Rueda cesa a cúpula do Sergas

O presidente desvincula a decisión dun cambio de política sanitaria e di que o novo conselleiro “designa as persoas que quere que o acompañen”.

consello da xunta foto xunta
photo_camera Xuntanza esta segunda feira do Goberno Galego (Foto: Xunta da Galiza)

O Consello da Xunta aprobou esta segunda feira o cesamento da cúpula do Servizo Galego de Saúde, que ademais pasará a depender da Secretaría Xeral de Sanidade. Unha decisión que o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, quixo desligar durante a súa comparecencia após a xuntanza semanal do Goberno galego de recoñecemento de erros ou fallos na política sanitaria.

Rueda limitouse a cualificar estes cesamentos e o paso do Sergas a depender da Secretaría Xeral como “cambios organizativos para que as cousas vaian mellor” e quixo evitar que houbese especulacións, “non hai outra cousa”.

O Consello aprobou catro novos nomeamentos: o de José Ramón Parada Jorgal como xerente do Sergas, o de Alfredo José Silva Tojo como director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas; o de Amparo Pousada Soliño como directora de Recursos Económicos do Sergas e o de Mar Pousa Cobas como directora de Recursos Humanos do Sergas.

“Hai un novo titular [da Consellaría de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño] e el designa as persoas que quere que o acompañen” na ponte do mando de Sanidade, sinalou Rueda. O presidente tamén apuntou que en breve comparecerá no Parlamento o conselleiro para informar as liñas programáticas e eixos de Sanidade para esta lexislatura.

A decisión de cesar a cúpula do Sergas chega após unha lexislatura na que as críticas e denuncias contra a política sanitaria da Xunta foron en aumento, nomeadamente no que atinxe a Atención Primaria, mais non só neste servizo. Nestes últimos meses decorreron importantes mobilizacións e manifestacións, tanto a nivel nacional como comarcal, pra denunciar os recortes en persoal e medios sanitarios.

“Cambio de calado”

Os da cúpula do Sergas non foron os únicos cambios aprobados pola Xunta da Galiza.  O xefe do Executivo galego deu conta destes cambios, que xa se iniciaron as pasadas semanas co nomeamento de novos conselleiros e os cesamentos en altos cargos. El propio falou onte de "cambio de calado".

En concreto, o Consello nomeou director da nova Oficina de Coordinación Económica, baixo o paraugas da Presidencia, a Juan Carlos Reboredo . Na Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deporte, a até o de agora secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, pasará ser directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias; mentres que, no medio Ambiente, Roi Añón será o novo director de Augas de Galiza, Paula Uría Traba asumirá a Dirección Xeral de Enerxías Renovábeis e Cambio Climático e Ramón Martínez será director xeral de Calidade Ambiental.

Na Consellería de Política Social, María Quintana será a nova directora xeral de Promoción da Igualdade e Roberto Barba Alvedro asumirá a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero. A nova directora xeral da Axencia Tributaria de Galiza será Sonia Lafont.

Finalmente, Lara Meneses foi nomeada directora xeral de Xuventude e Marta Mariño será a nova directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social. A Dirección Xeral da PAC e Control dá Cadea Alimentaria é para Juan José Cerviño e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro estará liderada por Marta Vilaverde Acuña.

Alfonso Rueda tamén anunciou que o Goberno destinará 17 millóns de euros en axudas para libros e material escolar. "70% do alumnado terá algún tipo de apoio da Xunta" para estes bens, afirmou. Liñas de axudas para a rede de concertos ao vivo, achegas para programas de acollemento con Aldeas Infantís, subvencións ao sector da castaña ou partidas para impulsar microeólicas ou sistemas fotovoltaicos en explotacións agrarias foron outros puntos aprobados polo Executivo.

Litoral

O Consello da Xunta tamén decidiu "actuar con axilidade" coa Lei de Costas, toda vez que o Tribunal Constitucional a avalou fronte ao recurso do Estado. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, compareceu para asegurar que, entre outras accións, crearase un Foto do Litoral ou deseñarase un Plan de Ordenación Mariña. Vázquez tamén afirmou que pedirán ao Goberno estatal o traspaso dos medios e persoal necesarios para poder xestionar a súa costa.

Esta petición de traspaso de medios e persoal que fai agora a conselleira contrasta co veto que, en xuño do ano pasado, exerceu na Cámara galega a maioría absoluta do PP sobre unha proposición de lei presentada polo BNG con esa mesma demanda. Os populares cualificaran daquela a iniciativa como "inxusta, innecesaria e ilegal".

"Teatralización absurda"

Rueda tamén cargou contra o que cualificou de "teatralización bastante absurda" do xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, convencido de que a cuarta feira pasada —día que publicou en X a carta anunciando unha "reflexión"— "xa sabía o que ía dicir" esta segunda feira e de que o seu período de reflexión para confirmar finalmente que continúa na Moncloa non lle fixo "ningún favor ao país".

Comentarios