Amnistía Internacional denuncia crimes de guerra masivos no Sudán

Nenas de até 12 anos padeceron violencia sexual no contexto dos crimes durante a terceira guerra civil sudanesa, que deixan a poboación civil sen lugares seguros.

Abdel Fattah al Burhan, líder do Exército do Sudán. (Foto: Mohamed Khidir / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Abdel Fattah al Burhan, líder do Exército do Sudán. (Foto: Mohamed Khidir / Zuma Press / Contactophoto)

“Civís de todo o Sudán sofren un horror inimaxinábel cada día que pasa mentres [os paramilitares de] as Forzas de Apoio Rápido (RSF) e as Forzas Armadas do Sudán compiten temerariamente polo control do territorio”, subliñou Agnès Callamard, secretaria xeral de Amnistía Internacional, na presentación esta quinta feira dun informe da entidade que certifica que se están a perpetrar na guerra civil que comezou o 15 de abril “crimes de guerra xeneralizados”.

Callamard explicou que “matan persoas no interior das súas casas ou mentres buscan desesperadamente comida, auga e medicamentos, atrapadas no fogo cruzado ao fuxir ou tiroteadas deliberadamente en ataques selectivos”.

Ratificando que “non hai lugares seguros”, detallou que ducias de mulleres e nenas padeceron violencia sexual, algunhas delas de apenas 12 anos. Tamén foron rexistrados casos nos que foron retidas ao longo de varios días en condicións de escravitude sexual.

A meirande parte dos casos foron atribuídos polas vítimas a membros das RSF dirixidas por Mohamed Dagalo, que chegaron a secuestrar un grupo de 24 mulleres e nenas ás que retiveron durante días, mais tamén hai denuncias contra o Exército que dirixe Abdel Fattah al Burhan.

No que atinxe a Darfur, no suroeste sudanés e a zona onde os paramilitares teñen o seu principal bastión, o documento confirma os ataques con motivacións étnicas contra as comunidades nilo-saharianas por parte das RSF e grupos armados árabes aliados.

A Organización das Nacións Unidas (ONU) xa alertara desta situación tras o asasinato do gobernador de Darfur Oeste por parte dos paramilitares, aos que responsabilizou dos asasinatos de 87 persoas destas comunidades cuxos corpos foron atopados nunha fosa común.

A organización non gobernamental debulla que, ao tratarse dun conflito armado non internacional, as partes deben rexerse polo dereito internacional humanitario, polo que indica que mandos individuais poden ser considerados responsábeis de crimes de guerra. Desde o comezo do conflito 750.000 persoas fuxiron a outros países e 2,6 millóns de persoas tiveron que desprazarse internamente para salvarse da violencia.

Asemade, Amnistía Internacional instou o Consello de Seguridade da ONU a ampliar o embargo de armas que está vixente sobre Darfur a todo o territorio sudanés, e reclamou un aumento da axuda humanitaria para o Sudán por parte da comunidade internacional.

Comentarios