A ONU condena o asasinato dun gobernador de Darfur, no Sudán

Acnur alerta da situación de nenas e mulleres, as que máis están padecendo as violacións aos dereitos humanos na guerra civil no Sudán.
Volker Türk. (Foto: Chepa Beltran / Vwpics / Europa Press / Contacto)
photo_camera Volker Türk. (Foto: Chepa Beltran / Vwpics / Europa Press / Contacto)

“Todos os responsábeis deste asasinato deben render contas, incluídos os que tiñan posicións de mando”, exixiu a sexta feira o Alto comisionado da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos, Volker Türk, tras a captura e execución á última hora da cuarta feira do gobernador de Darfur Oeste, Khamis Abakar, no Sudán.

Abakar foi secuestrado por persoas con uniformes das Forzas de Apoio Rápido (RSF), un grupo paramilitar que se enfronta desde o 15 de abril ás Forzas Armadas na terceira guerra civil sudanesa, após compartir Goberno despois dun golpe de Estado en 2021.

Amais de condenar o sucedido, Türk incidiu en que Abakar denunciou un “xenocidio” por parte dos paramilitares horas antes da súa execución, apoiados en grupos armados árabes, logo de rexistrarse múltiples ataques contra as comunidades nilo-saharianas, replicando o conflito que se estendeu ao longo de case dúas décadas na rexión de Darfur.

Ao tempo, o Alto comisionado subliñou que “Abakar estaba en mans das RSF, e era a responsabilidade destas manter a súa seguridade”, e advertiu das “dimensións étnicas” da guerra civil sudanesa en Darfur, no suroeste do país.

Pola súa parte, a Axencia da ONU para os Refuxiados (Acnur) comunicou que as nenas e mulleres están a sufrir especialmente as múltiples violacións aos dereitos humanos que rexistrou no país, relatando que “denunciaron incidentes alarmantes de violencia sexual, incluídas violacións, agresións, explotación e violencia física perpetrada por combatentes, delincuentes e contrabandistas”.

Esta situación xera “un maior risco de matrimonio infantil, xa que algunhas familias se ven obrigadas a recorrer a esta práctica prexudicial, ao parecer nun intento de ‘protexelas’  da violencia sexual, agresión ou explotación”.

Ao respecto das crianzas en xeral, o Fondo da ONU para a Infancia (Unicef) informou de que máis dun millón de nenas e nenos tiveron que desprazarse para fuxir da violencia, que deixou máis de 330 crianzas mortas e aproximadamente 1.900 feridas, alertando da situación en Darfur Oeste.

No que atinxe á iniciativa de paz da Autoridade Intergobernamental sobre o Desenvolvemento, un bloque de integración rexional dos países de África oriental, o Exército sudanés rexeitou que Kenya encabece a delegación para mediar entre as partes, sostendo que non é neutral e que acolle líderes das RSF.

Comentarios