Fernando III e Afonso IX. Os primeiros reis casteláns na Galiza

Comentáramos noutro momento que Afonso VIII da Galiza e León casara con Tareixa Sánchez de Portugal e logo con Berenguela Afonso (filla de Afonso VIII de Castela), sendo anulados ambos matrimonios por razóns de parentesco. Así e todo, o soberano galego-leonés tería diferentes relacións fóra do matrimonio. 
Tareixa de Portugal, raíña consorte da Galiza e nai das infantas Sancha e Dulce, nunha imaxe da Genealogia dos Reis de Portugal. / British Library
photo_camera Tareixa de Portugal, raíña consorte da Galiza e nai das infantas Sancha e Dulce, nunha imaxe da Genealogia dos Reis de Portugal. / British Library

Alén disto, coa primeira das súas mulleres consegue tres fillos: Sancha, Fernando e Dulce. Disque deberon vir ao mundo respectivamente en 1191, 1192 e 1193, malia que –como adoita suceder con moitas personalidades daqueles séculos– se ignoran as datas e lugares exactos. O fillo varón de Afonso VIII e Tareixa Sánchez falece en agosto de 1214 e os seus restos mortais foron trasladados ao panteón real da catedral de Compostela, verbo do que se deduce da Tudensis Historia de Lucas de Tui: “Nese intre morreu o seu fillo máis belido, Fernando, a quen xestou a raíña Tareixa, e foi soterrado na igrexa de Santiago Apóstolo. Pola súa morte, o rei de León e o seu reino lamentáronse moito”. Aínda que Antonio López Ferreiro considera que o infante puido usar a mesma sepultura que o seu avó Fernando II, o certo é que o profesor Serafín Moralejo formulou a hipótese de que o sartego atribuído a Raimundo de Borgoña, por mor do seu estilo, non fose o deste conde galego. De aí que exista a posibilidade de que tal monumento funerario dese acubillo ao corpo do infante Fernando Afonso da Galiza e León. 

Fernando III da Galiza nunha miniatura do Tombo de Toxos Outos. / Arquivo Histórico Nacional
Afonso IX “O Sabio”, Violante de Aragón e Fernando de la Cerda nunha miniatura do Tombo de Toxos Outos.
/ Arquivo Histórico Nacional

Se continuamos cos feitos históricos, tan relevante acontecemento tería unha consecuencia transcendente. Agora víase como posíbel candidato a suceder nos tronos da Galiza e León un infante homónimo do falecido, fillo de Afonso VIII e de Berenguela de Castela. El, que nacera entre 1199 e 1201, sería coñecido como Fernando III “O Santo”, coadxuvando este alcume certas implicacións políticas relacionadas coa dependencia dos reinos de León e Galiza co de Castela.

Sancha e Dulce, sucesoras de Galiza e León

Se tal fatídico acontecemento xa supuxo un importante xiro, outro que puido modificar os destinos de León e Galiza acontece en 1217. Nese ano falece de xeito accidental no castelo do bispo de Palencia, e con tan só 13 anos de idade, Henrique I de Castela, seica cando estaba a enredar con outros cativos. El viña gobernando ese reino dende 1214, logo do pasamento do seu proxenitor Afonso VIII, que non debemos confundir co galego. Pois este, como se comentou, casara con Berenguela, filla daquel e que tamén era irmá de Henrique I. Tal raíña, ante ese aciago suceso, non dubida en tomar parte. A súa anulación matrimonial en 1214 co monarca galego, promovida por Inocencio III, provoca que busque empresas mellores para a súa descendencia e, en particular, para o futuro Fernando III. Nun primeiro momento non dubidou en trasladalo cara a Castela mais, co pasamento do devandito Henrique, axiña o ascende ao trono no ano 1217. E como toda acción política coadxuva as respectivas consecuencias, o rei da Galiza entra en inimizade coa que fora a súa segunda muller e con ese seu fillo, ao que, por certo, despoxa dos dereitos sucesorios. Velaí que sexan escolleitas para herdar as coroas da Galiza e León as infantas Sancha e Dulce, coñecida tamén esta última co nome de Aldonza.
Hai que ter moi presente neste conflito que as monarquías castelá e galego-leonesa levaban anos en tensión, procurando os desta última corte debilitar esoutra por medio de pactos cos reinos de Portugal, Navarra e Aragón. Non sobra facer memoria daquela Liga de Huesca que ten lugar nesta cidade o 12 de maio de 1191 e que buscaba, como obxectivo principal, entrar en batalla con Afonso VIII de Castela.

As infantas, raíñas por un mes

Debido ao xeito no que Fernando III acada a coroa española, o seu pai envía unhas tropas para entrar en batalla con el, mais o mozo négase a participar na loita. Este remitiralle unha carta de conciliación e en 1218 asínase a Paz de Toro, pola que Afonso retira as súas milicias, recibe certa indemnización pecuniaria e garante a sucesión de Sancha e Dulce nos reinos da Galiza e León. Esta mesma sería ratificada un ano máis tarde co Tratado de Boronal, polo que Afonso VIII da Galiza e Afonso II de Portugal asinan en xuño de 1219 e na Galiza un pacto de reconciliación e axuda mutua. Ao mesmo tempo, como achega Paz Romero Portilla, o monarca portugués recoñece os dereitos sucesorios das infantas. Isto queda constatado o 6 de outubro, cando logo de que Afonso VIII confirme ao cabido compostelán a entrega de 300 marabedís anuais, en consenso coas infantas, ratifican a concesión deste xeito: “nos infantes domna Sancia et domna Dulcia concedimus et confirmamus capitula Sancti Iacobi illos CCC morabetinos quod domnus Adefonsus, illustrissimus rex Legionis, pater noster, asignavit eidem capitulo annis”.

A partir dese instante, serán varios os diplomas do monarca galego-leonés nos que se sinale que para a concesión de determinado privilexio estaba en consenso coas infantas. Nun texto de 1228, reproducido no Tombo B do ACS, sinálase como aquí reza: “cum consensu filiarum mearum infantum domne Sancie et domne Dulcie”.

Falecido Afonso VIII en 1230, os partidarios de que as infantas gobernasen Galiza e León confirmáranas como tales. Porén, a empresa de ascendelas aos citados tronos non prosperou por mor de varias manobras políticas. Por unha banda, malia os acordos formalizados entre Fernando III e o seu pai, aquel comeza a reclamar os seus dereitos nestes reinos, véndose lexitimado polo recoñecemento que o 10 de xullo de 1218 lle outorgara o papa Honorio III. Paralelamente a esa reivindicación, e contemplando a posibilidade de que acontecese unha guerra entre reinos, Berenguela de Castela –nai de Fernando– e Tareixa de Portugal –proxenitora das infantas– reúnense segundo algúns autores en Valencia de San Juan e segundo outros en Valença do Minho co obxecto de “resolver” o conflito sucesorio. Sancha e Dulce renunciarán aos tronos galego e leonés en favor do seu medio irmán e a cambio duns respectivos dotes, concretamente a renda vitalicia dunha ducia de señoríos. Así as cousas, o 11 de decembro asinan a Concordia de Benavente e un ano máis tarde, o día de Nadal, o Papa Gregorio IX corrobora o pacto.

Afonso de Molina, candidato frustrado para o trono galego

Como achega Ramón Ermida, certo é que para que acontecese tal renuncia tamén axudou o feito de que Galiza non contase con apoios internacionais, nin incluso de Roma, e que a nobreza de ambos reinos non compartise unha mesma opción. Na aristocracia zamorana e leonesa existía certa afinidade por Fernando III, como así tamén a exteriorizaron os bispos de Mondoñedo e Lugo. Porén, os próceres laicos galegos –non contentos coa situación– buscan alternativas políticas e propoñen para o seu trono a Afonso de Molina, fillo de Afonso VIII e Berenguela de Castela, tal e como se recolle na Crónica de los Veinte Reyes. Na súa literalidade asegúrase que: 

“Cuenta la ystoria que en octauo año que reynó el rey don Fernando sacó su hueste y fue para la frontera y çercó Jaen (...). Y llegó el mandado como hera finado su padre, el rey don Alfonso de León. Y enbió dezir la reyna su madre que viniese y no fiziese ende al y que fuese contra el reyno de León, ca los gallegos querían alçar rey a don Alfonso de León, su hermano. Y por verdad así era, más no quiso él ser y tuvo por bien de fazer lo que su madre le enbiaua a mandar (...)”.

Fernando III da Galiza nunha miniatura do Tombo de Toxos Outos. / Arquivo Histórico Nacional
Fernando III da Galiza nunha miniatura do Tombo de Toxos Outos. / Arquivo Histórico Nacional

A todas luces vese que Galiza rexeita o novo rei, polo que os cronistas han dar conta diso. Serve de exemplo o que sinala Lucas de Tui, quen asegura que se queimaran moitas poboacións e as deixaran sen as súas murallas. Resistíanse a aceptar o rei Fernando e seica, “despois de tranquilizado todo o seu reino”, levou ao desterro “todos os cabaleiros que queimaran 
os palacios do seu pai”.

Fernando III

A Compostela dirixiríase o novo monarca, Fernando III, en 1232 e alí, o 29 de febreiro, ratifica un privilexio á igrexa de Santiago que fora concedido en tempos de Fernando II. Canda el está a súa familia, e así o fai constar no documento anterior, indicando o nome da súa proxenie, na que figura incluso o infante Filipe. Este debía ter tan só uns meses de idade: “Ego, prenominatus rex, cum uxore mea, Beatrice regina et cum fillis meis Alfonso, Frederico, Ferrando, Henrrico et Philipo”. Tamén aparecerán do mesmo xeito na confirmación doutra mercé desa mesma data a doazón que Afonso VIII lle entregara á igrexa santiaguesa do castelo de San Paio de Lodo (Pontesampaio). A intención desa visita era peregrinar á basílica e coñecer o estado dos sectores disidentes da súa política. Días atrás, o 5 dese mes, xa estivera na Coruña recibindo baixo a súa protección e en encomenda os bens do mosteiro de San Xulián de Moraime; e o 6 confírmalle ao cenobio de San Cibrán de Bribes un outro privilexio concedido por Afonso VIII.

Como datos biográficos debemos lembrar que Fernando III casa en 1219 con Beatriz de Suabia que, nacida co nome de Isabel Hohenstaufen, era filla de Irene de Constantinopla e Filipe de Suabia. As segundas nupcias habíaas estabelecer en 1237 con Xoana de Ponthieu. Verbo das investigacións de A. López Carreira, pódese dicir que o “cambio político non repercutiu aparentemente na tendencia global da sociedade galega”. Velaí que o esplendor cultural chegase até a época do seu sucesor, Afonso IX “O Sabio”. Porén, non debemos esquecer que con Fernando III aparece a figura do Meiriño Maior da Galiza, con competencias e poderes dimanados da corte castelá.

A cultura e a política de Afonso IX “O Sabio”

Falecido Fernando III en 1252, ocupa o trono Afonso IX “O Sabio” que, segundo parece, foi criado por un tempo na Galiza. De abordarmos primeiramente o seu labor cultural, cómpre resaltar non só o seu impulso e patrocinio da Escola de Tradutores de Toledo, senón tamén o feito de compoñer en galego as famosas Cantigas de Santa María, encargar o Libro del Axedrez, dados y tablas, así como obras vinculadas coas ciencias ou a lexislación. Destes últimos campos son testemuño os Libros del Saber de la Astrología, ordenado realizar na última metade dos anos setenta do século XIII, e As sete partidas das que, redactadas por xuristas reais, conservamos un fragmento manuscrito en idioma galego. No que atinxe á lírica trobadoresca, debemos resaltar que esta xa debía ter unha presenza ben notábel na época dos reis Fernando II e Afonso VIII, aínda que terá maior visibilidade nos reinados de Fernando III e Afonso IX. É máis, “amosou interese nos xograres galegos” o propio Fernando III, como sinalan Ángela Navarro e Anqi Xia, conservándose deste rei tamén unha composición da súa autoría en idioma galego.

A profesora Mariña Arbor Aldea, especialista na lírica galega medieval, afirma –e con toda razón– que no tempo no que maduran as composicións desta índole a corte de Afonso IX gravita entre Toledo e Sevilla, converténdose no “círculo trobadoresco por excelencia” e continuando a actividade poética en tempos de Sancho IV, aínda que con menor pulo.
Certo é que a súa política comeza a distanciarse en alto grao da Galiza e que, con el, se consolida a unión entre este reino e o leonés co de Castela. Malia todo, a nobreza galega amosaría a súa discrepancia unionista en múltiples ocasións e non sen conflitos sucesorios como habemos contemplar noutros momentos. 

Alén de ter certa proxenie fóra do matrimonio, casa cunha filla de Xaime “O Conquistador” en 1249. Con ela, Violante de Aragón consegue unha nutrida descendencia, non menos de once fillos dos que sairía o seu sucesor, Sancho IV. No que respecta a esa dama, podemos sinalar que fundaría o mosteiro das clarisas de Allariz, onde hai quen considera que repousaron os restos do seu neto Filipe de Castela.

Noutra orde de asuntos, vacante o trono do Sacro Imperio Romano-Xermánico, Afonso IX será candidato ao mesmo por ser fillo de Beatriz de Suabia. Porén, e malia os grandes esforzos que depositou nesa empresa, non chegaría a acadalo. Durante o seu reinado, terá que se enfrontar ás revoltas mudéxares de Murcia (1264) e, entre outros conflitos, aos importantes problemas que, ao final da súa vida, lle 
estaba a ocasionar o seu sucesor Sancho IV. 

E na Galiza de Afonso IX que?

Así e todo debemos traer até estas liñas o feito de que en momentos próximos a subir ao trono, Afonso bátese con problemas de novo na Galiza e noutros territorios. Como acontecera en tempos anteriores, nobres galegos non respectaron as súas primeiras decisións. Así se certifica nunha concesión que, dende Covarrubias e con data do 9 de novembro de 1255, outorga o monarca ao arcebispo de Santiago. Velaquí unhas liñas extraídas do Tombo B do ACS: “mando a don Iohan Arias, arcibispo de Santiago, que entre las herdades que ovyeren en terra de Santiago, todos aquellos tam biem cavalleros commo escuderos, que se salieron con don Enrricque, mio hermano, o se fueron o se fueren para el et me fizieron o me fizieren quemas o outros danos en mi terra porque devan perderlla terra, que las aya la iglesia de Santiago”. Hai que ter en conta, con respecto a isto, o contexto político e familiar, pois Afonso IX desposuíra de diversos señoríos tanto o seu irmán Henrique como a súa madrasta, Xoana de Ponthieu. Unha parte da nobreza, por outra banda, estaba tamén descontenta polo fortalecemento lexislativo do poder rexio. E isto e outros detonantes fixeron estalar certa rebelión na que estaba implicado o infante, e futuro senador de Roma, Henrique de Castela. Mais, latexaba tamén na nobreza galega aquel espírito arredista do poder castelán? Todo apunta a iso.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios