter boas relacións cos Estados Unidos e con Israel. O Executivo xa anunciou que recorrerá a sentenza perante a Corte Suprema.

Asemade, o Alto representante da Unión Europea (UE) para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, citou as palabras do presidente estadounidense Joe Biden, que definiu como “desproporcionadas” ou “excesivas” as accións sionistas en Gaza, para demandar a Washington “máis que palabras”, indicando que a “UE non está a fornecer de armas Israel”.

Arredor desta cuestión, transcendeu que o Goberno español vendeu munición a Israel logo de asegurar en distintas ocasións que desde o comezo da agresión a Gaza non se produciran vendas, lonxe en todo caso das cifras de Alemaña, que nos últimos 15 anos concentrou unha cuarta parte das compras de armas israelís. Amais, Amnistía Internacional reclamou investigar como posíbeis crimes de guerra bombardeos israelís en decembro e xaneiro contra Rafah, a cidade do sur de Gaza na que se xunta máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes da Faixa.

O asalto da localidade, que Israel adiantou como parte do seu intento de invasión do territorio, levaría á suspensión dos acordos de paz entre os sionistas e Exipto.

En última instancia, Israel anunciou que rescatou dúas persoas detidas en Gaza desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro, para o que lanzou bombardeos indiscriminados en Rafah que mataron 67 persoas.

105 persoas foron liberadas por Hamás no alto o fogo dunha semana en 2023, en paralelo aproximadamente 130 persoas israelís seguen detidas na Faixa, unha trintena das que terían morto nos bombardeos.

Comentarios