Ordoño II e Elvira Mendes. Uns reis galegos en loita contra Castela

A conflitividade non deixou de medrar nos últimos anos do reinado de Afonso III. A unha banda, o partido castelán, dirixido polo conde Munio Núñez e apoiado pola raíña Ximena Garcés, filla do rei de Nafarroa García Iñíguez, que tentaba imporse no ámbito do reino cristián peninsular. Noutra, o partido galego, encabezado pola familia dos Goterres, con base na Galiza nuclear, non disposto a ceder a hexemonía que viñan mantendo desde o século VIII.
Miniatura de Ordoño II nunha crónica medieval. (Foto: Catedral de León)
photo_camera Miniatura de Ordoño II nunha crónica medieval. (Foto: Catedral de León)

García, o fillo primoxénito de Afonso, non dubidou en pórse á fronte dun golpe de Estado contra o seu pai. A operación contou co apoio decidido da súa nai, Ximena, e estivo liderado polo conde de Castela, naquela altura unha parte do reino galego, Munio Núñez, convertido no auténtico home forte do Goberno de García. As relacións de García con Núñez viñan de lonxe, até o punto de que o monarca estaba casado cunha filla do oligarca castelán, a raíña Muniadona. Precisamente, algúns autores, como Carriedo Tejedo, consideran que Muniadona foi a nai do conde castelán Fernán González.

Miniatura de Ordoño II no Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)
Miniatura de Ordoño II no Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)

As crónicas contemporáneas deixaron abondosa documentación destes feitos. A este respecto, o grande historiador cordobés Ibn Hayyan (987-1075) escribiu que “García, fillo de Alfonso, desobedeceu o seu pai, rei da Galiza, depúxoo e fechouno nun convento da cidade de León, onde estivo preso”. O transfundo deste conflito e a confrontación aberta con Castela dos sectores opostos a García fixeron deste monarca un rei enxalzado pola historiografía españolista.

O propio Ordoño II (871-924) deu conta da política contra Galiza do seu irmán García. Nesa dirección, nun documento asinado polo monarca en 915, recolleuse que após a morte do seu pai, Afonso III, o seu irmán, García, negouse a cumprir unha das disposicións testamentarias do falecido monarca, na que favorecía a igrexa de Santiago de Compostela cunha doazón de 500 moedas de ouro. Tal foi a oposición que García impediu trasladarse á cidade do Apóstolo o bispo santo de Astorga Genadio. 

O fillo primoxénito de Afonso III non chegou a reinar na Galiza nuclear. Neste sentido, téñense expresado os historiadores galegos do século XIX pero tamén autores contemporáneos como Xosé Antonio López Teixeira ou Alexandre Peres Vigo. Así, este último sinalou que “un dos territorios onde García I apenas logrou facer efectivo o dominio foron as terras galegas, un territorio que na altura abranguía a maior parte do reino: un grupo de numerosos condados que ían desde o Ortegal até Coimbra”. Xa que logo, o único rei galego denominado García foi o fillo de Fernando I e Sancha.

Ordoño e Elvira, reis privativos da Galiza

A resposta da nobreza galega ao golpe de man da facción castelá que entronizou a García en León foi a proclamación de Ordoño e Elvira como reis privativos da Galiza nuclear. Así, o 7 de xuño de 910, os magnates galegos reunidos en Lugo nunha asemblea presidida polo bispo da cidade amurallada, Recaredo, proclamaron a súa fidelidade ao novo monarca, coroado como Ordoño II. Ao tempo, os territorios de Asturias en mans do seu irmán Froila procederon a render vasalaxe ao fillo preferido de Afonso III.

O cronista Ibn Hayyan, que escribiu nunha data relativamente próxima aos feitos, deixou testemuño da falla de control de García sobre as terras da Galiza nuclear e da oposición a este por parte do partido galego encabezado por Ordoño II. Nesa dirección, apuntou: “Resistíuselle o seu irmán Ordoño, fillo de Afonso, no occidente do país, na Galiza, extremo do reino galego, que chega a Coimbra, perto da terra musulmá, do que o inimigo tense apoderado hai pouco”.

As causas da escolla de Ordoño II como rei da Galiza responderon a diversos factores. En primeiro termo, por coincidir co proxecto político do partido galego, comprometido cun reino cristián peninsular hexemonizado pola oligarquía procedente da Galiza nuclear. En segundo lugar, por estar emparentado por vía matrimonial co núcleo central de poder da nobreza galega, os Goterres, tras o seu matrimonio arredor do ano 900 con Elvira Mendes. E en terceiro lugar, por pasar a maior parte da súa xuventude e vida adulta na Galiza nuclear, após uns poucos anos de residencia nas terras aragonesas dos Banu Qasi, sendo educado polo seu futuro sogro Hermenexildo Goterres.

