Afonso V e Xoana de Trastámara

Quizais fose interesante sinalar que o idioma galego está presente nas Crónicas de Froissart. Tanto é así que a propia muller do duque de Lancaster o usaba. Lembremos que o historiador Francisco Rodríguez xa advertiu que o pai de Constanza de Castela, o rei Pedro I, usou esta lingua por ser educado nela.
Constanza de Castela, duquesa consorte de Lancaster e raíña da Galiza entre 1386-1387. / Genealogia dos Reis de Portugal. British Library
photo_camera Constanza de Castela, duquesa consorte de Lancaster e raíña da Galiza entre 1386-1387. / Genealogia dos Reis de Portugal. British Library
En relación co sinalado, resulta curioso o capítulo 42 do libro III das devanditas Crónicas, pois indícase que o mariscal Thomas Moreaux cando se aproximou ás portas de Pontevedra entrou en contactos cos seus habitantes para buscar o apoio da causa do de Lancaster. Para se facer entender con facilidade levaba canda si “un inglés que entendía ben o galego: traducíalle a ese idioma todas aquelas palabras segundo llas ían dicindo” (“Le maréchal avoit de-lez lui un Anglois qui bien savoit entendre le Galicien ; si lui disoit en Anglois toutes ces paroles, si comme ceux les disoient”). No mesmo capítulo, pero sendo Baiona o escenario, un heraldo dos cabaleiros ingleses –denominado Coimbra e que era portugués– aproximouse ás barreiras da referida urbe e alí atopa unha multitude de vilegos moi mal armados. Aquel, que coñecía ben o noso idioma, comentoulles: “Homes desta vila –dixo nun bo galego– que decidistes facer?” 

Noutro episodio (capítulo 57), estando os duques de Lancaster en Betanzos, estabelécese unha conversa entre ambos ao escoitar a seis representantes desa cidade que, obviamente, se expresarían en galego. Xoán de Gante non lles responde e propón que o faga a súa muller, pois “entendéraos moi ben na súa lingua”. Constanza revirouse cara aos betanceiros e contestoulles en galego: “Adonc se retourna la dame devers les hommes, et leur dit en galicien (...)”. A teor disto, comprendemos que Constanza, amais de coñecer a lingua castelá, tamén sabía e usaba a galega.

Destas tres citas dedúcese un par de cuestións que cómpre resaltar: por unha banda que o séquito e a corte dos duques de Lancaster van provistos de intérpretes para se comunicar coa veciñanza e, amais disto, que o idioma galego é o propio deste país, polo que non se dirixen en castelán ou outra lingua. Lembremos que o idioma portugués non será denominado como tal até 1430, como lembra o profesor Fernando Venâncio en Assim nasceu uma língua. Até antes dese ano os tres reinos atlánticos da Península (Galiza, O Algarve e Portugal) usaban un mesmo idioma coas súas respectivas peculiaridades e este non era outro que o galego.

A época de Afonso Vde Portugal

Este acontecemento que marca un punto de inflexión na lingua de ambos territorios coincide co reinado de João I e Filipa de Lancaster, que terán por sucesor a Duarte I e este a Afonso V de Portugal. O último de tales monarcas, canda a conquista de Tánxer, estará a conceder diversos privilexios a vilas e cidades galegas lindeiras co seu reino. Segundo documentación conservada na Torre do Tombo de Lisboa, nos primeiros días do mes de xullo de 1462 o portugués, viúvo de Sabela de Avis, emite cartas confirmatorias daquelas mercés que lle concedera ao “concelho e homens-bons” da vila da Guarda e o seu territorio de “livremente vizinharem” co lugar de Guayam (Goián). Diplomas do mesmo tipo fóranlles outorgados aos moradores de Valença para andaren libremente e “vizinharem” cos galegos, aos do Castro Leboreiro para que puidesen asentar en Milmanda (Celanova) e Araúxo (Lobios); e aos de Baiona, Salvaterra, Tui e os seus termos para que actuasen do mesmo xeito no reino de Portugal. 

Xoana de Portugal, muller de Henrique IV. / Genealogia dos Reis de Portugal. British Library
Xoana de Portugal, muller de Henrique IV. / Genealogia dos Reis de Portugal. British Library

Coidamos que ao monarca lle eran interesantes as relacións fronteirizas, aínda que entre as súas aspiracións puidesen estar as de acadar, se for posíbel, o reino galego. Quizais se lle abre unha oportunidade en decembro de 1474 canda o pasamento de Henrique IV de Castela, polo que se apresura a contraer alianzas matrimoniais coa sucesora deste, a infanta Xoana.

Xoana de Trastámara ou “A Beltranexa”

Pero non vaiamos tan axiña no decurso dos acontecementos. Certo é que logo da morte en xullo de 1468 de Afonso de Castela, fillo de Xoán II e medio irmán de Henrique IV, facíase visíbel un escenario distinto na carreira sucesoria ao trono. Este, que xa gobernaba dende 1454, bate cunha importante rival, a tamén irmá por liña paterna Isabel de Castela, infanta escolleita por sectores nobiliarios para ser a futura raíña. Alén dos conflitos e tirapuxas existentes, a concordia dos Toros de Guisando, que ten lugar o 19 de setembro de 1468, deixará en suspense esta situación durante uns anos. Mais Isabel era recoñecida como futura herdeira dos reinos. Porén, algo tivo que ver que se unise en segredo con Fernando de Aragón ao ano seguinte para que Henrique –en verbas de E. Pardo de Guevara– anulase o acordo e proclamase como herdeira a dona Xoana.

Así, logo de chegar o óbito do rei, informa a Chronica do Prinçipe dom Ioam que “don Fernando e a rainha donna Isabel, per suas espias que tinhão em Plasença, foram auisados dos sposouros del rei dom Afonso e da rainha donna Ioanna, e de que quomo se intitularão Reis de Castela, de Leão, e de Portugal”, amais obviamente da Galiza. A situación da sociedade galega era a dun país que estaba a rematar a Gran Guerra Irmandiña, administrado por irmandades municipais que apostaron pola causa lexitimista de Henrique IV, de aí que a partir de Guisando –segundo López Carreira– a nobreza resulte reforzada e a división social favorecida. Consecuencia disto tamén foi que algúns cabaleiros se asentasen en Portugal, como así fixo o propio Pedro Álvarez de Soutomaior, “galego de naçam”, e que canda as guerras de sucesión da Beltranexa coa Católica “tomou ha çidade de Tui, e Baiona do Minho, e has teue por Portugal, com outros lugares vezinhos, atte fim destas guerras, chamándosse Visconde de Tui”. 

Poderíase dicir que a defensa da causa lexitimista galega estaba personifica no propio Pedro “Madruga”, e a de Isabel de Castela no arcebispo Alonso de Fonseca. Ao primeiro dos bandos tamén pertencían Pedro Álvarez Osorio e Rodrigo Henríquez de Castro (titulares sucesivos no condado de Lemos); e ao segundo, Rodrigo Alonso Pimentel (conde de Benavente). Fonseca, mercé do seu apoio, obtén nos primeiros días do mes de marzo de 1475 que Fernando e Isabel obriguen a Pedro Álvarez de Soutomaior, a Lopo Sánchez de Moscoso e ao mariscal Sueiro Gómez de Soutomaior a levantaren o cerco da igrexa de Compostela e a devolveren ao prelado numerosas vilas (Malpica, Muxía, Padrón, Pontevedra, Redondela e Vigo) así como determinadas fortalezas.

Coa batalla de Toro, Galiza como compensación

Dentro do contexto da Guerra de Sucesión, de aí a un ano ten lugar a batalla de Toro, na que se enfrontan o exército de Afonso V de Portugal e Xoana de Castela co de Fernando e Isabel que remata asegurándolle o trono á Católica, malia que ambos combatentes se cren vencedores. Chegado o debido momento, o rei Afonso –logo de analizar “quantas difficultades se opunham já ha seus negoçios”– diríxese ao cardeal Pedro González de Mendoza, leal á política castelá-aragonesa, e asegúralle o seguinte: 

“(...) que ele açetaria paz e amizade com hos Prinçipes dom Fernando, e donna Isabel pelo modo seguinte: que vista ha aução que elle quomo sposo da rainha dona Ioanna, filha del Rei don Anrrique, tinha nos Regnos de Castella, lhe soltassem liuremente algua parte do senhorio della, que esta seria ho regno de Galiza com todos seus termos e senhorios limitados, e has çidades de Çamora e Touro, com todos seus castellos e termos, para liuremente ajuntar tudo ha Coroa de Portugal sem nenhuna clausula de tributo, nen obrigação de seruiço (...)”.

Poucos anos máis tarde os “Reis Católicos” principian, alén dun férreo control militar no noso reino, a persecución dos nobres que apostaron pola facción portuguesa. Aos condes de Lemos esquílmanlle parte dos seus dominios, pasando O Bierzo a ser controlado pola casa de Benavente e, consecuencia disto, comezando a separarse este territorio do reino galego. A oposición do mariscal Pardo de Cela aos mandados de Isabel e Fernando remata coa súa decapitación, e asegura X. García Oro que nin os claros partidarios da nova monarquía foron recompensados na súa xusta medida. A política centralista dos “Católicos” era moito máis crúa e non só procuraba a limitación do poder da nobreza, reprimindo “os débiles brotes de rebeldía”, senón que se axudaron dos alcaldes maiores para iniciar un labor depurador e de represión, alén de impulsar a figura do Gobernador Maior do Reino da Galiza, “delegado e executor da coroa”. Para rematar este apartado achegamos un extracto dos Anales de la Corona de Aragón de Jerónimo Zurita, bastante coñecido, por certo, pero sen dúbida concluínte en relación coa doma e castración do reino galego: 

“En aquel tiempo se començó a domar aquella tierra de Galizia: porque no solo los señores y cavalleros della, pero todas las gentes de aquella nación, unos contra otros muy arriscados y guerreros; y viendo lo que passava por el Conde [de Benavente], que era gran señor en aquel reyno, se fueron allanando y reduciendo a las leyes de la justicia, con rigor del castigo”.

A teor dos comentarios de Francisco Carballo, con Fernando e Isabel “Galiza perde o poder de autorregularse, convértese nun Reino dirixido ‘virreinalmente’ pola Audiencia e intégrase no espacio económico propio do incipiente sistema mundial”. 

E a lingua galega...?

Dentro do plano idiomático, como advirte Ramón Mariño Paz, unha parte da baixa e media nobreza comeza a recoller as súas últimas vontades en lingua castelá e, bebendo das investigacións de Henrique Monteagudo, os grandes do noso reino gustan de emular o que fan os seus análogos casteláns, “empoleirados no cume dos poderes de Galicia”. Na liña disto, o Gremio de Cambiadores de Compostela, nunha súa ordenanza de 1490, regulaba que: “njnguun confrade de dita confraría quando seuer a canbear non posa falar njnguna lenguaje estranjera aynda que a sabea, saluo nosa lyngoage galega, ou castellana”. O proceso diglósico xa estaba servido e a difamación e o desprestixio tamén. Servíndonos de guía novamente os estudos de Monteagudo, velaquí as afirmacións que o historiador español Gonzalo García de Santa María lanzou no prólogo de Las vidas de los santos religiosos (1486-1491): “Y porque el real imperio que oy tenemos es castellano (...) deliberé de poner la presente obra en lengua castellana (...). Ay aliende esso en la misma Castilla, como son diversos reynos en uno ayuntados, algunas tan grosseras y ásperas lenguas como es Galizia, Vizcaya, Asturias y Tierra de Campos, que ni aquellas ni lo muy andaluz es avido por lenguaje esmerado, ca, lo uno, de muy grueso y rudo se pierde, y, lo otro, de muy morisco en muchos vocablos a penas entre los mismos Castellanos se entiende”. De certo, o racismo lingüístico comezaba a alborexar. 

Epílogo sen concluír

No que atende ás pretensións portuguesas de acadar o control de todo o atlántico peninsular cómpre dicir que estas volven aboiar pasado o ecuador do século XVII. Cando Portugal se libera do xugo castelán, achega Alexandre Borges, estívose a piques de “conseguir a cedência da Galiza a Portugal como uma das condições do tratado de paz com Espanha”. Tempo atrás, o conde de Castelo-Melhor, após as vitorias do Alentejo, concibira invadir a Galiza, como advirte Manuel Rodrigues Lapa dende as páxinas de Grial. Son tempos nos que sobe ao trono luso Afonso VI, mais canda José I “O Reformador” agroma unha nova tentativa. Desta volta, sinala Alexandre Peres Vigo, que certo viaxeiro francés publicaba en 1765 unha descrición titulada État politique, historique et moral du royaume d’Espagne. A teor do que se verte nela, seica se urdira un plan estratéxico-militar para acadar a unidade lingüística, étnica e xeográfica de ambos países. Emporiso, tanto o idioma galego como a nación que o fixo nacer seguen a perdurar na historia do reino máis antigo de Europa. E velaquí seguimos...

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios