Voces de Palestina

Mussa'ab Bashir, xornalista nado na Faixa de Gaza: "Até que non haxa resposta popular poderán chegar onde sexa"

O xornalista nado en Gaza e residente no Estado español Mussa'ab Bashir conversa con Nós Diario xusto cando ultima un vídeo dirixido aos habitantes dos kibbutz que foron atacados por Hamas para que comprendan o contexto do que acontece, posto que "non saben nada da poboación histórica" de Palestina.
Mussa'ab Bashir informando desde a Faixa de Gaza en 2016. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mussa'ab Bashir informando desde a Faixa de Gaza en 2016. (Foto: Nós Diario)

—Como se vive o que está a acontecer desde a distancia, con familia en Gaza?
Con moitísima rabia, porque persoalmente estou fronte a unha disonancia, eu estou en España, un país gobernado por unha Constitución que di que é un Estado de dereito que está aliñado co dereito internacional, en Palestina hai violacións diarias do dereito internacional.

—A que responde a diferenza do tratamento mediático e político dos sucesos en Ucraína ou en Palestina?
Israel serviu de base avanzada dos colonialismos ao lavarse as mans os réximes hexemónicos da súa culpa da inxustiza histórica contra os xudeus, e en vez de solucionala asimilándoos nas súas terras natais, o que se aliña co dereito internacional, aceptaron convertelos en peóns do colonialismo en detrimento dun pobo nativo milenario como o palestino, dar o beneplácito á limpeza étnica, as agresións de Israel, usalo como laboratorio de armamento, de Intelixencia Artificial, de espionaxe.

—Cal é o límite para xustificar os crimes israelís?
Até que non haxa unha resposta popular firme poderán chegar onde sexa, e por iso é importante escoitar o chamamento palestino para boicotear Israel, cando non sexa rendíbel manter a relación haberá un cambio. Até que non haxa unha abolición do sistema capitalista a táctica é boicotear o produto económico, político, deportivo, artístico.

—Que implica ser xornalista en Gaza nestes momentos?
A primeira imaxe que vin esta mañá e dun colega de Gaza que mandou a foto doutro colega, Hatem Omar, dunha cadea local palestina, está fronte á neveira onde gardan os cadáveres con xente da súa familia dentro, estamos castigados, hai colegas que perderon as súas casas.

A un deles, un xornalista moi serio e rigoroso, Muzana Annayar, bombardeáronlle a súa casa e deixaron a súa familia na rúa posto que foi o primeiro xornalista no mundo que fixo unha reportaxe con imaxes dentro dos kibbutz após a penetración dos combatentes palestinos, e esa foi a resposta.

Comentarios