1.000 anos do Reino da Galiza. Epílogo e conclusións

Afirmaba Aristóteles que o entendemento pleno de calquera fenómeno pasaba pola irrenunciábel tarefa de comprender a súa orixe: unha máxima que aplicada á historia do pobo galego nos obriga a deter a nosa ollada sobre aqueles dirixentes, mulleres e homes, que un día tiveron o destino de Galiza nas súas mans. Ao abeiro desta necesidade naceu o coleccionábel 'Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu', decidido a pór en valor a historia daqueles soberanos e soberanas cuxa memoria foi arrebatada ao país a través dun proceso político-ideolóxico destinado a perpetuar a súa submisión.
Mapa de Europa elaborado en 1125 polo cóengo normando Lambert de Saint-Omer, onde aparece ‘Galicia’ sinalada como una realidade diferente a ‘Hispania’ . / Universidade de Gante
photo_camera Mapa de Europa elaborado en 1125 polo cóengo normando Lambert de Saint-Omer, onde aparece ‘Galicia’ sinalada como una realidade diferente a ‘Hispania’ . / Universidade de Gante

Sen dúbida, un dos exemplos máis evidentes deste proceso de ocultación e manipulación atópase na figura dos primeiros reis de Galiza, os monarcas suevos, protagonistas dunha das historias máis extraordinarias e mellor documentadas daquela Europa dos séculos V e VI. A eles debe Galiza o feito de se ter erixido reino desde o ano 411, chegando mesmo a convertela nunha sorte de imperium ibérico que ousou rivalizar coa propia Roma e o resto de grandes potencias da época. A súa historia fálanos dunha Galiza dinámica, sofisticada e innovadora, na que brillaron eruditos cristiáns como Hidacio ou Martiño de Dume. Nela non só se emitiu moeda nacional, a primeira do seu contexto político, tamén se desenvolveu dunha organización territorial única entre as monarquías xermánicas cuxo mellor testemuño foi a División do rei Teodomiro. Mais a estes primeiros reis de Galiza aínda cabe recoñecerlles a habilidade diplomática que os levou a tecer alianzas cos grandes Estados católicos do momento: o Imperio bizantino e a Francia merovinxia, permitíndolles resistir fronte a veciña Hispania visigoda até o ano 585.

Porén, como ten sinalado Anselmo López Carreira en diferentes ocasións, a apaixonante historia dos monarcas suevos contrasta co desdén do que foi, e aínda é, obxecto na maior parte de manuais escolares, mesmo do sistema educativo galego. Un silencio que deriva do tradicional tratamento que a historiografía castelá -e posteriormente española- lle reservou, incapaz de recoñecer a existencia dun Estado galaico estábel mais, sobre todo, independente fronte o 
Toledo visigodo.

O imperio plurinacional visigótico 

Mais a preferencia tradicional polos visigodos, nos que se quixo ver o cerne da “nación española” obviou a propia diversidade territorial que, paradoxalmente, si foi asumida desde os seus inicios pola propia monarquía toledana despois do ano 585. Non pode estrañar, xa que logo, que os soberanos visigodos se referisen ao seu Estado como a reunión de tres realidades: Hispania, Gallaecia e Septimania (no sur de Francia), tal como rezan algún dos documentos lexislativos emanados do poder rexio como a Lei de Wamba. Así e todo, se un suceso evidenciou, como ningún outro, a singularidade de Galiza dentro daquela monarquía visigoda con capital en Toledo foi precisamente o nomeamento do príncipe Vitiza como rei de Galiza por volta do ano 694. Desde a cidade de Tui, conta a crónica de San Sebastián que Vitiza exerceu o seu goberno sobre “o reino dos suevos mentres o seu pai gobernaba o dos visigodos”.

O rei galego Vermudo II nunha miniatura do século XII recollido no 'Libro das estampas' da catedral de León. / Catedral de León
O rei galego Vermudo II nunha miniatura do século XII recollido no 'Libro das estampas' da catedral de León. / Catedral de León

Estreitamente ligado a Galiza e perseguidor da corrupción no seo da Igrexa, o certo é que a figura de Vitiza foi especialmente maltratada polos cronistas casteláns e, posteriormente, polos españois.  Sobre el pesou aquela ilusión de facelo responsábel da coñecida como “perda de España” perante o poder musulmán, atribuíndolle as causas da derrota de Rodrigo en Guadalete. Un termo o da “perda de España/Hispania” que non resultou de todo errado, pois en esencia foi Hispania, e non Gallaecia, o territorio que os exércitos do califato de Damasco lograron someter pouco tempo despois do ano 711.

A pesar da integración dos visigodos no poder musulmán, con certeza o rico legado islámico segue a resultar incómodo entre boa parte da historiografía menos rigorosa e máis nostálxica, preocupado por situar no noroeste unha ficticia resistencia visigoda. Tanto foi así que aínda hoxe se segue, comunmente, a identificar a aqueles líderes libres da Gallaecia como “reyes de Asturias”, aínda cando ningún deles ostentou nunca tal título e cando o territorio asturiano formaba parte, como en séculos anteriores, daquela Gallaecia medieval. Un feito que non cuestiona o papel do territorio asturiano nin a súa identidade, mais que permite entender as referencias documentais a Silo como Rege Gallaeciae ou a Afonso II como Adefonsi Galleciarum Principis. Precisamente será no reinado deste último cando se poña fin á hexemonía relixiosa de Toledo sobre Galiza, recobrando esta a independencia eclesiástica perdida en tempos suevos, iso si, esta vez co aval dun centro apostólico: Compostela.

O nome do reino

Mais se algo deixa claro que o nome daquel reino era Galiza (Gallaecia/Gallicia/Yilliqiya), e non outro, foi o feito de que aínda cando os reis situaron a súa corte estábel no antigo campamento de Legionis (actual León), a denominación do reino seguiu a ser a mesma. Así o transmitiron sen reparos desde a veciña Hispania musulmá, onde se suceden as referencias á “Medina Leionis” como capital da Gallaecia. Unha realidade que a propia documentación medieval leonesa nunca tivo a necesidade de ocultar, referíndose “á cidade que chaman León, na Galiza” (in civitate que vocitatur Legio, territorio Gallecie). Ben documentado por Xosé Ramón Ermida, nin a cartografía ibérica nin a europea viviu de costas a esta realidade, e mesmo resultaron habituais entre pobos tan afastados como os escandinavos as referencias ao reino do noroeste co nome de Galizuland, mentres reservaban o nome de Spanland para o territorio hispano-musulmán. É nese reino dos séculos X e XI, onde cabe destacar o papel dalgunhas das soberanas galegas máis poderosas da súa época, tales como Elvira Mendes ou Sancha I. Esta última, a quen a Cronica Legionensis, escrita no ámbito leonés, non dubidou en denominar “filla de Afonso, rei da Galiza”. Sancha, e non o seu marido Fernando, foi a xenuína herdeira dunha Galiza en apoxeo territorial que non pasou desapercibida aos grandes xeógrafos ibéricos da época. Foi o caso do erudito musulmán Al-Bakri, quen sinalaba como a Galiza do seu momento -o século XI- estaba dividida en catro rexións: Asturias, Castela, Portugal e o territorio propiamente galego. Cómpre aquí lembrarmos que Al-Bakri non escribía desde Damasco nin desde o afastado Bagdag, Al-Bakri era de Huelva.

Precisamente esa crecente división será a que os poderosos condados de Portugal e Castela aproveiten para se consolidar como entidades políticas emerxentes no século XII, rompendo deste xeito a vella unidade galaica. Se ben a coroación de Afonso VII en Compostela o 17 de setembro de 1111 como rei de Galiza fálanos dun tempo de reafirmación do poder compostelán, por mais que a maior parte dos manuais de historia porfíen en chamalo “rey de Castilla y León”, coa morte de Afonso VII en 1157 o panorama político do noroeste mudou profundamente. A pesar dos esforzos da Casa de Trava, a pugna Braga-Compostela supuxo o inicio da ruptura política entre as dúas beiras do Miño, aínda cando estas funcionaron, durante séculos máis tarde, como unha mesma sociedade e baixo unha mesma lingua como lembra Camilo Nogueira.

Após a ruptura con Portugal, os centros históricos de poder como León e especialmente Compostela mantivéronse unidos baixo un mesmo monarca. Galiza mantivo a unión con Asturias e coas terras do Bierzo e León, alcanzando gran proxección durante os reinados de Fernando II e Afonso VIII. Con eles floreceu o comercio e o galego sentou as bases que lle permitiron ascender como lingua trobadoresca por antonomasia dos séculos XIII e XIV. No entanto, resulta indubidábel que a morte deste último monarca e a usurpación de Fernando de Castela en 1230 precipitou o país nunha profunda crise. Un momento que a monarquía castelá-toledana aproveitou para reescribir a memoria do pasado á súa propia medida. Aquela produción historiográfica, apoiada pola corte, resultou crucial para oficializar unha ideoloxía de corte castelanista onde nin Compostela nin Galiza podían brillar con luz propia.

Aínda así, e contrariamente ao que se tende a presentar como unha unión “natural” entre “Castilla y León”, o certo é que a monarquía castelá atopou en Galiza o seu principal obstáculo, quer por parte do poder eclesiástico quer do aristocrático. Tanto foi así que no ano 1296 os poderes do país lograron proclamar un soberano de seu, Xoán I, rompendo temporalmente a submisión a Castela e Toledo: non foi a última ocasión. 

A derrota da revolución galega do século XIV

Após a guerra dos Cen anos e a loita entre petristas e trastamaristas (1351-1369), a vella idea dunha reunificación galego-portuguesa tomou novamente forma grazas a Casa de Castro, chegando mesmo a se materializar. Aínda que para boa parte da historiografía española este non deixe de ser un suceso anecdótico da guerra entre Castela e Portugal, é obvio que tras ela pesaba un feito indiscutíbel: Galiza e Portugal continuaban a ser unha unidade lingüística e cultural orientada economicamente cara ao Atlántico. Un contexto que vén de ser ampla e brillantemente documentado por Francisco Rodríguez nos últimos anos. 

Sen dúbida, esa mesma vocación atlántica foi a que levou a Xoán de Gante, duque de Lancaster, a ser coroado rei dos galegos en 1386 e aínda a que levou a Afonso V de Portugal a reclamar o trono galego en virtude do seu casamento con Xoana de Trastámara, xa a finais do século XV. 

Certamente, após estas últimas tentativas apagouse todo un momento histórico e o reino de Galiza pasou, definitivamente, a mans de diferentes casas foráneas: os Trastámara, os Habsburgo e finalmente os Borbóns. Un feito que, con todo, non logrou borrar a pegada -nin a existencia- do reino, presente en practicamente todos os grandes armoriais europeos, sistematicamente estudados por Héitor Picallo.

Reino xa sen reis propios, ou que é o mesmo; nación sen Estado, estes feitos caeron no esquecemento no pobo común, mais non entre os aristócratas galegos como o conde de Gondomar ou egrexios ilustrados como Martín Sarmiento. Eles, e outros, foron conscientes, como ninguén, de que Galiza debía estar orgullosa dun pasado cuxos ecos, pese a quen pese, non puideron ser completamente silenciados.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios