O Festival Resis renderá homenaxe a Luigi Nono no seu centenario

Esta VII edición propón 10 concertos en espazos singulares da cidade e estende o seu programa cunha cita en Roma e outra en Madrid

Luigi Nono.
photo_camera Luigi Nono.

O Festival RESIS celebrará este ano a súa sétima edición, posicionando á Coruña como referente da música contemporánea. O programa inclúe concertos en distintos espazos da cidade, así como dúas citas fóra da Galiza, en Roma e Madrid.

O programa comezará o vindeiro 3 de maio e estenderase até o 9 de xuño, incluíndo 10 concertos, 8 deles estrea absoluta, unha exposición, así como proxeccións e numerosas actividades paralelas, como a terceira edición do proxecto didáctico inclusivo A Proxección Sonora.

RESIS 2024 contará con directores, músicos e agrupacións de primeiro nivel -como o director holandés Bas Wiegers ou o cuarteto Arditi, entre outros- e pezas de compositoras como Rebecca Saunders, León de ouro de Música na Bienal de Venecia 2024, Eduardo Soutullo, Premio Nacional de Musica 2023 e Premio Andrés Gaos 2024,  Salvatore Sciarrino ou Toshio Hosokawa.

 

Lembranza de Luigi Nono

Unha das singularidades do Festival RESIS nas súas edicións anteriores eran os enclaves singulares nos que organizan os concertos, percorrendo este ano a Fundación Luis Seoane, o Museo de Belas Artes da Coruña, A Domus, o Museo Nacional de arte Arte e tecnoloxía Muncyt, o Auditorio Afundación, o Paraninfo do Reitorado da UDC, o Palacio da Ópera, a Fábrica de Tabacos e o Teatro Colón. A isto súmanse os dous concertos fora da cidade, que serán na Real Academia de España en Roma e no Círculo de Belas Artes de Madrid.

O Festival RESIS 2024 celebrará a súa inauguración o vindeiro día 3 de maio na Fundación Luis Seoane a partir das 19.30 horas. Nesta cita abrirase ao público a exposición Y su sangre ya viene cantando, xunto coa actuación do Niño de Elche un proxecto que presenta unha cronoloxía poética do legado de Luigi Nono (1924 1990), un dos compositores máis importantes do panorama musical europeo a quen o Festival RESIS lle rende homenaxe no centenario do seu nacemento.

Comentarios