Fernando II. O fillo do emperador galego

De incalculábel valor documental é a Historia Compostelá, crónica galega na que se narran os logros e proezas do arcebispo e militar (baculum et ballista) Diego Xelmírez. Se nos servimos das investigacións de Emma Falque Rey, tres foron os amanuenses que, entre 1107 e 1149, redactaron este documento, nomeadamente: Munio Afonso, o arcediago Hugo e o mestre de orixe francesa Xiraldo.
Fernando II, nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral)
photo_camera Fernando II, nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. / Catedral de Compostela

Nesta fonte inesgotábel de recursos históricos, antropolóxicos e lingüísticos, afóndase en episodios transcendentais das primeiras catro décadas do século XII, onde foron protagonistas o sinalado arcebispo, os propios condes da Galiza –Urraca e Raimundo–, Afonso VII, os condes de Traba, unha morea de cóengos, outros tantos cabaleiros e unha innominada masa social que foi quen de loitar por unha patria e erguer un idioma.

Testemuño disto último é o que se observa en capítulos iniciais do referido códice, nos que teñen mergullado Henrique Monteagudo e Ramón Mariño. Enunciados como “nunha fonte de prata un dos intestinos daquela vaca que en galego chaman dupricias” (“ex intestinis illus vaccae, quod gallaeco vocabulo duplicia nuncupatur, in scutella argentea”) ou “a terra que na nosa lingua se chama Montaos” (“terram illam quae Montanos nostro vocabulo vocitatur”) certifican que o primeiro dos redactores do manuscrito, Munio Afonso, emprega como lingua cotiá outra que non é o latín. Este idioma, que xa non se sente como propio, comeza a ser desprazado por un galego emerxente, do que se intúe o seu espertar cara a espazos non tan coloquiais. Velaí latexa o galego entre as páxinas da Historia Compostelá, como tamén o fai unha outra realidade: a consciencia de que España e Galiza son, como é obvio, dúas realidades políticas diferentes. Unha bula do papa Pascual II, que reza sobre as unións conxugais ilícitas e debería ser datada entre 1109 e 1112, principia deste xeito: “Pascual, bispo, servo dos servos de Deus, aos príncipes, cabaleiros e outros laicos de España e Galiza, saúde e beizón apostólica”. Ilustra a mesma idea, entre outros moitos exemplos, aquela avinza formalizada entre Urraca e Afonso VII por 1116 na que a condesa sinala que de non se realizar ese acordo “perderíanse os reinos de España e Galiza”.

Fernando II, fillo do emperador

Antes de ser rematada a redacción deste códice nace Fernando II, segundo parece en 1137. Foi educado por membros da casa de Traba, tal e como tempo atrás fixeran co seu proxenitor Afonso VII. Morto este en 1157, en dous quiñóns divídense os dominios imperiais. Por unha banda, Castela e Toledo pasan a Sancho III, que unicamente os goberna un ano, pois chégalle a morte en 1158 e comeza o seu fillo Afonso VIII, “O das Navas”, a administralos por medio dun rexente, Manrique Pérez de Lara. Os reinos da Galiza e León recaerán nas mans de Fernando II tal e como se recollera no concilio de Valladolid (1155), aínda que da súa soberanía se exclúen os territorios de Sahagún, Terra de Campos e Asturias de Santillana, rexión esta última localizada, como ben se pode intuír, na contorna cántabra. Porén, aínda que isto se executase tras a morte de Afonso VII, ambos irmáns –Fernando e Sancho– xa se din reis dende, cando menos, a década dos anos corenta. Vémolo, por exemplo, nun documento de 1147 recollido no Tombo A do ACS que reza deste xeito na parte que nos interesa: “(...) ego Adefonsus Hyspaniarum imperator, una cum uxore mea imperatrice Berengaria et filiis nostris, Sancio et Fernando regibus (...)”. Logo do pasamento do emperador, un ano máis tarde, ambos irmáns estabelecen un pacto polo que acordan, entre outros aspectos, prestarse axuda mutua ao longo das súas vidas.

O monarca Fernando II, malia que sempre se mantivo apegado ao noso país, demostraba ao se definir como “Rei de León e Galiza” que aquela antiga Gallaecia –segundo observa A. López Carreira– xa estaba fracturada e, en certa medida, amosando un evidente declive político. Que isto fose así non coadxuva que Galiza fose asimilada por León, senón que continuaría a conservar a súa personalidade político-territorial ao longo dos séculos. Alén deste “declive” no que atinxe á súa preponderancia administrativa, non o era tanto no que afecta aos planos relixioso, cultural e idiomático. Nese entón o Camiño de Santiago estaba a acadar maior protagonismo, non só polo importante impulso dado dende a época de Xelmírez ao conseguir que Compostela se elevase a sé metropolitana, en pugna continua coa de Toledo, senón ás esplendorosas obras que seguían a se efectuar na basílica apostólica. 

Un dos primeiros documentos que expide Fernando II, aínda en vida do seu pai e logo de formalizarse o acordado no Concilio de Valladolid, é a confirmación ao seu capelán, Rodrigo Menéndez, da posesión do cenobio de San Lourenzo, localizado entre os mosteiros de San Cibrán de Ribas de Sil (Castro Caldelas) e San Hadrán de Ribas de Sil (Parada do Sil). Neste texto, conservado no Tombo Vello de Lugo e redactado en Compostela o 31 de xullo de 1155, aparece o “príncipe” así identificado: “(...) ego Fernandus Dei grati Legionis et Gallecie rex”.

Detalle dun privilexio de 1177 polo cal Fernando II acouta as vilas de Buriz e Labrada a favor do mosteiro de Monfero.
/ Arquivo do Reino da Galiza

Filla de Afonso Henriques e Mafalda de Saboia, Fernando casa en 1165 con Urraca de Portugal, alianza que estivo condicionada por certos acordos políticos. Anos antes o monarca portugués está en conflito co seu análogo galego, pois aquel aínda busca marcar os lindes dos seu reino. Tanto é así que a propia Pontevedra fora invadida por Afonso Henriques, xa que este se cría soberano desa vila e a súa contorna. Argüía que eran herdos seus, pois a súa nai Tareixa de León recibíraos de quen fora o seu segundo marido, o conde Fernán Pérez de Traba, aio do monarca galego cando este ficara cativo. Ademais, segundo achega António Ennes na súa Historia de Portugal, Henriques “assenhorou-se de Tuy, sujeitou o districto de Toronho até o Lérez, invadiu o territorio de Limia, pôz cêrco ao castello Sandino e lavantou-o obrigado por uma horrorosa tempestade, edificou o castello de Cedofeita (...) e voltou aos seus estados. O rei de Leão acudiu então para reparar as perdas que soffrêra. Sitiou Cedofeita e forçou a sua guarnição a capitular”. Así e todo, as terras pontevedresas e o castelo de Cedofeita, localizado ao pé do Lérez, serán recuperados por Fernando II cara a 1169.

Verbo do que aparece recollido no Tombo A do ACS, esta conquista foi promovida por un dos “fillos do trono”, isto é, pola intervención milagreira do apóstolo Santiago, que seica desencadeara unha violenta tormenta da que saen mal paradas as hostes portuguesas. Non aconteceu así coas galegas, pois delas non houbo pinga de sangue que se derramase. Tal acontecemento aparece reflectido na doazón do devandito castelo que o monarca galego lle concede á igrexa compostelá, presidida polo arcebispo Pedro Gundesteiz.

O cicel do mestre Mateo 

Dun ano antes, concretamente do 23 de febreiro, é un importante diploma polo que o soberano galego lle asigna ao Mestre Mateo, que estaba a realizar obras na catedral santiaguesa, unha pensión de dous marcos de prata semanais, o que sumaba a contía de cen marabedís de ouro ao ano. Entre outros proxectos arquitectónicos que se executaban, algúns dende a época de Xelmírez, estaban o claustro e o coro pétreo, aos que lle seguiría o Pórtico da Gloria. Os linteis desta obra patrimonio da humanidade colocaríanse o 1 de abril de 1188, uns meses despois do pasamento de Fernando II.

Volvendo á década dos anos sesenta, a mesma preséntase como unha época convulsa, non só polo asunto tratado das “invasións” portuguesas na Galiza senón, tamén, porque estas chegan ás terras estremeñas. As actuacións do monarca galego acadaran incluso a conquista de Toledo, que ha conservar entre os anos 1162 e 1166, incumpríndose en varias ocasións diversos tratados e o xa sinalado Concilio de Valladolid.

Fernando, entre outros proxectos políticos, foi un grande impulsor das ordes militares, serve de exemplo os pulos que lle dá á Orde do Temple. Tal e como debeu actuar Fernán Pérez de Traba nas terras galegas e a súa “compañeira” Tareixa de León nos territorios do seu fillo –o primeiro rei de Portugal–, Fernando II formaliza doazóns e outro tipo de contratos para favorecer esa milicia. Velaí a entrega que lle fai aos templarios da praza de Uclés (Cuenca) para que fagan fronte aos sarracenos, ou tamén a permuta que efectuada co arcebispo de Santiago datada en 1168. Nesta o monarca confiáballe a Pedro Gundesteiz as freguesías de Caldas de Cuntis para conseguir así a cidade de Coria, en terras estremeñas e que era da posesión do pontífice santiagués. Deste xeito o rei poderíalla doar á mesma organización militar.

No ecuador do reinado de Fernando II tamén agroma a Orde de Santiago, fundada por el e o bispo salmantino de orixe galega, e posterior arcebispo compostelán, Pedro Suárez de Deza. A mesma darase por creada en 1170 e, de aí a un par de anos, comeza a se propagar por fóra dos reinos da Galiza e León.

Xa a mediados dos setenta, e por intervención do papa Alexandre III que sinala que Fernando II e Urraca de Portugal son parentes en terceiro grao de consanguinidade, o matrimonio disólvese; aínda que froito desa alianza nace por 1170 Afonso Fernández, futuro herdeiro dos tronos da Galiza e León. Así as cousas, entre 1177 e 1178 Fernando casa de novo, desta volta coa filla do seu aio, Fernán Pérez de Traba, e da condesa portuguesa Tareixa de León, nai tamén de Afonso Henriques. Chamábase a nova esposa do monarca Tareixa Fernández de Traba, quen ficaba viúva de Nuno Pérez de Lara, rexente castelán canda a minoría de idade de Afonso Sánchez. Este matrimonio pouco dura, pois un mal parto provoca que Tareixa faleza en 1180 e que os seus restos mortais sexan conducidos ao Panteón Real de Santo Isidoro de León. Alén da criatura que nace morta por esa circunstancia, de Fernando II e Tareixa queda como xermolo Fernando Fernández da Galiza e León, ao que lle sobrevén a morte aos nove anos. 
A nova consorte do rei, despois destes acontecementos, será Urraca López de Haro, filla do señor de Biscaia Lopo Díaz de Haro, coa que debeu casar cara a 1182. Serán tres os fillos que queden do matrimonio: García Fernández, Afonso Fernández e Sancho Fernández da Galiza e León. 

Son varios centos os documentos que conservamos deste monarca galego, moitos deles concesións ou confirmacións patrimoniais coas que favoreceu a un bo número de institucións monásticas galegas (Armenteira, Carboeiro, Dozón, Lourenzá, Melón, Moraime, Oia, Poio, Rochas, Sar, Sobrado, Xubia...). Outros virán a ser cartas forais vinculadas con urbes como Castro Caldelas, Lugo, Noia, Padrón, Pontevedra e Ribadavia. 

E os seus ósos, no Panteón Real de Santiago

A morte chégalle ao monarca na vila de Benavente o 22 de xaneiro de 1188 e, aínda que deixara ordenado que os seus restos fosen parar á basílica compostelá, o seu corpo xaceu durante un tempo en Santo Isidoro de León. Con posterioridade, e por mandado do seu fillo sucesor, Afonso VIII da Galiza e León, había ter o seu derradeiro leito onde sempre quixo ficar, na igrexa que continuaba a embelecer o mestre Mateo. A este artista –arquitecto e escultor–, ou ao seu obradoiro, atribúeselle a autoría do sartego de Fernando II, embutido nos lenzos do panteón real da catedral de Santiago. A pedra, cicelada con man áxil en todo o vulto redondo da figura xacente, carece de epitafio que recorde a persoa que aí xace e, así mesmo, os nomes dos reinos que gobernou. Novamente a pedra labrada, o diploma e a arquitectura recuperan anacos da historia que nos foi furtada en beneficio, evidentemente, daqueles que en séculos posteriores habían ter o control do noso país; daqueles que gustaron de erguer o seu universo ficticio sobre os débiles alicerces da falsidade e a omisión.
Aquí, neste sartego granítico xace un noso rei.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios