Froila II, Afonso Froilaz, Sancho I e Afonso IV. Uns reis en tempos de inestabilidade

Foron sete anos de inestabilidade política no Reino da Galiza marcados pola tensión interna entre a nobreza da área castelá e da Galiza nuclear. Unha dialéctica que marcou a lóxica política do espazo cristián peninsular durante séculos e que explica a sucesión de monarcas até a chegada ao trono do gran Ramiro II, tras a morte do seu irmán Sancho I, rei privativo da Galiza entre 926 e 929 e tras o breve reinado do seu irmán Afonso IV en 931. Precisamente nese ano, o partido galego volveu asentar súa a hexemonía no reino cristián, cun monarca nacido e criado no país e ligado familiarmente á poderosa familia dos Goterres.
Afonso IV, nunha miniatura no 'Compendio da crónica de reis'. / Biblioteca Nacional de España
photo_camera Afonso IV, nunha miniatura no 'Compendio da crónica de reis'. / Biblioteca Nacional de España

O período comprendido entre a morte do monarca galego Ordoño II en 924 e a chegada ao trono do seu fillo preferido, Ramiro II, en 931, destacou por unha gran conflitividade no reino galego. A confrontación, que non era nova, alcanzou unha nova dimensión tras o pacto dos condes de Castela, Fernando Ansurez, Nuño Fernández, Abolmondar Albo e o seu fillo Diego con Abderramán III e a posterior operación de castigo contra eles levada adiante en 922 polo rei. Estes sucesos, en opinión do historiador leonés Carriedo Tejedo, abriron unha fenda entre Ordoño II e o seu irmán Froila, que non deixou de medrar nos anos seguintes.

Mapa elaborado no mosteiro de San Millan de la Cogolla (Burgos) en 946, onde a península aparece divida entre  Gallecia e Spania. (Foto: Nós Diario)
Mapa elaborado no mosteiro de San Millán de la Cogolla (A Rioxa) en 946, onde a península aparece divida entre Gallecia e Spania. (Foto: Nós Diario)

A entronización de Froila II (874-925), en detrimento dun dos fillos de Ordoño II, representou un claro trunfo para a nobreza de matriz castelá. O novo rei, fillo de Afonso III e Xemena, exerceu entre 910 e 924 como gobernador da área asturiana do Reino da Galiza, por delegación do seu irmán Ordoño II, a quen recoñeceu como monarca en Compostela en 914, tras a morte do seu pai. A súa xestión en Asturias non presentou gran relevo, ficando escasa documentación desa etapa, excepto algúns diplomas e doazóns onde aparece asinando a carón do seu irmán.

Froila II tentou desde o primeiro momento gañarse o favor da clase dirixente galega, consciente de que sen o seu apoio non era posíbel manterse á fronte do reino. Neste sentido, explícanse as súas repetidas visitas a Santiago de Compostela, as súas doazóns ás sedes galegas e os seus encontros con bispos do país. Tanto é así que a primeira referencia ao seu reinado data de 28 de xuño de 924, cando acode á catedral de Compostela para reclamar o apoio do Apóstolo á súa nova encomenda. Porén, nunca atopou apoio na Galiza, non tardando en apareceren as diferenzas, até o punto de tentar obrigar o cabido compostelán a pagar impostos.

Os tempos de Froila II

O breve reinado de Froila, entre xaneiro de 924 e xullo de 925, non mereceu unha avaliación positiva nas fontes contemporáneas. Así, na Cronica de Sampiro, afírmase que no “ano 924, morto Ordoño, sucedeulle no reino o seu irmán Froila. Pola brevidade do mesmo non alcanzou ningunha vitoria nin combateu a ningún inimigo, salvo os fillos de Olmundo, os que, segundo din, mandou matar sendo inocentes. Tamén se di que por castigo divino perdeu pronto o reino, pois tras a morte dos irmáns desterrou, tamén sen culpa, o bispo Fruminio. E así, abreviado o tempo do seu reinado, veu morrer enseguida por enfermidade, ocupando o trono un ano e dous meses”.

O proxecto político de Sancho I apostaba pola hexemonía da Galiza nuclear no espazo cristián peninsular

A morte de Froila agudizou as tensións entre os bandos en confronto e abriu a porta para o retorno dos fillos de Froila II e Elvira Mendes. Así as cousas, o círculo do rei finado impón no trono o seu fillo primoxénito, en puridade Afonso IV, mais denominado pola historiografía oficial como Afonso Froilaz, ao ser excluído da relación de monarcas elaborada no século XIII por Afonso O Sabio. Porén, a actividade como rei de Afonso Froilaz entre agosto de 925 e comezos de 926 limitouse a defender os seus dereitos fronte aos Odroñes, nun caso apoiado polo partido galego e noutro polo rei de Nafarroa.

A opción da clase dirixente da Galiza nuclear para suceder Afonso Froilaz era Sancho, primoxénito de Froila II e Elvira Mendes, porén o rei de Nafarroa, Sancho Garcés, e os nobres de Castela, que tiñan sostido con anterioridade os dous monarcas da dinastía Froilaz, impuxeron no trono do reino galego o seu irmán Afonso IV. Nesta dirección, o segundo dos fillos de Froila II e Elvira Mendes, casado coa princesa de Nafarroa, Onnéca Sánchez, foi entronizado o 12 de febreiro de 926 na catedral de León, nun acto onde se ausentou a oligarquía civil e eclesiástica galega e onde se significou a representación castelá, navarra e de varios membros destacados do grupo dos Froilaz.

A resposta da nobreza galega non se fixo agardar, marchando contra León e expulsando Afonso IV do trono. Mentres Sancho e os seus seguidores se preparaban para organizar a nova a administración e facer efectiva a remuda á fronte da coroa, Afonso, refuxiado en Astorga, recibiu reforzos militares enviados polo seu sogro, o rei de Nafarroa, Sancho Garcés, polos condes de Castela e polo seu curmán e anterior rei, Afonso Froilaz, que obrigaron Sancho a retornar a Galiza. Este escenario levou o partido galego a virar de folla de ruta e buscar novas alternativas que lle permitisen manter o seu papel predominante nese contexto.

Sancho I rei privativo da Galiza

O partido galego reaccionou coroando o 16 de abril de 926 na catedral de Compostela como rei privatizo da Galiza Sancho Ordoñes, nun acto presidido polo arcebispo da sede, Hermenexildo. Sancho Ordoñes, en realidade Sancho I, estivo acompañado da súa esposa, a raíña Goto, e do máis destacado da aristocracia galega, correspondéndose a súa xurisdición coas terras da Galiza nuclear e o espazo xeográfico entre os ríos Miño e Mondego, gobernado por delegación polo seu irmán Ramiro, estadista de grandes capacidades, que rexeu como Ramiro II e foi coñecido polos seus contemporáneos como O Grande.

A disputa entre os galegos e os partidarios de Afonso VI foi recollida en diversas crónicas. A este respecto, o historiador cordobés Ibn Hayyan (987-1075) escribiu que “cando morreu Froila, fillo de Ordoño, rei de Galiza, a quen deus maldiga (...) os cristiáns fixeron rei no seu lugar o seu irmán, Afonso, fillo de Ordoño, a quen lle disputou o trono o seu irmán Sancho, fillo de Ordoño, maior que el, o cal entrou en León, capital do reino dos galegos, como opoñente do seu irmán Afonso, sendo apoiado por algúns galegos, mentres que outros se mantiveron fieis a este (...) até que acordaron depor a Sancho e expulsalo de León, uníndose baixo o rei Afonso, fillo de Ordoño. Sancho fuxiu entón ao extremo da Galiza, cuxa poboación o recoñeceu e entronizou, sendo súa unanimemente, mentres o seu irmán Ramiro, fillo de Ordoño, (...) posuíu a zona adxacente desde o oeste da Galiza até o límite de Coimbra”.

O proxecto político de Sancho (895-929) era coincidente co do seu pai Ordoño II e co do seu avó Afonso III. Neste sentido, apostou pola hexemonía da Galiza nuclear no espazo cristián peninsular, sendo a súa proposta confluente coa da oligarquía galega. Precisamente, esta foi razón esencial que levou a ese sector social a apoiar o primoxénito dos Ordoñes, que malia reinar na Galiza entre 926 e 929, ficou excluído da relación de reis elaborada no século XIII por Afonso O Sabio, que fixou a numeración dos monarcas anteriores a el, configurando unha denominación asumida até hoxe. Nesa liña, a historiografía designa este rei como Sancho Ordoñes e non Sancho I, nome que en realidade lle corresponde.

Sancho I facía parte do núcleo duro da oligarquía galega. Fillo da raíña Elvira Mendes, era neto de Hermenexildo Goterres, o auténtico líder da nobreza galega no século IX e curmán de San Rosendo. Nado na Galiza nuclear arredor de 895, criouse entre as terras do Douro e do Mondego, onde a súa familia materna posuía grandes propiedades,correspondéndolle a súa educación a Diego Fernández, outro poderoso oligarca ligado á familia dos Goterres, e á súa esposa Onega, irmá de Afonso III. Neste sentido, a súa formación respondeu ao patrón que a casa real tiña marcado para os seus proxenitores, fixando a Galiza nuclear como lugar para a mesma. 

A raíña Goto

A súa política, na liña da desenvolvida polos seus antecesores, buscou estreitar aínda máis relacións coa nobreza galega pola vía dos pactos matrimoniais, casando coa súa curmá por vía materna e paterna Goto Nunes. Dona Goto era filla de Elvira Airas, neta do gobernador de Coimbra, Airas Mendes, e sobriña de Goterre Mendes, integrante tamén da poderosa familia dos Goterres. Seu pai, o conde Munio Goterres, era fillo de Goterre Menendes e Santa Ilduara, irmán de San Rosendo, sobriño da raíña Elvira Mendes e de Ordoño II e curmán do rei Sancho I.

A raíña Goto, após a morte Sancho I, pasou a residir no mosteiro de Castrelo de Miño, exercendo como abadesa do mesmo até o seu falecemento. Este cenobio construído sobre un antigo castro foi un importante centro relixioso e político, fundado no século X pola familia dos Goterres. A edificación, da que hoxe só se conserva unha igrexa, serviu de lugar de enterramento a Sancho I, Goto e, posteriormente, a Sancho II, para a historiografía oficial Sancho I, popularmente coñecido como Sancho 
O Craso.

O falecemento de Sancho I deu paso a dous anos escuros na historia do reino. Mentres a historiografía tradicional e unha boa parte da historia académica sinalan que a morte deste monarca posibilitou o recoñecemento como rei polos galegos de Afonso IV, outros estudosos, maiormente procedentes da área leonesa, como José Manuel García-Osuna, afirman que tras a morte de Sancho I a nobreza galega proclamou en Zamora como rei privativo da Galiza e de Portugal a Ramiro II, polo que Afonso VI non chegaría a reinar no país. Sexa como for, a renuncia de Afonso IV en 931 alegando motivos persoais para converterse en monxe significou a elección como monarca de todo o reino galego de Ramiro II.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios