8-M

As cifras da barbarie: 9.000 mulleres palestinas foron asasinadas por Israel desde outubro de 2023

Os conflitos armados incrementan as desigualdades de xénero preexistentes, un contexto no que as mulleres e nenas padecen de forma diferencial, e que ten neste momento o seu máximo expoñente na Faixa de Gaza.
Unha muller e unha crianza feridas na Faixa de Gaza nun bombardeo israelí en novembro de 2023 (Foto: Naaman Omar / Zuma Press).
photo_camera Unha muller e unha crianza feridas na Faixa de Gaza nun bombardeo israelí en novembro de 2023. (Foto: Naaman Omar / Zuma Press)

No ano 2000, o Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) aprobou a resolución 1325, na que admite que a guerra contén implicacións diferentes para homes e mulleres, instando a “todas as partes nun conflito armado a que adopten medidas especiais para protexer as mulleres e as nenas da violencia por razón de xénero, particularmente da violación e doutras formas de abusos sexuais”.

Porén, “pouco se fixo no que vai de século” neste sentido, un tempo no que as “mulleres non só non tiveron ningún tipo de protección”, senón que “non deixaron de ver como os seus dereitos, incluídos os seus dereitos sexuais e reprodutivos, se vulneran día tras día”, ratificou a quinta feira Beatriz Martos, responsábel do ámbito de Amnistía Internacional, na véspera do Día Internacional das Mulleres Traballadoras.

Nos conflitos armados, as mulleres desempeñan desde unha participación activa como combatentes, alcanzando case 40% dos membros das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia, até un papel de coidados en liña coa desigualdade de xénero, asumindo a responsabilidade da supervivencia das súas familias en situacións límite.

A violencia sexual contra as mulleres reportouse nos principais conflitos activos. En Ucraína, onde Amnistía advirte do risco de “converterse en vítima de trata con fins de explotación sexual” ás mulleres que se viron obrigadas a abandonar o país, a guerra limitou o acceso á asistencia médica, incidindo na saúde das mulleres. Ademais, a ONU detallou que a erosión da situación da seguridade interna no país eslavo tras a invasión rusa desatou un incremento da violencia sexual no territorio.

No Sudán, confirmáronse violacións a mulleres e nenas, que chegaron a estar retidas en condicións de escravitude sexual, incluída unha crianza de 12 anos. A meirande parte das testemuñas responsabilizan membros das paramilitares Forzas de Apoio Rápido e de milicias árabes aliadas.

Ao outro lado do mar Vermello, no Iemen, e logo da destrución do país após unha década de guerra, é cotiá a violencia sexual e física contra as mulleres migrantes que transitan polo territorio. Neste caso, e como acontece tamén perante desastres graves como as secas, multiplicáronse os matrimonios infantís por mor da crise económica. Case dous terzos das mulleres no Iemen casan antes dos 18 anos, confirma a ONU. No país hai 4,5 millóns de persoas desprazadas, delas, tres cuartas partes son mulleres e crianzas.

O certo é que os conflitos armados aumentan as desigualdades de xénero que xa existen, o que se reflicte en aspectos como o ensino. Nas guerras, as nenas teñen 90% menos probabilidades de ter acceso á educación que os nenos, indican os datos da ONU.

No que atinxe a Myanmar, país no que a Xunta Militar trata de manterse no poder diante do avance dos grupos armados soberanistas, unha misión de persoas expertas da ONU concluíu que os militares perpetraron violencia sexual de forma sistemática contra as mulleres de minorías étnicas. Xa en Tigrai, e a pesar da fin da guerra en novembro de 2022, as Forzas de Defensa de Eritrea, aliadas do Goberno etíope, continuaron cometendo violacións, escravitude sexual, saqueos e execucións.

Unha guerra contra as mulleres

A relatora da ONU para os defensores dos dereitos humanos, Mary Lawlor, cualificou a agresión israelí contra o territorio palestino de Gaza como unha “guerra contra as mulleres e as crianzas”. As cifras da Oficina Central Palestina de Estatísticas indican que 9.000 mulleres palestinas foron asasinadas desde o comezo o pasado mes de outubro da ofensiva sionista, que persoas expertas do organismo internacional consideran un xenocidio e unha limpeza étnica.

Se engadimos as crianzas, suman 70% das 30.800 persoas asasinadas na Faixa. En paralelo, 75% das máis de 70.000 persoas que resultaron feridas eran mulleres. A realidade é especialmente difícil para as embarazadas. Nestes momentos, arredor de 50.000 mulleres están nesta situación.

A falta de subministracións médicas e enerxía producida polo asedio israelí, e mailos ataques e asaltos contra os centros médicos, implicaron ter que levar a cabo cesáreas sen anestesia, como o resto de operacións cirúrxicas. Así e todo, 20.000 bebés naceron desde o inicio da agresión militar israelí.

O Comité da ONU para a Eliminación da Discriminación contra a Muller instou a reformar “a arquitectura de seguridade de todas as partes para garantir a paridade cunha cota mínima inicial de 30% para a representación das mulleres nos niveis de adopción de decisións en torno á mesa de negociación e en todo o proceso de consolidación da paz”, exixindo que as mulleres “deixen de pagar o custo da guerra”.

Mulleres e nenas supoñen un millón das case dous millóns de persoas desprazadas para fuxir dos bombardeos indiscriminados e do intento de invasión israelí de Gaza. Ademais, a ONU deu credibilidade a denuncias de violencia sexual tanto por parte da organización palestina Hamás como do Exército israelí.

Redúcense as opcións dun alto o fogo antes do ramadán

O grupo palestino Hamás, que goberna Gaza, acusou Israel de “frustrar” unha vez máis as negociacións para un alto o fogo nas conversas que están a decorrer no Cairo, a capital exipcia, apuntando que a negociación continuará a vindeira semana, o que faría imposíbel alcanzar un acordo antes do comezo do ramadán, previsto este domingo, o mes sagrado para as persoas musulmás. Así e todo, outros reportes sinalan que as conversas seguirían en marcha.

Pola súa parte, o Goberno de extrema dereita israelí ameazara con lanzar a invasión de Rafah, a cidade no sur de Gaza na que se concentra máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes do territorio, despois do inicio da festividade. O primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, insistiu en que “debemos unirnos contra os intentos de deter a guerra”.

Un informe de Refugees International corroborou que Israel bloqueou de maneira “consistente e sen fundamento” as operacións para entregar axuda humanitaria no enclave, no que organizacións internacionais advertiron dunha fame masiva e xa se están a producir mortes por inanición. Bassam al Hou, voluntario humanitario en Gaza, declarou á axencia AFP que as crianzas “están a morrer e desmaiándose de fame nas rúas”. 

Comentarios