A filla do xuíz que admitiu a trámite a denuncia contra Begoña Gómez é concelleira do Partido Popular en Pozuelo de Alarcón

Juan Carlos Peinado está sendo criticado por admitir unha denuncia que inclúe noticias falsas, o que está sendo cualificado como 'lawfare' por representantes políticos de varias formacións.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a súa muller, Begoña Gómez (Foto: Álex Cámara / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a súa muller, Begoña Gómez (Foto: Álex Cámara / Europa Press).

O xuíz Juan Carlos Peinado, que admitiu a trámite a denuncia da organización de extrema dereita Manos Limpias contra Begoña Gómez, a muller de Pedro Sánchez cumprirá en setembro 70 anos.

O pasado 11 de xaneiro, a comisión permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), unha institución cuxa renovación leva paralizada máis de cinco anos pola negativa do PP a cumprir esta obriga constitucional, autorizouno a continuar en activo até os 72 anos.

Colaborou en diferentes xornadas xudiciais convocadas pola Asociación Profesional da Maxistratura (APM), unha organización considerada de corte conservador. Ademais, a súa filla, Patricia Peinado, segundo avanzou a Cadena Ser, é concelleira do Partido Popular no Concello de Pozuelo de Alarcón desde as eleccións municipais de 2023.

Este municipio está dirixido no actual mandato por Paloma Tejero, quen fora viceconselleira de Isabel Díaz Ayuso e deputada autonómica durante dúas lexislaturas coa actual presidenta madrileña, segundo engadiu a canle de radio.

Noticias falsas e 'lawfare'

Peinado admitiu a trámite a denuncia contra Begoña Sánchez a pesar de que a propia organización Manos Limpias admitiu esta quinta feira que podería estar baseada en noticias falsas. "Será agora o xuíz quen deberá comprobar se estas informacións xornalísticas son certas ou non", afirmou o seu líder, Miguel Bernad, a través dun comunicado.

De feito, unha das oito informacións periodísticas que se inclúen na denuncia, elaborada polo dixital The Objective, puña sobre o foco a unha Begoña Gómez que resultou non ser a muller de Pedro Sánchez, senón unha cidadá con residencia na autonomía de Cantabria.

Representantes de varias formacións políticas cualificaron esta situación como un caso que proba a existencia de 'lawfare' no Estado español. Por exemplo, o portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, que amosou "o respecto e a empatía" da formación nacionalista con Sánchez e que alertou da necesidade de combater o acoso xudicial con "firmeza democrática".

Comentarios