Ordoño III e Sancho II. Uns reis enfrontados por Galiza

Eran fillos de Ramiro II, pero cada un deles defendeu un proxecto político diferente. O primeiro, de nome Ordoño, froito dun matrimonio do monarca cunha muller da familia dos Goterres, criouse na área galega portuguesa, educouse no fogar de Hermenexildo Gonzales e Mumadona Dias e deulle continuidade ao programa de goberno do pai, dirixido a garantir a hexemonía da Galiza nuclear no reino cristián peninsular. O segundo, coñecido como Sancho, naceu dunha segunda relación de Ramiro II cunha infanta navarra, educouse na corte dese pequeno reino pirenaico e actuou como cabeza do partido castelán na característica dialéctica interna do reino galego. Finalmente, a morte prematura de Ordoño permitiu o aceso ao trono de Sancho.
Ordoño III, nunha miniatura no 'Compendio da crónica de reis'. (Foto: Biblioteca Nacional de España)
photo_camera Ordoño III, nunha miniatura no 'Compendio da crónica de reis'. (Foto: Biblioteca Nacional de España)

rdoño naceu arredor de 925 na área galego portuguesa. Seu pai, o futuro monarca, Ramiro II, exerceu de gobernador desas terras por delegación do seu irmán, o rei Sancho, antes de subir ao trono, emprazando a súa residencia, primeiro, en Coimbra e, despois, en Viseu. Neste territorio Ordoño pasou a infancia e a adolescencia, preparándose para rexer algún día o futuro desta zona, porén a morte en xaneiro de 941 do seu irmán primoxénito e herdeiro ao trono, Vermudo, mudou estes plans.

O segundo fillo de Ramiro II facía parte do núcleo duro da nobreza galega. Así, por vía paterna, emparentaba coa Casa Real e cos Goterres, ao ser a súa avoa a raíña Elvira Mendes, filla de Hermenexildo Goterres (850-912), o auténtico líder da Galiza no século IX e de Ermesenda Gatones. Ao tempo, era fillo doutra muller do clan dos Goterres, Adosinda Goterres, nacida do matrimonio entre Goterre Osorio e Aldonza Méndez, neta de Hermenexildo Goterres e de Ermesenda Gatones, sobriña da raíña Elvira Mendes e curmá do célebre Osorio Goterres, fundador do mosteiro de Lourenzá e popularmente coñecido como o conde santo, malia non estar oficialmente recoñecido pola Igrexa.

A educación de Ordoño recaeu no conde do Deza Hermenexildo Gonzales e na súa esposa, a condesa de Portugal Mumadona Dias. Esta última, considerada por Ramiro II como “a miña irmá de leite”, era filla de Onega e Diego Fernández, tío de San Rosendo e aio do pai de Ordoño. Mumadona (900-968), membro, tamén, da familia dos Goterres, actuou como un sólido puntal do partido galego no conflitivo século X, significándose polo seu labor no desenvolvemento urbano de Guimrães, promovendo a edificación do mosteiro de San Mamede, a onde se retirou ao final dos seus días como abadesa e do castelo da cidade, para protexela dos ataques dos viquingos.

A subida ao trono de Ordoño III

A abdicación do seu pai en 951 abriulle a porta da coroa da Galiza. Así, o 5 xaneiro de 955, foi entronizado na catedral de León, nun acto onde destacou a presenza da nobreza procedente da Galiza nuclear, entre os que destacaron o seu tío Osorio Goterres; o pai de Mumadona, Rodrigo Vazques; o futuro Ordoño IV, integrante da curia rexia; Gudensindo Eiriz, irmán de San Rosendo; ou Paio Gonzales, mordomo real e suposto sogro do rei. O acto relixioso foi oficiado polo curmán de seu pai, San Rosendo, convertido no grande árbitro da situación. Precisamente, unha parte destas persoas ocuparon as máis importantes responsabilidades dentro da administración do monarca.

O estreado monarca era un gobernante experimentado cando accedeu ao trono. Neste sentido, o seu biógrafo, Alfonso Ceballos-Escalera, significou que antes de ser entronizado ocupou responsabilidades de goberno na área galega e portuguesa, na liña do acontecido previamente co seu pai e co seu tío Sancho I. Asemade, participou canda Ramiro II nas máis importantes operacións militares, como a batalla de Simancas, dirixindo operacións punitivas contra diferentes territorios en mans dos musulmáns durante o reinado do seu pai.

A actividade gobernamental de Ordoño foi moi intensa. Neste sentido, na orde civil traballou para manter e consolidar as medidas administrativas instauradas no reinado de seu pai. Se en relación coa área galego portuguesa se caracterizou por unha absoluta continuidade co período anterior, nas terras de León e Castela fortaleceu a administración territorial e impulsou a creación de novos señoríos, sempre ligados á mitra compostelá ou leonesa ou aos mosteiros. Nesa dirección, preocupado pola política dos condes casteláns, promoveu toda unha serie de construcións defensivas entre as fronteiras dese condado e León. 

As súas capacidades militares ficaron testadas en diferentes feitos de armas. Sen ir máis lonxe, en xuño de 955, marchou desde Celanova cun importante exército cara á rexión de Lisboa, onde derrotou as tropas do califato, saqueando diversas localidades e logrando un importante botín. Só unhas semanas despois, coñecedor dunha ofensiva dos cordobeses contra a liña do Douro e a área castelá do reino galego, pon rumbo a Burgos para salvar da desfeita as milicias de Fernán González, cercado no castelo de Gormaz.

As fontes contemporáneas avaliaron a súa xestión como positiva. Neste sentido, existe coincidencia na visión do monarca achegada pola Crónica de Sampiro do século XI ou na Crónica Silense do primeiro terzo do XII. A este respecto, Alfonso Ceballos-Escalera sinalou que “os textos da época significárono como un gran caudillo militar e un gran político, dotado, como o pai, de intelixencia, bo xuízo, actividade, dilixencia e, tamén, valor”. 

Un instrumento do partido galego

Ordoño deulle continuidade ao proxecto político de seu pai, actuando como un instrumento do partido galego e defendendo unha Galiza hexemónica no espazo do reino cristián peninsular. Precisamente, este programa valeulle o apoio da nobreza da área galego portuguesa e o conflito coa oligarquía castelá, encabezada polo seu sogro, o conde Fernán González. Neste sentido, o seu reinado non escapou á dialéctica interna que marcou o reino galego durante o século X. 

A querenza de Ordoño por Galiza está fóra de toda dúbida. Neste sentido, o historiador madrileño Alfonso Ceballos-Escalera afirmou que “a predilección do monarca polas terras galaico portuguesas foi constante”. Após ser coroado, a súa primeira viaxe foi a Celanova, en cuxo mosteiro residía a nai, Adosinda Goterres, reuníndose con San Rosendo e concedendo doazóns a diversos centros relixiosos ligados á familia como Celanova, Samos ou Borbene. A continuación, desprazouse ás terras portuguesas, aloxándose en xuño de 951 na casa da súa aia Mumadona Dias.

A súa presenza no país foi constante. Un seguimento á documentación xerada pola casa real vaino situar en repetidas ocasións na Galiza, como en maio de 952, onde desde Celanova aprobou a cesión á diocese de Compostela do territorio do Cornado. Precisamente, en novembro dese ano, apareceu visitando a catedral de Compostela, favorecéndoa coa doazón do condado de Ventosa, seguindo posteriormente camiño cara a Coimbra, para beneficiar o mosteiro de Lorvão, fundado en 878 polo seu bisavó Hermenexildo Goterres. 

A dinámica interna do seu reinado estivo marcada pola conflitividade entre as clases dirixentes da Galiza nuclear e de Castela. Nesta dialéctica, a comezos de 955, unha alianza entre nobres casteláns e o rei de Nafarroa promoveron ao trono o seu medio irmán Sancho 'O Craso', fillo de Ramiro II e da súa segunda esposa, a princesa navarra Urraca Sánchez. Finalmente, esta tentativa de apartar da coroa a Ordoño III fracasou, ao ser derrotadas as tropas castelás e navarras en Sahagún, cando tentaban avanzar cara a León.

A operación para derrocar a Ordoño III e elevar ao trono a Sancho dirixírona o rei de Nafarroa, García Sanches, e o conde de Castela, Fernán González. O primeiro, tío de Sancho, vía na entronización do seu sobriño a posibilidade de influír no reino galego. O segundo, cabeza da oligarquía castelá, analizaba esta opción como alternativa para mudar a correlación de forzas favorábel ao espazo cristián peninsular, unha vez que Sancho mantiña moita relación con Castela, onde exercera de gobernador en tempos do seu pai, após unha sublevación da nobreza desta rexión na época de Ramiro II.

A rebelión castelá contra Galiza

A rebeldía do conde de Castela contra Ordoño III segue xerando controversias. Unha parte da historiografía lembra que era xenro do monarca, tras casar este en 944, por indicacións do rei Ramiro, coa filla de Fernán González, Urraca Fernández, no marco dunha tentativa de achegamento da nobreza galega coa castelá. Porén, unha parte dos investigadores actuais sinalan que na altura do conflito a relación estaba rota, preparando Ordoño III un novo matrimonio coa nobre galega Elvira Pais, a quen o historiador portugués José Mattoso considera filla de Ermesinda Goterres, irmá de San Rosendo, e de Paio Gonzales, mordomo do rei, persoa da súa máxima confianza e membro significado da familia dos Goterres.

Un cronista practicamente contemporáneo dos feitos, o bispo Sampiro, escribiu, en relación cos mesmos, que “o irmán do rei, de nome Sancho, tomado consello de acordo co seu avó García, rei de Iruña, e con Fernán González, conde dos burgaleses, cada un co seu exército, achegáronse a León para privar do reino a Ordoño. Pero este estivo bastante activo para defender as cidades e vindicar o cetro do reino, tendo que volver os agresores ás súas propias terras e o devandito conde Fernando, querendo ou non querendo, achegouse ao seu servizo”.

Ordoño debeu enfrontar en 955 outra revolta, neste caso liderada polo nobre galego Ximeno Dias. Dias erguese na comarca de Valdeorras, onde a súa familia dispuña de propiedades desde dous séculos antes, contando coa colaboración dos seus fillos Gonzalo e Bermudo Ximenes. A mediados de xuño este levantamento foi derrotado pola acción mancomunada da oligarquía galega, visitando o monarca Celanova para concertar con San Rosendo unha nova administración da terra dos sublevados, unha parte importante das cales pasaron a depender do mosteiro de Celanova e outra da familia de Paio Gonzales.

Sancho II

Sancho (936-966), denominado 'O Craso' pola súa obesidade, na historiografía oficial Sancho I e en puridade Sancho II, por anteceder a outro monarca do mesmo nome, chegou ao trono tras a morte do seu irmán Ordoño III. Fillo de Ramiro II e da súa segunda muller, Urraca Sánchez, educouse na corte de Iruña, onde reinaban os seus avós Sancho Garcés I e Toda Áznarez. Precisamente, esta última exerceu unha grande influencia sobre o neto, actuando de protectora do mesmo durante e tecendo boa parte das tácticas que lle permitiron subir ao trono.

A súa proclamación como rei produciuse o 13 de novembro de 956 na catedral de Compostela. O acto contou cunha ampla representación da nobreza navarra e castelá, os auténticos impulsores da súa alternativa, destacando entre estes o monarca Sancho Garcés, o seu irmán Munio e o conde de Castela Fernán González. Porén, a presenza da oligarquía da área galega portuguesa e leonesa foi escasa, sinalándose neste caso Paio Gonzales, Fafila Olaliz e o bispo de León, Gonzalo.

A decisión de coroarse en Compostela e as súas primeiras medidas como monarca, en beneficio dalgúns dos membros máis representativos da nobreza galega, buscaban congraciarse e achegarse á clase dirixente do país. Nesta dirección, enténdese a visita por esas mesmas datas a Celanova, onde se reúne con San Rosendo e acorda a doazón de novos bens ao seu mosteiro. A este respecto, autores como Alfonso Ceballos-Escalera destacan que “Sancho e o seu círculo eran conscientes de que sen o apoio da nobreza galega era imposíbel gobernar o reino”.

Sancho nunca conseguiu o apoio da clase dirixente galega, que desde o primeiro momento traballou nunha alternativa para sucedelo. Así as cousas, o partido galego entronizou en Compostela o 2 de marzo de 958 a Ordoño IV como novo rei, comezando unha ofensiva contra León, onde Sancho resistiu até o 3 de agosto, fuxindo posteriormente a Nafarroa, antes de marchar a Córdoba en busca do apoio de Abderramán III, para tentar recuperar a coroa.

A comezos de marzo de 959 a coroa galega volveu a mans de Sancho II. Máis unha vez, o monarca tentou gañarse o favor do partido galego, visitando a comezos de abril a San Rosendo, porén non foi posíbel. Así, en 960, Silio Luci, un monxe do mosteiro de Abelio, centro relixioso próximo a Sobrado dos monxes, daba conta do rexeitamento da Galiza a Sancho referíndose a el así: “Apoderándose o diaño dos corazóns de todos os infelices, até o punto de rexeitar e abxurar do católico rei, odiando as súas leis, rexeitando os seus mandatos e negándolle os tributos”.

A rebelión da área galego portuguesa contra Sancho II non se fixo agardar. Nos diplomas asinados polo monarca a partir de 961, non aparecen membros da oligarquía galega, considerando autores como Carriedo Tejedo que “Galiza estaba á marxe da autoridade real”. Neste escenario, produciuse a morte do monarca, que a maioría dos autores datan entre o 15 de novembro e o 19 de decembro de 966 nas proximidades de Chaves, sendo enterrado no mosteiro de Castrelo de Miño canda Sancho I.

O falecemento de Sancho foi consecuencia dun envelenamento a mans de Gonzalo Mendes. Mendes, fillo de Hermenexildo Gonzales e de Mumadona Dias e avó da raíña Elvira Mendes, era un significado membro da familia dos Goterres, integrado no núcleo central da oligarquía galega que enfrontou a Sancho II e o seu fillo Ramiro III. Finalmente, Mendes morreu en Compostela en 997 loitando contra Almanzor, após facer parte da curia rexia de Vermudo II e gobernar as terras de Braga.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios