Israel sae do hospital al Shifa da Faixa de Gaza após destruílo e deixar centos de cadáveres no interior

O Exército israelí sostén que matou no al Shifa 200 “terroristas”, detendo 900 persoas.
Restos do hospital al Shifa, en Gaza (Foto: Khaled Daoud / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press).
photo_camera Restos do hospital al Shifa, a segunda feira. (Foto: Khaled Daoud / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)

Despois dunha ocupación de dúas semanas do centro médico, que xa fora asaltado en novembro, os militares israelís marcharon na madrugada da segunda feira do hospital al Shifa do territorio palestino de Gaza, situado no norte do enclave. A axencia Wafa detallou que fontes médicas trasladaron que centos de cadáveres de civís asasinados foron atopados no centro médico tras a retirada das tropas, explicando que os sionistas arrasaron o cemiterio provisorio no lugar, espallando os corpos en diferentes áreas do hospital.

Varios membros do persoal médico foron asasinados, “outros torturados, outros detidos” e “asediados durante dúas semanas sen ningunha subministración médica, nin sequera comida e auga”, explicou Raed al Nims, representante da Media Lúa Vermella de Palestina, explicando que as testemuñas narraron as execucións cometidas polos militares israelís, con mortes tamén por inanición.

Tamén denunciou que múltiples departamentos do centro médico foron “incendiados”, algo confirmado pola canle Al Jazeera, que relatou que tanto os distintos edificios do complexo médico como as máquinas “están totalmente destruídas”.

O Exército israelí sostén que matou no al Shifa 200 “terroristas”, detendo 900 persoas. Porén, a resistencia palestina rexeitou reiteradamente ter presenza nos hospitais, acusación repetida polo Goberno de extrema dereita israelí, que até o de agora non foi quen de probalo. As autoridades de Gaza cifraron o número de persoas asasinadas no hospital en 400.

Ademais, a Organización Mundial da Saúde (OMS) comunicou que 21 pacientes faleceron durante o asalto israelí, e corroborou a morte de catro persoas nun bombardeo israelí contra o hospital Mártires de al Aqsa, no centro da Faixa, no marco da vaga de ataques a centros médicos.

Desde o comezo en outubro da agresión militar israelí contra Gaza, cualificada por persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) como un xenocidio e unha limpeza étnica, no mínimo 32.845 persoas foron asasinadas nos bombardeos indiscriminados de Israel contra a poboación civil e no intento de invasión do territorio.

Ao tempo, os Estados Unidos e Israel programaban onte desenvolver unha reunión virtual sobre o ataque anunciado dos sionistas contra Rafah, a urbe do sur de Gaza na que se concentra máis da metade da poboación, que chegou fuxindo dos ataques israelís. Todo isto despois de que Washington aprobara o envío dun novo paquete de armamento a Israel.

Comentarios