Etiopía e Tigrai asinan o final da guerra máis sanguenta do mundo

As negociacións de paz en Suráfrica permiten alcanzar un acordo para frear os combates en Tigrai, no conflito bélico activo con máis vítimas mortais, e que chegaría o 4 de novembro ao seu segundo ano.
 

O mandatario etíope, Abiy Ahmed, que declarou a guerra, en Bruxelas xunta Charles Michel, presidente do Consello de Europa. (Foto: European Council / dpa)
photo_camera O mandatario etíope, Abiy Ahmed, que declarou a guerra, en Bruxelas xunta Charles Michel, presidente do Consello de Europa. (Foto: European Council / dpa)

Por primeira vez en case dous anos de guerra, as declaracións a cuarta feira de Olusegun Obasanjo, Alto representante da Unión Africana (UA) nas conversas de paz entre o Goberno federal de Etiopía e a Fronte Popular de Liberación de Tigrai (TPLF), ofreceron unha posibilidade tanxíbel de acabar coa guerra civil en Etiopía grazas a un acordo permanente de cesamento dos combates nun conflito no que perderon a vida máis de medio millón de persoas.

As primeiras conversas formais entre as partes, que comezaron o 25 de outubro, foron estendidas a segunda feira, segundo trasladou un funcionario citado por AP. O presidente da UA, Moussa Faki Mahamat, reiterou que amais do cesamento das hostilidades é prioritario abrir "unha vía para achegar apoio humanitario”.

Disparos e conversas simultáneas

Xusto despois de que o TPLF aceptara participar nas conversas de paz, Etiopía e Eritrea lanzaron un novo ataque para facerse cos aeroportos de Tigrai e tomar unha vez máis a capital tigriña, Mekelle, de onde foron expulsados o verán de 2021, nunha ofensiva que os levou a 200 quilómetros da capital, sendo repelidos tras unha mobilización xeral da poboación etíope.

O bloqueo dos Exércitos de Etiopía e Eritrea, tanto de axuda humanitaria como de comunicacións, provocou que os últimos días os tigriñas tiveran que retirarse de múltiples vilas pola falta de munición, indica Alex De Waal, director executivo da Fundación Mundial da Paz, que debulla que hai medio millón de soldados etíopes e eritreos loitando contra 200.000 tigriñas.

Esta situación “deixa expostos os civís o masacre, a violación e a fame”, apunta.

A devastación chegou a tal punto que é frecuente atopar hienas devorando os cadáveres producidos pola guerra, asegurou a BBC, tras lanzarse o Goberno etíope do Nobel da Paz Abiy Ahmed contra a rexión en novembro de 2020 tras a negativa do TPLF de adiar as eleccións territoriais pola Covid e un ataque contra unha base dos militares etíopes, que consideran un atentado de falsa bandeira para que Adís Abeba puidera xustificar o comezo da invasión. Até cinco millóns de persoas precisan axuda humanitaria urxente, revela a Organización das Nacións Unidas.

As cifras de vítimas mortais varían entre autores, que destacan tamén a dificultade de contrastar os datos nun territorio bloqueado como o de Tigrai e cunha menor presenza -e atención- internacional en comparación a outras guerras.

Desde a Universidade belga de Gante, as estimacións falan de até 600.000 mortes, mentres que Abdurahman Sayed, analista do Reino Unido para o Corno de África, elévaa até 800.000 óbitos entre civís e militares.

Só desde o fin da tregua humanitaria de cinco meses a finais de agosto terían falecido máis de 100.000 persoas, asegura Martin Plaut, investigador principal sobre o Corno de África no Instituto de Estudos da Commonwealth, unha cifra corroborada por entidades sanitarias aínda presentes na zona, mentres que outras fontes elevan o número a 150.000 ao engadir as persoas falecidas por desnutrición.

Máis de dous millóns e medio de persoas fuxiron da zona desde o comezo da guerra. Amnistía Internacional denunciou que ambos os bandos cometeron crimes de guerra durante o conflito.

Esta situación foi denunciada en múltiples ocasións por Tedros Adhanom Ghebreyesus, tigriña que ao tempo é director xeral da Organización Mundial da Saúde, que exixiu á comunidade internacional que evite un xenocidio en Tigrai.

Nese sentido, Etiopía tamén está a contar con grupos armados doutras etnias do país, como a Fano dos amharas. A comezos de semana, un dos seus líderes, Yimam Ashebir, incidiu en que o pobo tigriña “será exterminado”.

Mentres as conversas continúan, o propio Tedros trasladou a queima de aldeas tigriñas por parte de soldades etíopes, mentres que os militares “eritreos tamén están masacrando civís, violando e saqueando nas zonas que invadiron”.

Comentarios