Fernando 'O Fermoso' de Portugal e Xoán de Gante. Uns reis galegos na segunda metade do século XIV

Galiza, malia estar controlada polo titular do reino de Castela, mantíñase firme ante a liña atlantista, polo que son moitos os nobres galegos que intentan que se perpetúen os dereitos da casa de Borgoña: Xoán Fernández Andeiro, Men Rodríguez de Seabra e Fernán Ruiz de Castro, entre outros, serven de bo exemplo. Mais logo do pasamento de Pedro I, quizais este Castro foi a alma mater do propósito de impulsar un rei afastado de Castela, neste caso portugués, para gobernar o territorio galego. 
Representación das tropas de Fernando I de Portugal enfrontándose ás de Henrique II de Trastámara. / "Chronique d’Angleterre". British Library
photo_camera Representación das tropas de Fernando I de Portugal enfrontándose ás de Henrique II de Trastámara. / "Chronique d’Angleterre". British Library

Alén da postura de Fernán Ruiz, nalgún caso vacilante, a situación particular e os intereses familiares deberon axudar a apuntalar a defensa “petrista”. Lembremos, por unha banda, que Fernando I de Portugal estaba casado con Xoana Afonso de Castela, irmá de Pedro I, e este con Xoana de Castro, irmá de Fernán Ruiz, como tamén o é a mítica Inés de Castro, última muller de Pedro I de Portugal. A este respecto non podemos esquecer que Fernán Ruiz estivera ao servizo do monarca castelán nas súas condicións de Alférez e Mordomo Maior do Rei.

Fernando I de Portugal e V da Galiza

En Portugal, por outra banda, Fernando I xa se dicía herdeiro dos estados do rei castelán, quen estaba asesorado por varios nobres galegos, entre eles: un irmán de Fernán Ruiz, Álvar Pérez de Castro, e Nuno Freire de Andrade, mestre da Orde do Cristo. Na empresa de se facer co reino da Galiza, o portugués introdúcese por Tui e vai a Compostela. Nesta urbe, e segundo o que achega López Ferreiro, valeuse de Fernán Ruiz, “el cual estimuló a los de Santiago para que se sublevasen contra el Arzobispo D. Rodrigo de Moscoso y reconociesen el Monarca portugués”. Desterrado o pontífice, como se recolle no Tombo C do ACS, alzáronse “con o señorío da dita cidade”. 

Segundo se afirma na Chronica do Senhor Rei D. Fernando, escoitaran a voz do portugués moitas vilas e cidades, entre as que estaban “Tuy, Padron, Arrocha, A Coruña, Salvaterra, Bayona, Alhariz, Milmanda, Arahujo, a cidade d’Orense, a villa de Ribadavia, e Lugo, a cidade de S. Thiago, que se deu mais tarde e con certas condicções”.

A corte coruñesa

Cando Fernando I chega á cidade brigantina, na que instala a súa corte, é recibido por unha multitude de persoas secundadas por Xoán Fernández Andeiro. Na sinalada crónica recóllese así:

“N’isto, chegou el-rei D. Fernando á vista do logar e os da villa o sahiram todos a receber, e entre elles João Fernández Andeiro, que era o máis honrado do logar (...). E João Fernández, porque ainda não vira el-rei de Portugal, ia dizendo alta voz entre os outros todos: ‘Hu vem aqui meu senhor el-rei D. Fernando?’ El-rei, quando isto ouviu, deu d’esporas o cavallo em que ia e disse: ‘Eu sou, eu sou’, e então lhe beijou a mão a aquelles todos que iam de companhia”. 

Xoán de Gante nas Chroniques de Jehan Froissart. / Bibliothèque Nationale de France
Xoán de Gante nas Chroniques de Jehan Froissart. / Bibliothèque Nationale de France

Por outra banda, Fernán Ruiz pon a disposición do portugués unha serie de vilas e fortalezas que lle eran fieis e, segundo Esteban de Garibay, os galegos chamaran por Fernando “con offerta de recibirle por Rey: por lo qual el Rey de Castilla cercó a Çamora por el mes de Iulio, pero dexando este assido, fue a Galizia, que casi estando para se rebelar toda, se dio la Coruña por el Rey Don Fernando” no mesmo ano de 1369. 

Seguido por Beltrand du Guesclin e as compañías de bretóns, Henrique II preséntase axiña en Compostela. O 11 de xullo fica alí e, non querendo entrar en batalla, o rei portugués embarca dende A Coruña cara ao Porto, aínda que deixa ao coidado da cidade a Nuno Freire de Andrade con “quatrocentos homens de cavallo”; en Tui, a Afonso Gómez de Lira; “e em Salvaterra e nos outros logares seus capitães”.

Cando Henrique se decata da fuxida, desiste de ir á cidade brigantina e entre Salvaterra e Tui cruza o Miño na busca do portugués. Son os albores das Guerras Fernandinas que non rematarán até 1382, aínda que Fernando I apoiará a Xoán de Gante tempo máis tarde para que consiga o trono galego. 

Agora ben, o reino da Galiza deixaría de estar paseniño no poder de Fernando. Por intervención do papa Gregorio XI, asínase en 1371 o Tratado de Alcoutim (no bispado de Silves), que entre outras cláusulas recolle que “D. Fernando casasse com a infante D. Leonor, filha d’el-rei D. Henrique, com a qual houvesse por doação em casamento Ciudad Rodrigo e Valencia d’Alcantar, com todos seus termos, e Monte-rei, e Alhaliz, com seus alfozes e fortalezas, os quaes logares fossem para sempre da corôa do reino de Portugal”. E aínda que cara a primavera se volve reactivar o movemento soberanista en Compostela, o punto de inflexión cara ao declive desta política vén coa batalla de Porto dos Bois, en Palas de Rei, cando Fernán Ruiz perde o combate perante os adiantados de Henrique II.

Ao ano seguinte terase que asinar outro tratado, o de Tui, polo cal o portugués é escusado de casar coa infanta e renuncia a aquelas urbes e fortalezas que lle foran doadas, así como Henrique II lle devolve ao seu rival a “villa de Bragança, que tinha Garcia Alvarez Osorio, e o castello do outeiro de Miranda”. Nesta mesma liña debemos sinalar que “Tui houbo de ser tomada pola forza en 1372” por Diego Sarmento, un dos adiantados do rei castelán, como sinala López Carreira; e A Coruña ficaría aínda leal, abastecida por mar, até 1373. Sentenza o mesmo autor que en marzo dese ano poñíase o ramo á intervención de Fernando I de Portugal e V da Galiza coa Paz de Santarem. Pero tamén engade que a liña atlantista continuará aletargada, á espreita dunha nova ocasión, e mantida sobre todo por nobres galegos refuxiados en Portugal, “onde a Nuño Freire de Andrade se uniron, exiliados”, Fernán Ruiz de Castro e Xoán Fernández de Andeiro. O historiador Ramón Ermida afirma que Fernando I “actuará até o final dos seus días como un monarca galego-portugués”, acollendo incluso na súa corte e outorgándolle terras e responsabilidades no goberno a “máis de cincocentos exiliados que deberon abandonar Galiza como consecuencia da súa loita contra Castela”.

A quenda dos duques de Lancaster

E mentres estes sucesos foron acontecendo, nas Illas Británicas forxábase un novo intento “lexitimista”. Henrique III de Inglaterra e Filipa de Henao tiveran non poucos fillos ao longo do seu matrimonio, entre outros a Xoán de Gante, duque de Lancaster. Este casa en segundas nupcias con Constanza de Castela, que era  filla de María de Padilla e de Pedro I. E aínda que Henrique II de Trastámara pretendeu ocupar os reinos e señoríos deste monarca tras o suceso de Montiel, en Constanza recaían dereitos sucesorios xa recoñecidos nas Cortes de 1361 e que o seu marido faría que prevalecesen. Canda a batalla acontecida entre os irmáns Pedro I e Henrique II, o duque xa tomara partido a prol do primeiro, como tamén o fixera o coruñés Xoán Fernández Andeiro. Este, por ter axudado a que Fernando I de Portugal acadase o trono galego, tivo que se exiliar no país luso, pasando a ocupar a responsabilidade de embaixador de Portugal en Inglaterra e, por conseguinte, persoa do entorno do duque de Lancaster, como tamén o sería “dom Fernán Ruyz de Castro, pertegueyro mayor de (...) Santiago e moordomo mayor del Rey”.

O duque, antes do pasamento do de Trastámara, xa o recoñecera o rei de Inglaterra como lexítimo herdeiro dos territorios da súa muller Constanza. E isto acontece nos últimos días do mes de xaneiro de 1372; porén, catorce anos máis tarde o papa Urbano VI certifícalle a súa lexitimidade nos reinos que foran do seu sogro, rexeitando o pontífice as empresas sucesorias do fillo de Henrique II, Xoán I de Castela (e II da Galiza). Este novo monarca castelán había padecer un sonado revés na Batalla de Aljubarrota, acontecida o 14 de agosto de 1385 entre as tropas portuguesas e inglesas contra as de Castela. 

De aí a pouco asínase o Tratado de Westminster entre Ricardo II e Xoán de Gante (28 de abril de 1386), por medio do cal ambos monarcas certifican un pacto de lealdade mutua, amais de aseguraren as relacións comerciais británico-peninsulares. De aí a pouco, o 9 de maio, sélase entre Inglaterra e Portugal o Tratado de Windsor, polo que xa estaban prontas as intencións de acadaren tales reinos. 

A corte do duque de Lancaster en Compostela

Así as cousas, o día da festividade de Santiago de 1386, procedente de Plymouth, atracan na Coruña os pretendentes ao trono galego con sete mil soldados. Disque o parlamento británico puxera á súa disposición 1.500 lanzas, outros tantos besteiros e 90 naves da súa frota. Con eles van os mariscais Richard Burley e Thomas Moreaux e as princesas Filipa, Catarina e Sabela, acompañada esta polo seu marido John Holland –duque de Exeter–. Verbo do que nos trae T. Rymer, Xoán de Gante xa se dicía polo 8 de abril dese ano “rex Castellae et Legionis, Toleti, Galleciae, Sybillae, Cordubiae, Murciae, Giennii, Algarbii et Algesirae, dux Lancastriae et domus Molinae”.

Mercé dos acordos estabelecidos entre a nobreza galega e a corte británica que buscaban consolidar un reino galego arredado da meseta española, os estamentos privilexiados do país axiña se poñen a disposición dos ingleses, recoñecendo por reis a Xoán e Constanza, malia o rexeitamento do arcebispo compostelán Xoán García Manrique. Conquistar Galiza supuña para o de Gante ter controlado boa parte do tráfico mercantil do Atlántico e do Mediterráneo.

Nárrase dende as Crónicas de Jean Froissart, transcritas nos capítulos vinculados a Galiza e León por Paulo Nogueira Santiago, que Xoán de Gante e o seu séquito fican na Coruña máis dun mes e logo diríxense a Compostela. Os duques –sinala A. López Ferreiro–  “(...) acompañados dos principais cidadáns, que saíran á distancia de dúas leguas para recibilos, entraron vitoriosos en Santiago, onde estabeleceron a súa Corte dende agosto de 1386 até a primavera do ano seguinte”. Froissart tamén informa que os duques e as fillas casadeiras “se hospedaron na abadía e casa do Señor, onde se acomodaron. Os outros señores, John Holland, Thomas Moreaux e as súas donas albergáronse na cidade coma os baróns e cabaleiros que se puideron hospedar nela, mentres que os soldados durmiron a campo raso ao redor da cidade de Santiago”. Cunha prosa máis rica narrou este feito o propio Manuel Murguía, que considera que a abadía citada non era outra que San Martiño Pinario.

Voda por poderes na catedral santiaguesa

Instalados na urbe, aos novos reis chegan cartas afectuosas do monarca de Portugal, polo que se estabelecen diálogos e pactos que consolidan a alianza anglo-galego-portuguesa amais de se fecharen acordos para casar a Filipa, filla de Xoán de Gante, con João I de Avis. Chegado o seu momento, segundo López Ferreiro, en Compostela celébrase “por poderes o matrimonio da princesa dona Filipa, que o duque de Lancaster tivera nas súas primeiras nupcias, co rei de Portugal; matrimonio que bendiciu o arcebispo de Braga e que pouco despois foi ratificado con grandes festas en Porto”. No momento da cerimonia galega, Xoán Rodríguez de Saa representa o cónxuxe e oficia os actos o prelado bracarense Lourenço Vicente. 

Non esquezamos que João era fillo de Pedro I de Portugal, aquel que namorado da galega Inés de Castro a nomeara consorte logo de morrer asasinada, e cuxa irmá, Xoana, muller de Pedro I de Castela, escolleu o panteón real da catedral de Santiago para dar repouso aos seus  restos mortais.

Continuando con estes asuntos de estado, política e afectos, o pontífice Lourenço achégase a Celanova en 1387 para acompañar a Filipa á cidade de Porto, onde ha casar –xa non por poderes– o 2 de febreiro.

Reis galegos por un ano

Se avanzamos coas políticas do duque, debemos sinalar que após o recoñecemento como rei de Galiza en Compostela, tamén o aceptan A Coruña, Baiona, Ferrol, Muros, Noia, Ourense, Padrón, Pontevedra, 
Ribadavia, Vigo...

Achega López Ferreiro que o rei castelán Xoán I de Castela deu Galiza por perdida, tanto é así que os seus conselleiros abandonárona á súa sorte. Porén, as condicións climatolóxicas non lle foron moi favorábeis aos ingleses. Unha forte onda de calor e, seica, excesos na bebida e no xantar ao que eran propensos axudou a que o exército se fose debilitando, e máis aínda cando comezan a caer moitos por mor dos efectos da peste. Alén diso, o arcebispo de Compostela insta a que se defenda León. Axudado polo monarca portugués, Xoán de Gante introdúcese coas súas tropas nesta terra, sen acadar máis que escasas vitorias, soldados debilitados e que –incluso na Galiza– se comezasen a cuestionar algúns dos seus apoios. De costas ao rei portugués, acorda co de Castela renunciar ás súas pretensións sucesorias sempre e cando a súa filla Catarina de Lancaster casase con estoutro. E así foi, o 8 de xullo de 1388 asínase o Tratado de Bayonne que recolle tal avinza, e na que morren, definitivamente, as pretensións dun reino galego gobernado por un príncipe inglés.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios