Crianzas orfas, mortas por desnutrición e sen esperanza no inferno de Gaza: "Nenos de cinco anos din que queren morrer"

As organizacións humanitarias alertan das primeiras vítimas mortais por fame, deshidratación e escaseza doutros bens básicos dentro da Faixa, onde están a piques de alcanzarse as 30.000 mortes en menos de cinco meses.
Seis crianzas sobre os cascallos dun edificio derrubado polo fogo israelí na cidade de Rafah, ao sur de Gaza. (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News)
photo_camera Seis crianzas sobre os cascallos dun edificio derrubado polo fogo israelí na cidade de Rafah, ao sur de Gaza. (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News)

Cando están a piques de alcanzarse as 30.000 vítimas mortais na Faixa de Gaza en menos de cinco meses por mor dos incesantes ataques israelíes, oenegués como Save The Children alertan de que están a detectarse os primeiros casos de morte por fame en crianzas no norte da rexión. "O que estamos presenciando é unha matanza masiva de nenos e nenas a cámara lenta, porque non queda comida e non lles chega nada", afirma o director desta organización nos territorios palestinos, Jason Lee.

Ao norte da Faixa hai máis dun mes que Israel impide o acceso á Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA), polo que a escaseza de bens básicos é cada vez máis abafante. "Dous nenos morreron como consecuencia da deshidratación e desnutrición no Hospital Kamal Adwan. A seca e a desnutrición acabarán coa vida de miles de crianzas e mulleres embarazadas en Gaza", denunciaba esta terza feira o Ministerio de Saúde.

Son máis de 1,1 millóns de nenos e nenas, segundo datos de Save The Children, as que corren un risco severo de morrer nas próximas semanas polas precarias condicións que padecen desde outubro. Unha de cada seis crianzas das que aínda residen no norte da rexión, precisan, sofre desnutrición aguda. Porén, estas cifras serían só "a punta do iceberg", pois, debido ao "colapso das comunicacións" e ao veto ás axencias humanitarias a acceder a esta parte do territorio, o máis castigado polo Exército israelí, a realidade pode ser moito máis devastadora se callar.

"Os nenos e nenas morren de fame mentres se nega o acceso aos camións de alimentos e os continuos combates impiden a entrega da pouca axuda que chega a Gaza. Non estamos superando esa proba. A menos que a comunidade internacional tome medidas para cumprir coas súas responsabilidades en virtude das Convencións de Xenebra e impedir os crimes máis graves de transcendencia internacional, incluído o uso da inanición como método de guerra, a historia xulgaranos, e debería xulgarnos, a todos", censura Jason Lee.

O representante de Save The Children incide en que miles de palestinos e palestinas "están morrendo porque o mundo non os protexeu", e porque as familias foxen cara ao sur, principalmente con destino Rafah, seguindo as primeiras indicacións dun Israel que agora converteu esta cidade no seu "próximo obxectivo militar". "Están atrapadas nunha trampa mortal", reitera.

Tamén a Organización da ONU para a Agricultura e a Alimentación (FAO, en inglés), demandou esta terza feira ante o Consello de Seguridade das Nacións Unidas un cesamento inmediato do fogo e a restauración do espazo humanitario dentro da Faixa para poder ofrecer asistencia ás vítimas e combater a crecente fame, insistindo en que a alimentación é "un dereito humano básico".

E dentro da gravidade da situación, as oenegué insisten na alta vulnerabilidade das crianzas, moitas delas soas ante un mundo, o único que coñecen, inzado de carestía, violencia e morte. "Os equipos médicos engadiron ao seu vocabulario un novo acrónimo, 'Crianza Ferida, Sen Familiares Sobreviventes' (WCNSF, en inglés). Os nenos non só soportan as feridas visíbeis, senón tamén as invisíbeis: as dos desprazamentos, o medo constante e presenciar familiares desmembrados ante os seus ollos. Nenos de tan só 5 anos dixéronnos que queren morrer", enumerou a pasada semana ante o Consello de Seguridade da ONU o secretario xeral de Médicos Sen Fronteiras, Christopher Lockyear.

Comentarios