Cornualles reclama ao Goberno británico que protexa a lingua córnica, en recuperación após 'desaparecer' no XIX

Demanda ter igualdade de condicións co galés e o gaélico.
kernow cornualles
photo_camera Cartaz de entrada a Cornualles (Foto: Kn)

O Consello de Cornualles (Kernow) pide ao Goberno británico que equipare o recoñecemento e a protección da lingua córnica (kernewek) coa do irlandés, o gaélico escocés e o galés.

Os líderes dos cinco grupos políticos do Consello, en representación dos 87 membros da Asemblea, enviaron unha carta ao executivo de Rishi Sunak para que o córnico sexa protexido a través da Parte III da Carta Europea de Linguas ou Minorías Rexionais e non só a Parte II, que ofrece menos garantías.

O córnico é agora o único idioma do Reino Unido cunha protección limitada da Parte II. O irlandés, o gaélico escocés, o galés e o manés son promovidos na parte III.

A inclusión do córnico na Parte III obrigaría ás autoridades británicas a tomar medidas concretas para promover a lingua en ámbitos como a educación, os tribunais, os servizos públicos, os medios de comunicación ou a vida cultural e económica.

A reivindicación do Consello de Cornualles coincide co décimo aniversario do recoñecemento do pobo córnico como minoría nacional, dentro da Convención Marco para a Protección das Minorías Nacionais. Tanto a Convención como a Carta son instrumentos do Consello de Europa.

Despois de quedar sen falantes nativos a finais do século XVIII, o córnico vive un proceso de revitalización desde principios do XX. Ao redor de 500 persoas en Cornualles afirman que o córnico é a súa lingua principal, segundo o censo de 2021, e perto de 3.000 afirman que son competentes no idioma.

Con 3.500 km cadrados e 500.000 habitantes, este pequeno país a é un gran descoñecido. Hai un milenio que foron subsumidos por Inglaterra, nunha asimilación que case finiquita a súa identidade como pobo. Desde hai case dúas décadas, e aos poucos, Kernow comezou a reivindicar a súa identidade nacional e autogoberno.

Comentarios