A morte de García en 914 abriulle a porta a Ordoño II e Elvira para gobernar todo o reino galego. Malia que a súa entronización resultou pacífica, afirmando Ibn Hayyan que “cando morreu o seu irmán García, a cristiandade unanimemente chamouno”, o proceso non estivo exento de tensións, procedéndose a unha remuda das influencias nos ámbitos de poder e ficando a nobreza castelá nun papel subordinado á galega, na liña do que viña sendo norma no reino cristián peninsular. A este respecto, recuperou para os cargos chaves da administración unha parte dos antigos colaboradores do pai, orixinarios, tamén, da Galiza nuclear. 

O reinado de 14 anos de Ordoño II estivo marcado polas súas numerosas vitorias no campo de batalla. Malia que as crónicas contemporáneas preséntanas como resultado do xenio militar do monarca, as mesmas non se poden separar da fortaleza do reino galaico e da debilidade dos seus veciños nos anos finais da vida do emir cordobés Adh Allab I. Porén, a correlación de forzas mudou de modo evidente tras a subida ao trono do seu neto e sucesor Abderramán III, que deu un forte impulso a España, o nome co que se designaba a parte da península de relixión e cultura musulmá.

O poder militar galego

O primeiro grande éxito militar de Ordoño produciuse aínda en vida do pai, cando exercía de gobernador da Galiza nuclear. A este respecto, o historiador Alexandre Peres Vigo fixo referencia ás súas “triunfais campañas militares, como a do ano 908, cando Ordoño liderou os exércitos galegos –se cadra provistos de gaitas como lembra o historiador árabe Ibn Khaldun– chegando mesmo á cidade de Regel, próxima a Sevilla, un dos corazóns de Al-Ándalus”.
Un ano antes de tomar o control sobre o conxunto do reino galego, lanzou unha vitoriosa ofensiva contra a cidade de Évora. A este respecto, Ibn Hayyan afirmou que “o rei galego Ordoño, fillo de Afonso, reuniu as súas tropas, coas que se dirixiu á cidade de Évora, pasou o número de mulleres e nenos detidos de 4.000 e o de homes mortos dentro da cidade de 700”. Na mesma crónica, recolleuse que unha parte moi importante de residentes de Évora fuxiron cara á zona de Bexa, escribindo Ibn Hayyan que “nunca sufriran os musulmáns da España desde o seu estabelecemento derrota máis espantosa e horríbel a mans dos seus inimigos”.

O operativo militar dos galegos en 915 contra Mérida foi recollida, tamén, nas crónicas árabes. Máis unha vez, Ibn Hayyan testemuñou que “saíu o tirano Ordoño, fillo de Alfonso, rei dos galegos infieis após facer leva de cristiáns desde o confín de Iruña até a beira do mar no extremo da Galiza”. Neste caso, as fontes árabes falan dun exército galego de 70.000 persoas, as cales tomaron a fortaleza de Alange, nas proximidades de Badaxoz. 

Os acontecementos bélicos mandaron nos últimos anos do reinado de Ordoño. Así, entre estes, destacaron a vitoria contra as forzas de Abderramán III na batalla de San Esteban de Gormaz, en Burgos, en 917, a posterior toma, en alianza co rei Sancho Garcés das terras do Banu Qasi en Aragón, a derrota de Valdejunquera de 920, após o pacto cos árabes dos condes casteláns e a ofensiva triunfal contra a Rioxa en 923.

A folla de servizos na esfera militar de Ordoño II serviu para agochar boa parte dos éxitos na súa xestión gobernativa e de organización do reino. A este respecto, unha persoa pouco sospeitosa de simpatizar co monarca, o cronista Ibn Hayyan, expuxo que “o motivo de que este tirano Ordoño, a quen deus maldiga, reinase” foi que “protexeu as súas posesións e observou unha boa conduta cos seus súbitos”. Noutro sentido, as fontes contemporáneas avaliaron de modo positivo as súas capacidades diplomáticas, significándose as alianzas tecidas co rei de Nafarroa Sancho Garcés.

A acción de Goberno de Ordoño II e Elvira non estivo exenta de complicacións polas tensións dentro do reino coa facción castelá. Un exemplo disto visualizouse coa derrota militar de Valdejunquera de 25 de xullo de 920, tras pactar os condes de Castela, Fernando Ansúrez, Nuño Fernández, Abolmondar Albo e o seu fillo Diego con Abderramán III. Precisamente, estes catro nomes significáronse nas diversas tentativas contra o partido galego nos anos iniciais dos Gobernos dos fillos de Ordoño e Elvira. 

