Ramiro III. Un interregno na historia da Galiza

Era fillo de Sancho II e deu continuidade ao proxecto político do pai. Apoiado pola facción castelá do reino galego, mantívose no trono grazas á alianza coa casa real de Nafarroa e o califato de Córdoba, primeira potencia militar, científica e cultural da península. Enfrontado á nobreza galega durante todos os seus anos de reinado, non chegou a gobernar na Galiza nuclear, comprometida cun programa político diferente ao formulado por Ramiro III (961-985). Neste sentido, o historiador Benito Vicetto expuxo que “non lle corresponde figurar na cronoloxía dos seus reis... porque entre a morte do seu pai Sancho II e a coroación en Santiago de Vermudo II este período é un verdadeiro interregno na nosa historia da Galiza”.
Ramiro III, nunha miniatura do 'Libro das Estampas' da catedral de León. (Foto: Catedral de León)
photo_camera Ramiro III, nunha miniatura do 'Libro das Estampas' da catedral de León. (Foto: Catedral de León)

*Escoita aquí o capítulo 19 do podcast Os reis e as raíñas da Galiza

A finais de 966, con tan só cinco anos, foi proclamado como rei galego, malia que nunca conseguiu o control efectivo da Galiza. Fillo de Sancho II e da nobre castelá Teresa Ansúrez, accedeu ao trono após a morte do pai, envelenado polo dux galego Gonzalo Mendes, sendo educado pola súa tía Elvira, filla de Ramiro II e da princesa navarra Urraca Sánchez. Elvira, marxinada durante o reinado de Ordoño III, monarca ao servizo do partido galego, recuperou o protagonismo tras a coroación de Sancho II, exercendo a rexencia nos primeiros anos do seu sobriño, demostrando unhas grandes capacidades políticas no ámbito interno e externo.

As crónicas da época significaron o relevo da actuación de Elvira. Así, no tombo de Celanova indícase que “morto o príncipe Sancho, aceptou o reino dona Elvira e foi unxido como rei o fillo de Sancho, de nome Ramiro, de curta idade”, afirmando a Crónica de Sampiro que “falecido Sancho, o seu fillo Ramiro, que tiña desde o seu nacemento cinco anos, recibiu o reino do seu pai, aténdose ao consello da súa tía dona Elvira”.

Mostra do alcance da axuda musulmá ao fillo de Sancho foi a presenza continuada das tropas Al-Hakam II en diversas localidades galegas

Ramiro só conseguiu manterse no trono polo apoio do reino de Nafarroa e do califato de Córdoba. Estes dous actores políticos, que xa posibilitaran a recuperación do trono por parte do seu pai en 959, volveron ser decisivos para garantir o goberno desta rama dos Ordoñes. Unha mostra do alcance da axuda musulmá ao fillo de Sancho foi a presenza continuada das tropas Al-Hakam II en diversas localidades galegas desde o comezo do seu reinado. Neste sentido, a Crónica de Sampiro deu conta da presenza dunha gornición de soldados árabes procedentes de España, denominación empregada na época para designar a parte da península de relixión musulmá, na propia cidade de León.

O apoio do califato español de Córdoba

As embaixadas dos fieis a Ramiro foron constantes a Córdoba para blindar o apoio do califato. Neste sentido, logrou particular relevo a visita en 971 á capital do califato da rexente Elvira, escribindo a respecto da mesma o historiador cordobés Ibn Hayyan (987-1075) que Al-Hakam II “recibiu a embaixada de Elvira, tía paterna do tirano emir do Reino da Galiza” e destacando os acordos conseguidos, entre eles o envío á corte de Ramiro III de persoas de máxima confianza do califa. Precisamente esta dependencia do reino cristián de Córdoba levou algúns autores, como Justo Pérez de Urbel, a cualificar esta relación de “vasalaxe”.

Almanzor, aliado de Ramiro III, nunha estatua en Alxeciras.
Almanzor, aliado de Ramiro III, nunha estatua en Alxeciras.

