Rafah, no sur de Gaza, é unha "pota a presión de desesperación", di a ONU

Israel bloquea a axuda humanitaria no norte da Faixa.

Falecido nos ataques israelís. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press / Contacto)
photo_camera Falecido nos ataques israelís. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press / Contacto)

Os equipos de axuda humanitaria da Organización das Nacións Unidas (ONU) definiron hoxe a Rafah, no sur de Gaza, como unha “pota a presión de desesperación”, despois de que o Goberno de extrema dereita israelí apuntara á urbe como o próximo obxectivo do seu intento de invasión da Faixa. A cidade acumula máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes do territorio palestino, que fuxiron dos seus fogares polos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil no marco da agresión militar sionista que iniciou en outubro.

Pola súa parte, a Organización Mundial da Saúde (OMS) trasladou que o pobo palestino en Gaza está “esgotado, famento e traumatizado”, e vive en "circunstancias inimaxinábeis", entrementres, o Programa Mundial de Alimentos denunciou que Israel impediu toda a semana o acceso de axuda humanitaria ao norte de Gaza a pesar das advertencias de fame masiva.

Nese sentido, máis de 800 cargos na Administración dos Estados Unidos, a Unión Europea e o Reino Unido asinaron unha carta dirixida aos seus Gobernos na que afirman que a agresión militar israelí, considerada por persoas expertas da ONU como unha limpeza étnica e un xenocidio, xerou “unha das peores catástrofes humanas deste século”, criticando que non demandaran nin un alto o fogo nin a fin do bloqueo sionista á entrada de alimentos, auga e medicamentos en Gaza.

Máis de 27.000 palestinas e palestinos foron asasinados no ataque lanzado por Israel contra a Faixa.

Arredor das negociacións para un alto o fogo, Qatar sostivo que, após ser aprobada unha proposta por Israel, a organización que goberna Gaza, Hamás, outorgou unha confirmación preliminar.

Porén, Osama Hamdan, un alto cargo do grupo da resistencia palestina, afirmou que a proposición é inaceptábel ao non incluír un alto o fogo permanente, e reiterou que aparte do cesamento das hostilidades exixen a liberación dos milleiros de persoas palestinas presas en Israel.

Xa no Reino Unido, o titular de Exteriores, David Cameron, abriu a porta a recoñecer oficialmente o Estado palestino unha vez estabelecido un alto o fogo, e antes de que hipotéticas conversas entre Palestina e Israel cheguen ao seu final.

A contestación do Executivo sionista, que ten en Londres a un dos seus principais aliados, chegou da man de Amijai Chikli, ministro de Asuntos da Diáspora, que comparou o recoñecemento de Palestina coa política de acougamento seguida polos británicos ao respecto da Alemaña nazi.

Comentarios