O Consello de Seguridade da ONU exixe un alto o fogo inmediato en Gaza

14 votos a favor e abstención estadounidense
Palestinas asasinadas por Israel. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Palestinas asasinadas por Israel. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)

Finalmente, case seis meses despois do inicio da agresión militar israelí contra o territorio palestino de Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican como unha limpeza étnica e un xenocidio, o Consello de Seguridade da ONU vén de aprobar unha resolución que exixe un alto o fogo inmediato durante o ramadán, unha das celebracións máis importantes para as persoas musulmás, que conduza a un cesamento de hostilidades duradeiro e sostíbel.

A proposta foi deseñada polos dez membros electos do organismo, que non teñen dereito de veto, e apoiada por todos os integrantes do Consello agás os Estados Unidos, que se abstiveron nun texto que demanda que se facilite a entrega de axuda humanitaria e se poña fin á fame en Gaza, así como a liberación das persoas israelís detidas na Faixa.

Fontes diplomáticas citadas pola canle Al Jazeera explicaron que pouco antes da reunión Washington pediu substituír a referencia a un alto o fogo “permanente” por “duradeiro”. A pasada semana, Rusia e a China tombaron unha proposta estadounidense de alto o fogo pola súa ambigüidade, tras vetar Washington distintas resolucións neste sentido.

Nas horas previas á xuntanza, a prensa sionista difundiu que o primeiro ministro do Executivo de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, cancelaría as reunións dunha delegación de Israel na Casa Branca se Washington non vetaba a resolución.

Con anterioridade, o seu Gabinete indicara que estaba disposto a romper co seu principal aliado e provedor armamentístico para continuar coa agresión militar na cidade gazatí de Rafah, e a vicepresidenta estadounidense, Kamala Harris, non descartou ningunha consecuencia se Israel avanza cara á urbe.

A votación desenvolveuse cando xa se rexistraron mortes por inanición na Faixa, onde un informe apoiado pola ONU sinalou que milleiros de persoas se sumarían a esta lista nas vindeiras semanas sen o ingreso masivo de axuda humanitaria, cuxo acceso bloquea Israel.

A pesar das múltiples advertencias lanzadas por organismos internacionais e entidades en defensa dos dereitos humanos, Philippe Lazzarini, que encabeza a Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, trasladou que o Goberno de ultradereita comunicou que non aprobará a entrada de convois de axuda humanitaria ao norte de Gaza.

Desde o comezo da agresión militar israelí contra Gaza en outubro foron asasinadas no mínimo 32.333 persoas, e case 75.000 resultaron feridas.

Comentarios