O apoio do pequeno reino pirenaico de Nafarroa a Ramiro respondeu esencialmente a cuestións políticas. Malia que unha parte da historiografía explicou esta alianza por razóns familiares, argumentando o parentesco de Sancho II, Elvira e Ramiro IIII coa casa real navarra, os investigadores actuais apostan por pór o foco no papel de árbitro e na influencia do monarca navarro na casa real galega, até o punto de presidir as cerimonias de proclamación de Sancho en Compostela e de Ramiro en León.

A xestión de Ramiro non estivo exenta de tensións. Neste sentido, significouse a invasión normanda á Galiza de 968 a 971, no marco da cal morreu loitando na famosa batalla de Fornelos o bispo compostelán Sisnando. Ao tempo, a nova política do reino musulmán, exemplificada na figura de Almanzor (967-1002), non só abriu unha nova fronte para o Reino da Galiza, sometida a continúas accións militares, senón que fixou a Ramiro unha nova relación co califato de Córdoba, o seu principal aliado e sostén.

A nobreza castelá e unha parte da leonesa non abondaban para impedir o retorno ao poder da oligarquía galega. A este respecto, as principais responsabilidades de goberno durante o reinado de Ramiro III recaeron en diferentes nobres castelás ou de militancia castelá, como o bisavó do Cid, Fernán Vermúdez, o pai da esposa do monarca, Ansur Gómez ou o conde, Froila Vela, todos eles mordomos de Ramiro en diferentes momentos do seu mandato.

Un monarca sen apoios na Galiza nuclear

Galiza non apoiou nunca a Ramiro III. A este respecto, unha parte da historiografía veu sinalando que durante o seu mandato non tivo ningún tipo de control efectivo sobre o país, na liña do achegado por parte da documentación da época como a Crónica de Sampiro. Precisamente, o primeiro en advertir deste feito foi Benito Vicetto, sinalando que “Ramiro III nunca foi rei da Galiza lucense e bracarense”, “non lle corresponde figurar na cronoloxía dos seus reis... porque entre a morte do seu pai Sancho II e a coroación en Santiago de Vermudo II este período é un verdadeiro interregno na nosa historia da Galiza”.

O enfrontamento entre a Galiza e o partido de Ramiro III aparece amplamente documentado nas crónicas contemporáneas. Neste sentido a Crónica Silense, nun parágrafo xa citado por Vicetto, recolle que “sabemos que os condes que rexentaban provincias, traendo á memoria unha autoridade real soportada máis do xusto… rexeitaban obedecer a Ramiro, fillo do rei Sancho, aínda retido en tenros anos”. Na mesma dirección, un notario real como Sampiro afirma de Ramiro que “era un neno e con escasa intelixencia comezou a molestar con feitos e palabras os condes galegos”.

Case non se conservan documentos que reflexen a súa actuación gobernamental nas rexións de Castela, Liébana, Asturias, Galiza e Portugal

A presenza do monarca na Galiza resultou, practicamente, nula, confirmando o carácter do país como terra hostil para Ramiro III. A este respecto, Alfonso Ceballos-Escalera destaca que “case non se conservan documentos que reflexen a súa actuación gobernamental nas rexións de Castela, Liébana, Asturias, Galiza e Portugal”. Na mesma liña, este autor apunta que “os escasos diplomas de Ramiro referidos a Galiza e Portugal -Compostela, Samos e Lorvão- amosan a coñecida inimizade do monarca cara á nobreza daquelas rexións atlánticas". Asemade, as medidas adoptadas pola casa real para gañar apoios dentro da clase dirixente da Galiza non fixeron máis que incrementar a fenda.

Os bandos que se conformaron na Galiza nos anos finais do reinado de Sancho II mantivéronse intactos durante a etapa do seu fillo, Ramiro III, á fronte do trono. A unha parte, a gran maioría da nobreza galega dirixida por San Rosendo e o seu parente Gonzalo Mendes. A outra, unha pequena fracción da nobreza do país organizada arredor do fiel de Ramiro Rodrigo Vasques, que contou nun primeiro momento coa axuda dunha parte da familia do conde de Présaras, Hermenexildo Alóitez, curmán da raíña Elvira Mendes e bisavó do conde de Traba, Pedro Froilaz.

Rodrigo Vasques foi a persoa de Ramiro na Galiza nuclear. Dux da Galiza en tempos de Ramiro, posuía importantes posesións na comarca de Monterrei e noutras partes da área ourensá, en boa medida herdadas dos seus proxenitores, Vasco Rodrigues e a condesa Trudilde. Casado en primeiras nupcias con Adosinda Gunterices, nai de todos os seus fillos, entre eles o bispo de Compostela Paio, concertou un segundo matrimonio con Onega Lucídez, filla de Ximena e de Lucidio Alóitez, curmán de Hermenexildo Alóitez e parente do bispo compostelán Sisnando.

Sisnando, fillo do mordomo real de Ramiro II, facía parte dunha familia que controlou a sé compostelá ao longo do século X

Vasques fixo parte do partido castelán no reino galego desde os tempos de Sancho II. Nese período foi un dos escasos apoios deste monarca na Galiza, mantendo unha liña semellante en relación co seu fillo Ramiro III. Na mesma dirección, empregou a súa influencia diante do monarca para conseguir a diocese de Compostela para o seu fillo Paio en substitución de San Rosendo, sucesor de Sisnando, morto nun enfrontamento contra as tropas viquingas. Sisnando, fillo do mordomo real de Ramiro II, facía parte dunha familia que controlou a sé compostelá ao longo do século X, permanecendo á fronte da mesma até 968.

Gonzalo Mendes

Gonzalo Mendes (950-977) liderou militarmente a revolta galega contra Sancho e Ramiro. Mendes era fillo de Hermenexildo Gonzales e de Mumadona Dias, “irmá de leite de Ramiro II” e aia de Ordoño III, pai de Mendo Gonzales, aio do futuro rei Afonso V e avó da raíña Elvira Mendes, destacando como significado membro da familia dos Goterres, integrado no núcleo central da oligarquía galega. Dux de Portugal con Vermudo II e gobernador de Braga, morreu en 977 en Compostela loitando contra Almanzor.

Mendes foi unha figura decisiva no século X galego. Significado impulsor da entronización de Ordoño VI como rei da Galiza en Compostela, as fontes contemporáneas acusárono de envelenar a Sancho II, destacando como opositor a política do seu fillo e xogando un papel chave na coroación de Vermudo II. Precisamente pasou por ser unha das persoas máis próximas a este monarca, que rematou por encargarlle ao seu fillo Mendo a educación do seu sucesor Afonso V.

O enfrontamento entre as tropas galegas de Gonzalo Mendes e os exércitos fieis a Ramiro III produciuse entre 967 e 968

O enfrontamento entre o partido galego e o partido castelán ficou documentado nas fontes contemporáneas. Así, a Carta de Odoino de 982, recollida no tombo de Celanova, sinala que “naqueles días excitaron os galegos entre si dous condes, Rodrigo Vasques e Gonzalo Mendes, que... chegaron ás armas; despois de meditalo moito, con moitos secuaces e outros que estaban con Rodrigo, e mentíanlle, Gonzalo, iniciada a loita... fixo fuxir a Rodrigo... medio morto”.

A vitoria galega na batalla de Aguioncha resultou decisiva nesta primeira parte do conflito. O enfrontamento entre as tropas galegas de Gonzalo Mendes e os exércitos fieis a Ramiro III liderados por Rodrigo Vasques produciuse entre 967 e 968 nas proximidades do monte da Aguioncha, en Calvos de Randín, rematando cun trunfo claro para as armas galegas. O historiador Justo Pérez de Urbel, primeiro abade do mosteiro do Val dos Caídos e procurador nas cortes franquistas, en relación coa mesma afirmou que “a ausencia de Rodrigo Vasques e Gonzalo Mendes da corte de León durante a rexencia de Elvira é a demostración de que neste período Galiza foi independente”.

A rebelión galega contra Ramiro III

O partido castelán tentou buscar axuda dos musulmáns para manter o seu control sobre a Galiza. Neste contexto, explícanse as repetidas embaixadas a Córdoba, destacándose entre elas a de 973, cando Rodrigo Vasques, acompañado da súa nai Trudilde, se reuniu co califa Al-Hakam II. A este respecto, o historiador tunesino do século XIV Ibn Jaldún escribiu que “veu a nai de Rodrigo... o conde cuxos dominios se atopaban na Galiza e que era o maior dos condes”, destacando que as súas demandas foron atendidas e indicando o gran recibimento e trato dispensado polo fillo de Abderramán III.

Castelo de Guimaraes, propiedade de Gonzalo Mendes, líder da revolta galega contra Ramiro III.
Castelo de Guimaraes, propiedade de Gonzalo Mendes, líder da revolta galega contra Ramiro III.

A presenza de tropas musulmás na Galiza en apoio a Ramiro III está documentada na Historia Compostelá. Así, sinálase que “Rodrigo Vasques, pai do bispo expulsado, unido a outros condes desta rexión [Galiza] introduciu alí os sarracenos comandados pola Almanzor; quen, entrando en Compostela, destruíron até os cimentos a maior parte dos muros da igrexa do Santo Apóstolo, salvo o seu santísimo altar”. Na mesma liña, un texto contemporáneo, o Cronicon Iriense, afirma que Rodrigo Vasques, trouxo a esta rexión, con outros señores desta terra, os sarracenos”.

A sé compostelá foi outro escenario importante deste conflito. O ascenso a titular da mesma do fillo de Rodrigo Vasques, Paio Rodrigues, fíxose efectiva en 977, tras de nove anos de goberno de San Rosendo e non en 968 após a morte de Sisnando, como se defendeu tradicionalmente. Foi explicado pola maioría dos autores como expresión do poder de Vasques. Neste sentido, o historiador Manuel Lucas Álvarez considerouno como “un exemplo da influencia do poder civil fronte ao relixioso” e relacionou “o nomeamento de Paio Rodrigues coa tentativa de Ramiro III de relevar dos postos chave de poder no reino os membros da nobreza galega á que estaba enfrontado”.

Paio, fillo do conde Rodrigo Velázquez, ao recibir... a dignidade dese pontificado de mans de segrares, non se preocupou da honra recibida

A Historia Compostela e o Cronicon Iriense xulgaron moi negativamente o bispado do fillo de Rodrigo Vasques. Así, o primeiro dos textos recolleu que “Paio, fillo do conde Rodrigo Velázquez, ao recibir... a dignidade dese pontificado de mans de segrares, non se preocupou da honra recibida nin, como debía, se humillou ante o seu Creador con queixumes desexando os bens celestes neste val de peregrinación, polo que por condescendencia divina foi expulsado polo rei don Vermudo, que non quería que a igrexa fose ocupada durante máis tempo por el”.

As versións aparecidas nestas dúas crónicas resultan bastante precisas. Manuel Lucas Álvarez confirmou que Paio non participou no acto de coroación de Vermudo na catedral de Compostela en 982, retirándose ao mosteiro de Celanova após o seu cese como bispo en 985. Precisamente, este historiador, seguindo a Justo Pérez de Urbel, explicou a tardanza na remuda de Paio como consecuencia do interese de Vermudo por asentar o seu poder, antes de acometer mudanzas chaves nas principais institucións do país.

A coroación de Vermudo e a súa consolidación no goberno representou un trunfo do partido galego, que levaba máis de 20 anos tentando impor no reino galego un monarca que respondese aos seus intereses. Así as cousas, a entronización deste rei volveu situar a Galiza nuclear como realidade hexemónica no espazo cristián peninsular e devolveu o poder á nobreza galega, apartada do mesmo pola alianza entre a facción castelá, o reino de Nafarroa e o califato de Córdoba, denominado nas crónicas do momento como España.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios