As leis internacionais apoian a "loita armada" palestina, lembra a China

Avances nas negociacións para un alto o fogo na Faixa de Gaza.
Familias palestinas despedíndose dos seus familiares asasinados por Israel en Gaza. (Foto: Naaman Omar / Europa Press / Contacto)
photo_camera Familias palestinas despedíndose dos seus familiares asasinados por Israel en Gaza. (Foto: Naaman Omar / Europa Press / Contacto)

Na cuarta xornada das audiencias na Corte Internacional de Xustiza (CIX) para analizar as consecuencias legais da ocupación israelí dos territorios palestinos, Ma Xinmin, representante do Ministerio de Relacións Exteriores chinés, subliñou hoxe que “varias resolucións da Organización das Nacións Unidas (ONU) recoñecen a lexitimidade da loita por todos os medios dispoñíbeis, incluída a loita armada, dos pobos baixo dominación colonial ou ocupación estranxeira”.

O “uso da forza por parte do pobo palestino para resistir a opresión estranxeira” e alcanzar un Estado independente “é un dereito inalienábel ben fundamentado no dereito internacional”, ratificou, cuestionando a falta de implementación das resolucións da ONU e reiterando o apoio chinés á causa palestina.

O suposto dereito a defenderse israelí

A argumentación chinesa, logo de que os Estados Unidos solicitaran ao tribunal que non sentencie que Israel debe acabar coa ocupación sen ter en conta as “necesidades de seguridade” sionistas, abordou a reiterada reclamación do país americano e de Israel do seu dereito a defenderse.

Porén, na xurisprudencia da propia CIX queda claro que este dereito só se refire a un risco ou a un ataque procedente dun Estado, non dun grupo nacional ou de resistencia interno, e moito menos dun grupo humano que busca acabar coa colonización do seu territorio.

Alto o fogo

Arredor das negociacións para un acordo de alto o fogo en Gaza que implique un intercambio de persoas presas, fontes palestinas citadas pola axencia EFE adiantaron que hai posibilidades de que a vindeira semana se anuncie un pacto.

Isto chega após rebaixar Hamás as súas exixencias perante a obstaculización das conversas por parte do Goberno de extrema dereita israelí.

Comentarios