Pontevedra ve “escandaloso” o proxecto de modificación que ENCE pretende levar a cabo en Lourizán

O Concello advirte que a empresa quere duplicar a súa ocupación nestes terreos e levantar distintos edificios e estruturas con alturas que van até os 70 metros, “en contra da normativa municipal”.

Eva Vilaverde
photo_camera Eva Vilaverde (Foto: Concello de Pontevedra)

A tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, compareceu en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local desenvolvida a primeira hora da mesma. Alén dos asuntos incluídos na orde do día, a concelleira quixo ofrecer información ao redor dunha cuestión relevante, como é o informe técnico de alegacións emitido polo Concello de Pontevedra perante a modificación puntual do proxecto sectorial de incidencias supramunicipal que afecta ao asentamento industrial de Lourizán.

“Sabedes que xa houbo unha fase previa de información pública na que o Concello presentou as alegacións e observacións pertinentes”, indicou Vilaverde. “Neste intre, do que se deu conta en XGL, foi do trámite de audiencia, no que foi notificada esta aprobación inicial da modificación e darlle para adiante as obras que ENCE ten proxectadas.

Neste trámite de audiencia, no que se nos solicita información ao Concello, o que nós facemos e trasladarlle á Xunta os informes municipais e as informacións correspondentes”.

É un informe “contundente” e “en contra desta modificación”, que recolle todas as observacións previas, “todas elas vixentes”, ao tempo que se incorporan outras novas, a raíz da información que se puxo a disposición do Concello.

Nese sentido, a tenente de alcalde cualificou de  “inaudito”, o feito de que a Xunta de Galiza “sexa extremadamente estrita cos particulares e as empresas pequenas, mais ao mesmo tempo élle sumamente doado darlle para diante e admitirlle calquera ocorrencia a ENCE, ou calquera cuestión que poña enriba da mesa. Sáltanse calquera principio e normativa, mesmo a propia, xa que nin lle aplican o POL”.

O proxecto que ENCE contempla para Lourizán resulta “escandaloso” para o Concello de Pontevedra, xa que duplicaría a ocupación actual dos terreos ou ampliaría as alturas coa construción de novos edificios que superarían as do edificio máis alto da cidade de Pontevedra.“Nas informacións que temos fálase da instalación dunha nova liña de astillado de 30 metros de altura, novos dixestores de 25 metros, tanques de lixivia de 20 metros, reactores de peróxido de 25 metros…", indicou a edil.

"Algunha torre podería mesmo acadar os 70 metros de altura, polo que falamos dun edificio de 20 andares, totalmente lonxe da normativa desta cidade. De seguir adiante este proxecto veríamos que o edificio máis alto de Pontevedra se constrúe diante da ría, incumprindo calquera tipo de integración paisaxística, norma de Costas ou esixencia de principios; por non falar da captación de auga, que sería aumentada, nun intre totalmente delicado logo dos períodos de seca que vivimos”.

Máis en POLÍTICA
Comentarios