Os hutís abren a porta a un acordo que acabe con oito anos de guerra no Iemen

Este conflito armado foi cualificado por organismos internacionais como a peor crise humanitaria do mundo, con 23 millóns de persoas con necesidades urxentes.
Situación territorial no Iemen por mor da guerra que comezou en 2014. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Situación territorial no Iemen por mor da guerra que comezou en 2014. (Infografía: Nós Diario)

"Buscamos unha etapa clara, xa sexa unha tregua ou un alto o fogo permanente, e xa presentamos o noso punto de vista ao mediador omaní", asegurou esta segunda feira Mohamed Abdesalam, voceiro dos hutís, o movemento iemení que se enfronta ao Goberno recoñecido por Arabia Saudita, que encabeza a coalición militar que trata de mantelo no poder.

Asemade, defendeu que "sempre pedimos unha tregua humanitaria e abordar o aspecto humanitario, pero o inimigo non respondeu até que recibiu golpes dolorosos", diferenciando a negociación destes asuntos e das cuestións militares e políticas.

Nese sentido, explicou que para aceptar unha solución pactada exixen que estea "baseada no pago dos salarios dos empregados públicos a partir dos ingresos do petróleo e do gas, segundo os orzamentos de 2014", os últimos antes do inicio da deflagración bélica. Esta foi ao longo do conflito unha das reivindicacións principais do grupo.

Ao respecto da diminución dos combates, o tamén xefe da delegación negociadora hutí apuntou que o temor ás represalias freou os ataques da coalición militar e o "saqueo das reservas de petróleo e dos recursos naturais do país", que centraron unha campaña de ataques hutís nos portos. Desde o inicio da guerra, a alianza militar lanzou máis de 25.000 ataques aéreos contra o país.

O conflito do Iemen foi cualificado polos organismos internacionais como a peor crise humanitaria do mundo, con 23 millóns de persoas con necesidades urxentes.

O estancamento da guerra implicou un importante investimento en equipamento militar por parte da monarquía absoluta saudita. Estatísticas feitas públicas esta segunda feira sitúan precisamente Riad como o maior comprador deste material ao Estado español no primeiro semestre de 2022, gastando 300 millóns de euros.

Comentarios