A ONU reclama axuda para 345 millóns de persoas no mundo con fame aguda

Até 30% da humanidade sobrevive con inseguridade alimentaria. Para enfrontar o problema, a ONU pide un maior investimento da comunidade internacional.
Unha muller e unha crianza no val do Omo, no suroeste de Etiopía, unha das zonas do planeta máis afectadas pola seca. (Foto: Programa Mundial de Alimentos)
photo_camera Unha muller e unha crianza no val do Omo, no suroeste de Etiopía, unha das zonas do planeta máis afectadas pola seca. (Foto: Programa Mundial de Alimentos)

Até 345 millóns de persoas no planeta padecen inseguridade alimentaria grave, é dicir, non consumen alimentos durante días completos, denunciou onte o Programa Mundial de Alimentos (PMA) da Organización das Nacións Unidas (ONU), facendo fincapé en que en 2022 esta cifra aumentou 22% por mor da “crise climática, os conflitos e presións económicas”.

Esta situación obriga as familias afectadas a “comer menos ou saltarse as comidas por completo, así como a alimentar a nenos e non a adultos”, tamén fórzaas a “casar as crianzas cedo ou sacalas da escola e vender o pouco que lles queda”. En casos extremos, como o que sufre a poboación afgá, “as familias víronse obrigadas a vender os seus fillos nun intento desesperado por sobrevivir”, nunha situación con amplas repercusións de xénero, pois as cativas son as principais vítimas perante o aumento de casos de matrimonio infantil, como se detectou en África oriental, no que a cuarta tempada agrícola de seca consecutiva multiplicou os casos de fame severa.

Porén, “as cousas poden empeorar e empeorarán a menos que haxa un esforzo coordinado a grande escala para abordar as causas profundas desta crise, non podemos ter outro ano de fame récord”, asegurou David Beasley, director executivo do PMA.

O estado actual correspóndese a “unha crise alimentaria mundial sen precedentes”, incidiu, após o aumento continuado das cifras de fame aguda nos últimos tres anos, e que se duplicaron desde 2019.

Máis de 800 millóns de persoas pasaron algún nivel de fame en 2021, e se temos en conta os casos de inseguridade alimentaria moderada, a entidade desvela que 2.300 millóns de persoas teñen dificultades para acceder aos alimentos que precisan, arredor do 30% da poboación mundial.

No que atinxe aos factores que están a intensificar esta crise, encabezados polo incremento das desigualdades, destacaron que o aumento en frecuencia e intensidade dos desastres climáticos por causa do cambio climático deixa as persoas e institucións implicadas sen tempo material para recuperarse dos efectos destes fenómenos, como acontece no caso de Paquistán, que enfrontou masivas e repetidas inundacións que provocaron perdas por valor de 30.000 millóns de euros.

Asemade, apunta que a guerra en Ucraína supuxo unha nova interrupción do comercio mundial, elevando os custos de transporte e os prazos de entrega e limitando o acceso dos labregos a fertilizantes e outras subministracións, polo que terá un maior efecto nas vindeiras colleitas. Ao tempo, o PMA conclúe que os problemas económicos globais moderan a capacidade de resposta gobernamental, o que derivará nun maior número de persoas que non van poder pagar os alimentos, que, segundo revela o índice de prezos da FAO (a organización da ONU para a alimentación e a agricultura), medraron 7,2% nun ano.

Nos seis primeiros meses do ano, o PMA entregou asistencia a 111 millóns de persoas. Este plan operativo, “o máis ambicioso da historia da axencia”, ratificou Beasley, trata de evitar “que millóns de persoas morran de fame”, para o que solicitou unha maior contribución da comunidade internacional, tendo en conta que o PMA estima que a fame podía resolverse cun investimento de 7.000 millóns de euros.

Un problema de distribución, non de produción

“Hoxe en día as cadeas de produción alimentaria elaboran suficiente comida para nutrir a todos os habitantes do mundo”, corrobora a ONU. Así e todo, o problema é que “a distribución mundial é desigual”, sinala a FAO, que critica o contraste entre os países con máis recursos, con “grandes reservas”, e os países en desenvolvemento. A isto hai que engadir o desperdicio de máis de 1.000 toneladas de alimentos anualmente, algo que o secretario xeral da ONU, António Guterres, considerou “inaceptábel”.

A institución alerta de casos límite como o de Afganistán, Siria ou o Iemen, que fan case que imposíbel cumprir co Obxectivo de Desenvolvemento Sostíbel fixado pola ONU en 2030 de acabar coa fame, responsábel do 16% das mortes no mundo, a meirande parte de menores de cinco meses.

Comentarios