Os ataques de Israel contra Gaza suman xa máis de 30.300 mortes palestinas

As autoridades da Franxa de Gaza confirman 92 mortes máis este sábado tras a última ofensiva militar do exército de Israel.

A cidade de Rafah, no sur da Faixa de Gaza, despois dun ataque de Israel (Foto: Europa Press / Rizek Abdeljawad).
photo_camera A cidade de Rafah, no sur da Faixa de Gaza, despois dun ataque de Israel (Foto: Europa Press / Rizek Abdeljawad).

As autoridades da Faixa de Gaza elevaron este sábado a máis de 30.300 as vítimas palestinas mortas por mor da ofensiva militar lanzada por Israel nese territorio. O Ministerio de Sanidade de Gaza indicou que "o balance da agresión aumentou a 30.320 mártires e 71.533 feridos", antes de especificar que durante o último día confirmáronse 92 "mártires" e 156 feridos.

"A ocupación israelí cometeu nas últimas 24 horas dez masacres contra familias na Faixa de Gaza", sinalou, á vez que denunciou que numerosas vítimas "seguen baixo os entullos e nas estradas".

Ademais, lamentan que "a ocupación evita ás ambulancias e os equipos de Defensa Civil chegar a elas".

O hospital de al Shifa volve operar

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, anunciou este sábado que o hospital de al Shifa, un dos máis grandes do enclave palestino, volveu a entrar en funcionamento despois dun mes de parálise pola falta de subministracións.

"A OMS e os seus socios conseguiron acceder ao hospital para entregar 19.000 litros de combustíbel, subministracións médicas para 150 pacientes e tratamentos para cincuenta nenos con malnutrición severa e aguda", fixo saber o director xeral da OMS na súa conta de X, antes Twitter.

Tedros estima que agora mesmo hai máis de 240 pacientes baixo atención neste centro médico, considerado un obxectivo polas forzas israelís. Neste sentido, o Exército lanzou o pasado 15 de novembro unha incursión no hospital en busca de túneles dos combatentes do movemento islamita palestino, nun acto denunciado por responsábeis de Hamás como un crime de guerra contra unha institución médica.

Comentarios