Afonso VIII. Un rei no final da Era Compostelá

Aquel a quen se lle chamou en España Afonso IX, non sen poucas intencións políticas e ao que nós deberiamos asignar o ordinal VIII, disque nace en Zamora en 1171. Porén, constátanse erros relativos á súa orixe que imos ir debullando dende as primeiras liñas deste capítulo co obxecto de contribuírmos na restauración biográfica dun dos máis relevantes reis da Galiza. 
Imaxe ecuestre de Afonso VIII nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. / Catedral de Compostela
photo_camera Imaxe ecuestre de Afonso VIII nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. / Catedral de Compostela

Un nacemento confuso: Zamora, Tui ou Compostela? Por unha banda, asegúrase en multitude de obras históricas que vén ao mundo na referida cidade de Zamora, mais non conseguimos saber sobre que se sustenta tal afirmación. Aínda que nos poida parecer bastante confuso o lugar de nacemento, tanto ou máis resulta a súa data. Se ben o Chronicon Conimbricense sinala que había ser no mes de febreiro (“\Anni 1171/ Era MCCVIIII. mense Februario hora tertia in die Ascensionis Domini natus est Rex Alfonsus filius Regis Fernandi et dñae Orace Reginae”), o Chronicon Lusitano afirma que foi en agosto (“Aera 1209 Mense Augusto, natus fuit Rex Alfonsus filius Regis Ferdinandi et Reginae D. Orracae, nepos Regis Portugaliae D. Alfonsi”). Certo é que en marzo dese ano, na cidade de Oviedo, Fernando II –pai do futuro monarca– lle reincorpora á igrexa compostelá a posesión dos produtos da ceca; e nese texto, reproducido no ACS, dise que amais dese rei está presente a súa muller Urraca e Afonso, fillo de ambos. Isto vén a desmentir o último dos cronicóns, porén privilexios anteriores a esa data, concretamente do ano anterior, xa aseguran que o infante era un membro máis da familia rexia. Pero vaiamos por partes. 

En xaneiro de 1170, Fernando e Urraca están en Salamanca e non hai constancia ningunha de que nacese o futuro Afonso VIII. No mes de marzo o matrimonio fica principalmente en Tui, como testemuñan diversos documentos do ACT, ACM e do AHN, e en ningún deles se fai mención do meniño. En abril os monarcas instálanse en Compostela e comezan a emitir privilexios que favorecen a distintos particulares e a institucións eclesiásticas como o mosteiro de San Xurxo de Codeseda (ACS) e a igrexa de Tui (ACT). A partir de maio, Fernando e Urraca xa están en Lugo, en xuño en León e en outubro en Zamora. Pero volvamos aos textos composteláns. Nesta cidade foron emitidos en abril catro privilexios, resultándonos os máis interesantes aqueles vinculados coa sé tudense.

Fernando II e o seu fillo Afonso VIII nunha miniatura do Tombo de Toxos Outos. / Arquivo Histórico Nacional
Fernando II e o seu fillo Afonso VIII nunha miniatura do Tombo de Toxos Outos. / Arquivo Histórico Nacional

Por medio dun deles Fernando II anula os foros de Bonaventura e devólvelle ao bispo Xoán o señorío de Tui e, segundo as transcricións que del realiza M. Recuero Astray, xa se dá constancia do nacemento do príncipe: “Fernandus Dei gratia Isp[aniarum] rex una cum coniuge mea regina Urraca et filio meo rege Adefonso”. Desta concesión existen dous documentos conservados no ACT, nomeadamente os que levan os números 9 e 10 do Tomo 3. No que atende ao restante privilexio, como sinalamos tamén estendido dende Compostela, o mesmo rei devolve á igrexa tudense a vila e couto que lle subtraera por cartas que levaron os seus portarios Martiño Muniz e Paio Martínez. Desta volta faise explícito o día, o primeiro de abril, e de novo volve aparecer o cativo: “Fernandus Dei gratia Hispaniarum rex una cum uxore mea regina U[rraca]. et filio meo rege A[defonso]”. De tal documento tamén se conservan dúas copias custodiadas na mesma instalación arquivística (ACT) e correspondéndose cos números 5 e 6 do Tomo 4.

Ante esta situación cómpre cuestionarse se realmente Afonso VIII nace en Zamora. Baixo o noso punto de vista é moi posíbel que non, pois até os documentos composteláns do mes de abril de 1170 non temos testemuño da súa existencia. Por mor disto, igual sería preciso formular a posibilidade de que nacese en territorio galego, ben en terras tudenses no mes de marzo, pois aí estaba a instalada a casa real, ben xustamente o primeiro de abril en Compostela. A aparición de novos diplomas poderánolo verificar ou desmentir. Diferente é coñecer o templo no que recibe as augas do bautismo, pois a teor dun pergameo do 11 de xuño de 1193, asinado polo propio Afonso e no que lle concede determinada mercé á igrexa zamorana, o monarca asegura que nela foi bautizado e recibiu a graza: “In dey nomine. Ego Adefonsus dey gracia Rex Legionis et Gallecie, per hoc scriptum notum facio universis presentibus et futuris quod orta est contencio inter capitulum zamorense et donpna Maria Uele et fratres suos super villam que dicitur Aviadello aserebant enim capitulum zamorensem villano fuise concesam et oblatam ecclesie zamorense a patre meo rege donpno F[ernandus]. et a matre mea regina donpna Urracha intuiti mei qui in ipsa ecclesia baptismatis rrecepi graciam”.

Os Traba de novo aios do rei

Persoas da confianza de Fernando II e a súa primeira muller, Urraca de Portugal, foron Xoán Arias Baticela e Urraca Fernández de Traba. Tanto é así que os propios reis encomendáronlles que criasen o seu fillo, como certifica Antonio López Ferreiro. Urraca Fernández, alén de proceder da importante caste galega dos Traba, era media tía de Afonso VIII e pronuncia as súas últimas vontades en 1199. Nelas ordena que lle desen repouso ás súas perecedoiras carnes no cemiterio da catedral de Santiago. Tempo atrás, Urraca e Xoán emiten un documento, conservado no AHN e dentro dos fondos da Armenteira, polo cal lle doan a este cenobio a herdade do Paraíso, localizada en Santa Mariam de Portis, “rippam fluuis Humie”. Este pergameo, do 30 de abril de 1165, será confirmado ese mesmo día polo monarca Fernando II. No que atinxe ao príncipe cómpre advertir que durante uns anos o meniño padece algún tipo de cegueira, polo que os seus pais encoméndanse ao Santo Isidoro de León para que lla cure. Esta información que achega Gregoria Cavero, complétaa a autora indicando que Afonso VIII pasou a maior parte do seu tempo na Galiza, reino no que acontecen moitos sucesos clave da súa vida.

As Cortes Galego-leonesas

Chegado o óbito do seu pai, a Afonso comunícaselle esta tráxica nova en terras da Limia, polo que cumpría subir axiña ao trono da Galiza e León: a súa madrasta Urraca López de Haro e os nobres casteláns pretenden que fose o seu fillo Sancho o que conseguise a coroa real. Porén, alén deste conflito inicial, o novo rei apresúrase tamén a realizar unhas cortes galego-leonesas na igrexa de Santo Isidoro de León. E isto que ten lugar pasados uns meses despois da morte do seu pai, acontecida o 22 de xaneiro de 1188, resulta ser o acto parlamentario recollido de xeito documental máis antigo de Europa. Nel, xunto co rei, asisten e toman decisións tanto os nobres e os representantes da Igrexa como os burgueses, previo seren seleccionados entre as vilas e cidades. Entre todos os magnates figura, evidentemente, o arcebispo de Compostela, que non era outro que Pedro Suárez de Deza, persoeiro que por 1165 xa fora chanceler de Fernando II e promovido nesa data, por beneplácito real, ao bispado de Salamanca. 

O seu reinado

A vida do monarca non estará carente de conflitos pois as continuas pugnas co seu curmán homónimo Afonso VIII de Castela xermolan decote. Mercé da súa política expansionista, recupera as terras estremeñas e ten que loitar por determinados territorios de León que degoraban tanto o rei castelán como o portugués. Con este, e por medio dunha avinza diplomática que colide coas normas eclesiásticas, acordan que o soberano da Galiza e León contraia alianzas matrimoniais en Guimarães coa súa curmá Tareixa Sánchez, filla Sancho I de Portugal. Como é ben sabido, a Igrexa vía ben mal os casamentos entre cónxuxes con certo grao de parentesco, mais desta volta eran incluso primos carnais, curmáns logo así. Porén, despois desas nupcias –que teñen lugar en 1191– e da anulación polo papa Celestino III, unirase con Berenguela de Castela, que como sabemos era igualmente familiar, concretamente filla do seu curmán. Deste último matrimonio xorde unha fértil descendencia, e da primeira das alianzas, tres fillos. Sancha, Fernando e Dulce, son os seus nomes. 
No que afecta aos seus conflitos co rei de Castela, este pídelle apoio para loitar contra os almohades nas Navas de Tolosa (1212), mais o galego declina “o convite” posto que o seu análogo gustara de lle usurpar determinados territorios leoneses. 

Afonso VIII na consagración da catedral de Santiago

outra orde de asuntos, debemos subliñar que durante o seu reinado conclúese o Pórtico da Gloria da catedral de Santiago, impulsado sobre todo polo mencionado arcebispo Pedro Suárez de Deza e executado dende a dirección artística polo Mestre Mateo. Este arquitecto tamén se encargaría da elaboración da cripta existente debaixo do pórtico e proxectos de elevada importancia. A consagración do Pórtico e de toda a catedral ten lugar o 21 de abril de 1211 en presenza de Afonso VIII, segundo se recorda nun texto desa data (“Facta carta Compostelle; in die consecrationis ecclesie Sancti Iacobi, XI kalendas maii, era MCCXLVIIII, regnante rege domno Adefonso in Legione, Gallecia, Asturiis et Extrematura”). Por medio del o monarca entrégalle á igrexa compostelá o castelo de Traba, de aí que o arcebispo debese proceder de xeito semellante. Este facilítalle outro herdo amais de oitocentos estopos de trigo. 

Nos actos de consagración están presentes o arcebispo compostelán e os seus análogos nas dioceses de Ourense, Lugo, Mondoñedo, Tui, Coria, Exitania (Idanha-a-Velha), Évora, Lisboa e Lamego. Tamén asisten o príncipe Fernando III, o infante Sancho –medio irmán de Afonso VIII– e numerosos nobres, entre os que figuran o tenente de Estremadura, Fernán Fernández de Bragança; o da Limia, Monterroso e Lemos, Gonzalo Núnez; o pertegueiro arcebispal, Nuno Núnez; e o mordomo rexio, Rodrigo Ordóñez. Uns meses máis tarde, en novembro, Afonso VIII volve a Compostela en peregrinación (veniens ad Sanctum Iacobum causa peregrinationis, do et offero Deo et beato Iacobo) e estende outra mercé para favorecer a curia catedralicia: a de entregar 300 marabedís anuais das rendas reais da Coruña para o refectorio dos cóengos santiagueses. 
Estase a vivir, logo así, unha verdadeira Era Compostelá, onde a cidade do apóstolo segue a aumentar o seu protagonismo na Península, amais de se erixir a súa igrexa como un das máis importantes de toda Europa. A Era Compostelá non deixa ser, abofé, un sinónimo da Idade de Ouro das Peregrinacións a Santiago, as mesmas que habían ser referidas nunha composición do trobador occitano Peire Vidal que, por certo, tamén estivo na corte de Afonso VIII. Velaí fica a súa Be.m pac d’invern e d’estiu, peza lírica que na última das súas estrofas reza así: “Per l’apostol qu’om apella / Sant Jacme de Compostella, / En Luzi’a tal Miquel / Que.m val mais que cel del cel”.

O desenvolvemento das urbes marítimas galegas

Se deixamos atrás este asunto, non deberíamos esquecer que Afonso foi un grande impulsor das urbes dos litorais da Galiza e Asturias, destacando A Guarda (1200), A Coruña (1208), Baiona (1209), Ferrol (1212), entre as primeiras. En relación coa cidade brigantina, non só había ser Afonso VIII o seu (re)fundador ao trasladar até ela parte da poboación da zona do Burgo, senón que incluso lle asigna o nome actual. Comenta o profesor Gonzalo Navaza que, malia aparecer no “Pseudo-Turpín” unha cidade imaxinaria galega denominada Crunia, será co rei Afonso cando Brigantium, ou posteriormente O Faro, pase a denominarse así. Crunia resulta, polo tanto, unha homenaxe que o monarca lle realiza a Carlomagno e, por extensión, unha lexitimación do discurso narrado na Historia Karoli Magni (libro IV do Codex Calixtinus). Pero Afonso VIII non só autoriza o traslado da cidade da Coruña. Outro exemplo é o de Betanzos pois, dende a Valencia leonesa (co tempo coñecida como Valencia de Don Juan) e con data do 13 de febreiro de 1219, o monarca acepta a petición da veciñanza betanceira para reerguer a súa urbe xunto o Castro de Unctia que, por aquel tempo, formaba parte do patrimonio do mosteiro de Sobrado dos Monxes.

Afonso VIII e a súa muller Berenguela nunha miniatura 
do Tombo de Toxos Outos.
/ Arquivo Histórico Nacional
Afonso VIII e a súa muller Berenguela nunha miniatura do Tombo de Toxos Outos. / Arquivo Histórico Nacional

Mais por se isto fose pouco, o rei tamén cataliza o desenvolvemento de mosteiros tan importantes como Carboeiro, Celanova, Melón, Monfero, Sobrado e Santo Estevo de Ribas de Sil, e algúns tan humildes como o de San Miguel de Couselo (en terras de Caldas de Cuntis). 

Verbo dos seus labores expansionistas, por 1229 conquista Cáceres, e entre o outono e a primavera do ano seguinte e quen de se facer con Mérida e Badaxoz. No verán fica na Galiza e, segundo o bispo Lucas de Tui, falece o 24 de setembro do ano seguinte: 

“Porén, como se for por causa de oración á igrexa da sé de Santiago Apóstolo, en Galiza, no lugar que se di Vilanova de Lemos [Sarria], gravemente enfermou e aceptada a penitencia episcopal e o corpo e o sangue do Señor, morreu de fermoso deceso. Na igrexa do beato apóstolo Santiago, preto do seu pai [Fernando], con honras foi soterrado. Gobernou con éxito o reino ao longo de corenta e dous anos. Faleceu na Era Mª. CCª. LXª. VIIIª [no ano 1230]”. 

Como vemos, e servíndonos das palabras de Ramón Yzquierdo Peiró, ese recinto estase a configurar como un verdadeiro “panteón real para unha catedral nacional”. A Galiza non é allea ao mundo, pero este tampouco o é a ela.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios