Unha folga silenciosa marca o terceiro aniversario do golpe de Estado en Myanmar

As forzas soberanistas e opositoras deseñan unha transición pacífica.

Protesta contra a ditadura birmana en Bangkok, Tailandia, hoxe. (Foto: Adryel Talamantes / ZUMA Press Wir / DPA)
photo_camera Protesta contra a ditadura birmana en Bangkok, Tailandia, hoxe. (Foto: Adryel Talamantes / ZUMA Press Wir / DPA)

As rúas de Yangon e outras cidades birmanas apenas contaban hoxe con tráfico, e poucas persoas camiñaban pola rúa, reportaron medios internacionais, no terceiro aniversario do golpe de Estado no que os militares se fixeron co poder, dando paso a unha ditadura que se estende até a actualidade.

A situación explícase pola folga silenciosa convocada polos movementos opositores ao Exército, a quinta desde a sublevación, un chamamento para que as persoas permanezan nas súas casas ou lugares de traballo.

O relator especial sobre Myanmar da Organización das Nacións Unidas (ONU), Tom Andrews, detalla que “milleiros e milleiros [de persoas] foron asasinadas, 2,3 millóns foron desprazadas” e 18,6 millóns de persoas precisan axuda humanitaria, cando “a metade do país caeu na pobreza”, o “sistema de saúde está en ruínas” e o “sistema educativo non existe para millóns de crianzas”.

Momento crítico para os militares

O aniversario do golpe de Estado prodúcese no peor momento para as Forzas Armadas, que “controlan menos da metade do país”, sinala. En outubro, varias forzas soberanistas, aliadas coas Forzas de Defensa do Pobo, vinculadas co Executivo no exilio, lanzaron unha operación militar no norte, o que foi aproveitado polas milicias noutras partes do Estado para iniciar as súas propias ofensivas.

Folla de ruta para unha transición pacífica

Neste contexto, fixeron pública unha folla de ruta e trasladaron que estaban abertas a conversas de paz cos militares se aceptaban a fin da ditadura e permitir unha transición pacífica do poder, así como renunciar a participación do Exército na política, que as tropas estean baixo o mando dun Gabinete civil electo e impulsar unha nova Carta Magna que consolide o federalismo.

Comentarios