Dos Borgoña á monarquía de Trastámara. Os tempos de Pedro I e Henrique II

Das alianzas da infanta María de Portugal co seu curmán Afonso X 'O Xusticeiro' (coñecido polo ordinal XI) nace Pedro I de Castela, alcumado 'O Cruel'. Seica vén ao mundo en 1334, aproximadamente no mesmo ano no que o fan os seus medios irmáns xémeos, Fadrique e Henrique Afonso. Non tería poucos conflitos o herdeiro da coroa de Castela con estes e outros seus irmáns que nacen das relacións que o seu pai tivo fóra do matrimonio con Leonor de Guzmán.
Miniatura representativa da morte de Pedro I a mans de Henrique II. / Bibliothèque nationale de France
photo_camera Miniatura representativa da morte de Pedro I a mans de Henrique II. / Bibliothèque nationale de France

Como informa a Historia de las Órdenes de Caballería, editada por José Gil Dorregaray, o mestre santiaguista Vasco Rodríguez de Cornado foi nomeado aio e mordomo maior do infante de Pedro I. Velaí que durante a súa infancia sevillana o labor educativo recaese en tal cabaleiro, verbo do que sinala Victoria Armesto; o que fai que o historiador Francisco Rodríguez se cuestione se de feito Vasco instrúe o infante na nosa lingua: “Hai moitos síntomas de Pedro I falar un castelán que resultaba estraño, non sabemos se por defectos orgánicos na pronunciación ou por mesturas derivadas desta educación galego-portuguesa por parte de nai e de titor, como mínimo, pois tamén o seu confesor era galego, bispo de Lugo, Lopes de Aguiar”. A teor de tales argumentos, suxíresenos ben plausíbel a devandita proposición.

Pedro I, outro monarca educado en galego

Xa de idade adulta, Pedro I asasina en 1358 o seu medio irmán Fadrique Afonso, tal e como ao ano seguinte aconteceu con outros dous máis: Pedro e Xoán Afonso. En resumo, que o herdeiro ao trono castelán ordena a morte de tres dos seus irmáns, pero incluso tamén terá o mesmo destino o infante Xoán de Aragón e Castela. Cumpría desmouchar a árbore familiar?

No contexto da Guerra dos Cen Anos, na que se enfrontan principalmente Francia e Inglaterra, o monarca deste último reino, Eduardo III, pretende conservar as posesións que garda no continente, en concreto Gascuña, Aquitania e Güiena, como ben lembra o investigador e tradutor Henrique Harguindey. O último monarca da dinastía borgoñoa, Pedro I de Castela, nas empresas de conservar o seu trono está apoiado inicialmente por xentes do país galo, mais coa influencia da casa dos Castro consegue novas alianzas con Portugal e Inglaterra. 

Fernán Ruiz de Castro (III) e os asasinatos en Compostela

Lembremos que a comezos de 1366, Pedro I abandona Sevilla e foxe a Alburquerque –o seu medio irmán Henrique II de Trastámara chegara á cidade hispalense– e de alí, por Portugal, entra na Galiza. O seu propósito é buscar apoios entre os seus aliados galegos, reino que se configurara como un importante bastión contra os Trastámara, pois non queremos afirmar que fose exclusivamente petrista, pénsese que a nobreza galega –encabezada polos Castro– tiña obxectivos moi particulares que difundían o rexeitamento de Castela e a aproximación con Portugal, fomentando unha fronte común dos reinos Atlánticos da Península.

Primeiramente, debemos facer unha aclaración para non chegarmos a equívocos. O maior representante desta casa, Fernán Ruiz de Castro, é o terceiro deste nome. O seu avó homónimo, segundo no ordinal, fora o que apoiara a Xoán I da Galiza (alcumado o 'de Tarifa') e que falece en Monforte de Lemos; e o tataravó deste último, denominado Fernán Ruiz de Castro (I), casara cunha filla espuria de Afonso VII, Estefanía Afonso, que seica asasinou. Este feito, motivo de inspiración de Lope de Vega, sería recollido na traxicomedia titulada La desdichada Estefanía.

Eduardo de Woodstock, Príncipe de Gales. / British Library
Eduardo de Woodstock, Príncipe de Gales. / British Library

Deixando atrás este excurso debemos continuar con Fernán Ruiz de Castro (III), pois con el reúnese Pedro I, na fronteira entre Galiza e Portugal, para intentar reactivar acordos militares cos británicos. Achega Ricardo Pichel Gotérrez que Pedro I de Portugal estendera un salvoconduto ao seu análogo castelán para que fose escoltado até Lamego por João Afonso Telo –I Conde de Ourém e IV de Barcelos– e un irmán de Fernán Ruiz, o primeiro Condestábel de Portugal Álvar Pérez de Castro. En Monterrei, logo de cruzar por Chaves, deseñan un plan de recuperación de territorios conquistados por Henrique II e buscan estabelecer contactos con Inglaterra. Así e todo, Paula Cadaveira –que bebe de Victoria Armesto– considera que nese instante tamén se formula como reducir o arcebispo compostelán, ao comezo partidario do bando lexitimista mais por esa altura defensor da causa de Henrique II. A razón de que Sueiro Gómez de Toledo, o devandito prelado, mudase de parecer era debido a que apostaba porque o de Trastámara lle devolvese o señorío de Compostela á igrexa metropolitana, por ese tempo titularidade de Pedro I. Amais diso, a familia toledana do arcebispo xa fora estigmatizada como detractora do lexitimismo.

Avanzando coa liña cronolóxica, o 24 de xuño Pedro I fica en Compostela, reúnese con Fernán Ruiz de Castro e outros próceres galegos e decídese a entrega das vidas do arcebispo e do deán catedralicio. O rei pretende que todos os apoios sociais e políticos que puidese contar o seu irmán sexan reducidos. O sublevado Henrique II, por outra banda, víase auxiliado por Beltram Gwesklin, alcumado 'A Aguia da Bretaña' ou 'O dogo negro de Brocéliande', e as “compañías libres”, verdadeiro exército de mercenarios liderado polo comandante inglés Sir Hugh Calveley.

Así as cousas, Fernán Pérez Churruchao e Afonso Gómez Galiñato efectúan os crimes, quizais animados polo desquite de que décadas atrás outro arcebispo compostelán, Bérenger de Landorre, ordenara asasinar un antepasado deles. Afonso Suárez de Deza, que era o nome deste, ocupouse da mordomía do infante Filipe de Castela, do Adiantamento Maior do Reino da Galiza (1311-1312) e de liderar a revolta compostelá que tivo lugar entre 1316 e 1320, data esta última na que resulta executado.

Retomando os asasinatos de Sueiro Gómez de Toledo e do deán Pero Álvarez, supón para os Suárez de Deza un punto de inflexión cara a perda definitiva daquela preponderancia que, durante décadas, tiveron non só nas terras compostelás senón, asemade, por Ourense e Tui. Porén, para Fernán Ruiz de Castro as cousas resultaron diferentes. Este acada por mercé rexia os condados de Trastámara, Lemos e Sarria, o que viña a incrementar en alto grao a súa importancia social e política. Pichel Gotérrez lembra que por 1366 xa era Pertegueiro Maior de Santiago, amais de Alférez e Adiantado Maior da Galiza, de León e de Asturias. Non podemos esquecer que o feito de que tales condados recaesen en Fernán Ruiz supuña tamén un suceso simbólico ben relevante. Aqueles, con anterioridade, foran da titularidade de Henrique II de Trastámara por concesión do 
seu pai Afonso X. 

O príncipe de Gales futuro rei de Galiza?

Pedro I abandona Compostela, trasládase á Coruña, intenta contactar coa corte inglesa e por medio duns mensaxeiros acada estabelecer comunicación co príncipe de Gales, ao que lle solicita a súa axuda. Edward of Woodstock, príncipe e potencial sucesor ao trono inglés, tamén coñecido como o príncipe negro debido á cor da súa armadura, responde de xeito moi amábel a Pedro. Explica Willian Hunt na súa entrada sobre “Eduard the Black Prince”, no Dictionary of National Biography, que aquela contestación recibiríaa o castelán na Coruña (“Peter, who was in alliance with King Edward, sent messengers to the prince asking his help, and on receiving a gracious answer at Corunna”). Días máis tarde, o 1 de agosto o rei embarca no porto brigantino rumbo ás terras que na Gascuña conserva Eduardo III de Inglaterra e, xunto coa súa familia, Pedro I chega á Bayonne e de aí encarreira cara a Capbreton, onde o agarda o príncipe de Gales, co que cabalga até Burdeos. Cada vez víase máis necesaria unha firme axuda internacional.

Ao principio foron escasos os apoios acadados para a súa causa, porén hanse incrementar axiña. Bebendo de Froissart, achega W. Hunt que Pedro I se compromete a repartir a súa fortuna entre aqueles que o seguisen amais de facer rei da Galiza ao primoxénito de Eduardo III (“Peter won friends by declaring that he would make Edward's son king of Galicia, and would divide his riches among those who helped him”). De acontecer iso, Eduardo de Woodstock sería Rei da Galiza, Príncipe de Gales, Príncipe de Aquitania e Duque de Cornwall; alén de herdar os títulos do seu proxenitor: Rei de Inglaterra e Señor de Irlanda. Porén, morrería antes que o seu pai, de aí que o sucedese Ricardo II. Así e todo, existe algunha outra documentación que acredite a veracidade de tal promesa? Ou ben obtivo Froissart unha errada información? De momento non podemos acreditar a veracidade de tal nova, só queremos deixala formulada e asegurar que mercé dos británicos, Pedro I gaña a Batalla de Nájera, librada o 3 de abril de 1367.

Deixando atrás outros episodios da biografía de Pedro I, queremos achegar que logo do seu pasamento os seus partidarios opóñense a recoñecer a Henrique II como rei de Castela pois, como afirma A. López Ferreiro, consideraban a este “un indigno usurpador”. Nesa tese mantéñense os outros reis da Península: Fernando I de Portugal –que se di herdeiro de Galiza, Castela e León–, Pedro IV de Aragón –que procura conseguir para el Murcia e Molina–, Carlos II de Navarra e Mohamed VII de Granada.

Consecuencias da guerra

Co triunfo de Henrique II non son poucas as consecuencias para Galiza. Que os Castros e a burguesía urbana apoiasen a corrente atlantista provocou, logo do conflito sucesorio, varios efectos entre os que podemos citar os seguintes: primeiramente, o señorío eclesiástico resulta fortalecido de vez; en segundo lugar, o desenvolvemento da economía burguesa fica estancada e as relacións económicas con Inglaterra e Portugal atoadas, o que coadxuva unha dificultade no tráfico de mercadorías polo Atlántico; e en terceiro lugar, os señoríos da vella nobreza comezan a debilitarse, se non son repartidos os bens após a súa incautación. Exemplo disto é que boa parte dos patrimonios dos Castro fosen parar á mesma casa real.

Con respecto aos nobres atlantistas habería que sinalar que os que non desapareceron da actividade política, foron castigados, asasinados ou buscaron conservar as súas vidas no exilio. Este é o caso de Fernán Ruiz de Castro que, previo acabar entre reixas durante un tempo, consegue escapar cara a Portugal e reactivar de xeito fugaz a súa política en 1370 en varias cidades como Compostela, Lugo e Tui. Mais, como achega García Oro, só representou unha tenue muxica, pois cabaleiros e altos eclesiásticos outrora seguidores del xa se sumaran ás filas de Henrique II e comezaban a tomar as rendas da Galiza. Refuxiado en Portugal co seu irmán Álvar e con Xoán Fernández Andeiro, decide coller rumbo á Gascuña e en 1375 falece na cidade de Baiona, en cuxa catedral foron depositados os seus restos mortais. Mais antes de que iso aconteza ha escribir outros episodios importantes na historia da Galiza que, como é obvio, trataremos no momento oportuno.

Afirma López Carreira que a consolidación da dinastía dos Trastámara implica unha fase de refeudalización, na que a igrexa de Compostela se ergue como sector hexemónico do reino galego, malia que se incrementen os seus representantes de procedencia estranxeira e intimamente ligados coa monarquía. Como consecuencia obvia, ese substrato comeza a alimentar a desgaleguización dos extractos sociais máis elevados. Porén, ao longo dos séculos XIV e XV xorden novas revoltas, para nada pouco importantes. Entre elas non podemos esquecer a reactivación das demandas municipais a comezos desa centuria, sendo unha das principais protagonistas a célebre María Castaña. Igualmente hai que dar conta do artellamento da irmandade antiseñorial de 1431 a 1433 que –activada en Ferrol, Pontedeume e Vilalba, focos importantes dos Andrade, antigos defensores de Henrique II– vén a supor o estalido da I Guerra Irmandiña, liderada polo fidalgo Roi Xordo. Xa pasado o ecuador dese século, en época dos Fonseca, estoupa a II Guerra Irmandiña que, aínda non tendo unha prolongada duración no tempo, limítase ao período comprendido entre 1467 e 1469, as consecuencias deste levantamento popular fixeron tremelicar os alicerces das elites que ostentaban o poder. Entre outros seus obxectivos figuran a anulación dos señoríos xurisdicionais e restrinxir a capacidade de altos cargos eclesiásticos e da nobreza. Galiza, para os Trastámara, non resultou ser para nada un país submiso e moito menos dócil ou “domesticado”.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios