Israel asalta o principal hospital operativo na Faixa de Gaza

Hamás denuncia a "guerra de exterminio" sionista.
Crianzas piden comida en Gaza. (Foto: Yasser Qudih / Xinhua News / ContactoPhoto)
photo_camera Crianzas piden comida en Gaza. (Foto: Yasser Qudih / Xinhua News / ContactoPhoto)

Logo de que os bombardeos indiscriminados e o intento de invasión israelí do territorio palestino de Gaza afectaran 84% das instalacións sanitarias da Faixa segundo a Organización das Nacións Unidas (ONU), os militares sionistas iniciaron hoxe o asalto con tanques ao hospital Nasser de Khan Younis, no sur do enclave.

Poucas horas antes reclamara ás arredor de 10.000 persoas refuxiadas no centro sanitario que evacuasen, malia o que lanzou a súa ofensiva contra o hospital entre reportes de ataques de francotiradores e drones israelís ás persoas que trataban de fuxir.

Tamén expulsou ou detivo os equipos médicos, como xa fixera nos asaltos armados a outros hospitais do territorio como o al Shifa, o al Rantisi e o al Amal. Dun destes centros, o hospital infantil Al Nassr, transcenderon imaxes dos corpos en descomposición de bebés abandonados polas tropas sionistas unha vez forzado o persoal médico a marchar.

Se para xustificar estes asaltos Israel usou distintas xustificacións que nunca chegou a probar, no caso do Nasser aduce que o ataque responde a informacións que sitúan cadáveres de persoas israelís detidas en Gaza no recinto, mais sen amosar ningunha proba.

Estímase que un cuarto das 130 persoas israelís detidas en Gaza faleceron, con denuncias de Hamás de que foron asasinadas polos bombardeos sionistas contra os civís de Gaza, onde morreron máis de 28.000 persoas palestinas.

O Ministerio de Saúde da Faixa, gobernada por Hamás, informou de que o Exército israelí destruíu dúas ambulancias, e Médicos Sen Fronteiras exixiu a fin do ataque e comunicou que un membro do seu equipo foi detido e outro estaba desaparecido.

En paralelo, Hamás asegurou que as acusacións israelís son “mentiras”, e cualificou o asalto como un novo paso na “guerra de exterminio” israelí, que persoas expertas da ONU consideran unha limpeza étnica e un xenocidio.

Fuxida de Rafah

Israel tamén intensificou os bombardeos contra distintas áreas da Faixa, como os que asasinaron no mínimo 12 persoas no campamento de refuxiados de Nuseirat, especialmente en Rafah, na fronteira de Gaza con Exipto, causando o comezo dun novo éxodo da poboación palestina, que está a fuxir a outras zonas do territorio palestino no contexto do anunciado asalto israelí á cidade, que designara no seu momento como segura para a poboación.

Comentarios