A xestión globalmente positiva do reinado destes monarcas nas fontes contemporáneas contrasta coa ofrecida pola historiografía españolista. Neste sentido, destaca o retrato ofrecido de Ordoño II na Crónica Najarense do século XII, modelo para a historiografía castelanista de Jiménez de Rada e Lucas de Tui, presentándoo como un monarca “cruel e caprichoso”, responsábel da morte dos condes de Castela, feito absolutamente falso, xa que os condes finaron de morte natural anos despois do falecemento de Ordoño.

Elvira Mendes, outra raíñas dos goterres

A raíña Elvira Mendes facía parte do núcleo central da oligarquía galega. Era filla de Hermenexildo Goterres (850-912), membro da curia rexia e o máis alto cargo da corte de Afonso III, onde se desenvolveu como mordomo real. Ao tempo, actuou como conde de Tui e Porto, dirixindo a toma de Coimbra en 873, sendo avó, entre outros, de Rosendo Goterres, San Rosendo, ou da futura raíña Adosinda Goterres. A súa nai, Ermesinda Gatonez, era filla do conde Gatón do Bierzo, ao que algúns autores sitúan como fillo de Ramiro I e outros como irmán da raíña Nuna, esposa de Ordoño I e nai de Afonso III. Sexa como for, Ermesinda era curmá do monarca Afonso III.

Claustro do mosteiro de Celanova, erguido por San Rosendo, membro da familia dos Goterres e sobriño da raíña Elvira Mendes. (Foto: Nós Diario)
Claustro do mosteiro de Celanova, erguido por San Rosendo, membro da familia dos Goterres e sobriño da raíña Elvira Mendes. (Foto: Nós Diario)

A relación de Ordoño II e Elvira viña de vello. Á marxe da ligazón familiar, eran fillos de dous curmáns, Elvira e Ordoño conviviron xuntos desde nenos, xa que o monarca, após uns anos de estadía nas terras aragonesas dos Banu Qasi, residiu canda Hermenexildo Goterres, o seu educador durante anos. Malia que non existe unanimidade entre os historiadores, a maior parte deles apostan por situar a data da súa voda en 892, manténdose a convivencia en común até a morte de Elvira en 921. A Crónica de Sampiro recolle que Ordoño soubo do falecemento da súa esposa á volta dunha campaña militar perto da cidade de Córdoba e que este feito rematou por “amargar o seu ánimo” e mudalo para sempre.

A descendencia de Elvira e Ordoño foi numerosa, alcanzando a coroa os seus fillos Sancho, Afonso e Ramiro. Porén, as pegadas do seu reinado ficaron en múltiples actuacións desenvolvidas na Galiza, destacando as súas doazóns á sede de Santiago de Compostela, rexida polo tío de Elvira, Gudesindo, onde beneficiaron a gran catedral e o mosteiro de San Martiño Pinario. Na mesma liña, o seu nome apareceu asociado desde a subida ao trono a numerosas achegas a outras sedes galegas, como Mondoñedo, onde ocupaba a sede outro tío de Elvira, Sabarico, educador de San Rosendo. Ao tempo, os monarcas significáronse no apoio ao monacato, sendo unha boa mostra disto o respaldo ao mosteiro de San Pedro de Montes, en Ponferrada, cuxa consagración asinaron como reis da Galiza.

Ordoño II desposouse tras a morte de Elvira con Aragonta González. Aragonta, filla do conde do Deza, Gonzalo Betote e de Tareixa Eiriz, era curmá de San Rosendo e facía parte do mesmo grupo nobiliario que Elvira. O seu matrimonio con Ordoño mantívose só durante 922, retirándose posteriormente ao mosteiro de Salceda de Caselas, onde exerceu de abadesa até a súa morte, arredor de 977. Ao tempo, apoiou mediante doazóns outros cenobios como Piloño, Lantaño, Celanova e Carboeiro, este último fundado polos seus pais.

O monarca galego casou o último ano da súa vida con Sancha Sánchez de Pamplona, filla do rei de Nafarroa Sancho Garcés. O matrimonio formalizouse como parte da alianza entre o reino galego e navarro, nun momento onde partillaban empresas en común contra España e tecían alianzas fronte á presión de Abderramán III. A este respecto, o historiador Alexandre Peres Vigo destacou de Ordoño II “a súa hábil política de alianzas, especialmente co pequeno reino pirenaico de Pamplona”. Morto o rei galego en 924, Sancha Sánchez casou co conde vasco Álvaro Herraméliz e posteriormente co famoso conde castelán e inimigo da Galiza Fernán González.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios