Balaídos acollerá o partido do regreso da selección galega

A Irmandiña volverá á cidade de Vigo 17 anos despois.
Iago Aspas, coas cores da Irmandiña en 2016. (Foto: RFGF).
photo_camera Iago Aspas, coas cores da Irmandiña en 2016. (Foto: RFGF).

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) continúa ofrecendo aos poucos novos datos sobre o regreso da selección galega de fútbol despois de oito anos de ausencia.

Logo de confirmar o pasado 9 de abril a anhelada volta da Irmandiña -masculina, iso si, pois a feminina continúa no limbo- ante Panamá, e un día máis tarde o nome de Diego Martínez como o técnico que substituirá no banco o dúo formado por Fran e Míchel Salgado no choque con Venezuela en 2016, agora chegou a quenda de resolver outra das grandes incógnitas, a do recinto que acollerá un partido programado para o vindeiro 31 de maio.

Finalmente, o escollido foi o Municipal de Balaídos, logo de que, segundo destacou a Federación Galega, "o puxesen ao dispor" do ente tanto o seu titular, o Concello de Vigo, como o propio Real Club Celta.

Isto suporá o regreso da selección galega ao coliseo olívico 17 anos despois da súa última actuación alí, que tivo lugar o 27 de decembro de 2007 co gallo dun duelo fronte o Camerún que rematou cun resultado de empate a un, tantos de Julio Álvarez no minuto 72 e de Rigobert Song -seleccionador dos Leóns Indomábeis durante o pasado Mundial de Qatar 2022- no '87.

Naquel encontro, o terceiro da era moderna da Irmandiña logo do seu regreso en 2005 tras deixar atrás unha longa noite de pedra de 75 anos, os Diego López, Viqueira, Nano, Jonathan Pereira, Trashorras e compañía non foron quen de ofrecer un gran espectáculo sobre o céspede dado o ultraconservadurismo dun combinado africano que a piques estivo de non xogar, pois o cadro de xogadores estaba enfrentado á súa Federación polas primas que pretendían cobrar nunha Copa África 2008 da que foron subcampións.

Este Galiza-Panamá será o terceiro do combinado nacional en Balaídos, pois ademais do antedito de 2007 foi sede do penúltimo organizado antes do estoupido da guerra civil española, o 1 de xaneiro de 1930, logrando imporse por un contundente 4-1 ao Sporting de Portugal.   

Comentarios