Ramiro II e Adosinda Goterres. Uns monarcas galegos admirados en Europa

Simboliza como ninguén o carácter galego da monarquía hexemónica no espazo cristián peninsular entre o século VIII e XIII. Fillo dos reis galegos Ordoño II e Elvira Mendes, conseguiu a admiración de toda Europa polo seu xenio militar, tras derrotar en agosto do 939 Abderramán III en Simancas. Gobernante de grandes capacidades, tanto na política externa como na interna, foi coñecido polos seus contemporáneos como “O Grande”. Amigo do mundo musulmán, con quen tentou manter unha relación pacífica, durante todo o seu reinado padeceu as manobras e intrigas do partido castelán do reino galego, sufrindo até hoxe os ataques da historiografía españolista polos seus enfrontamentos con Fernán González.
Ramiro II nunha imaxe do Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)
photo_camera Ramiro II nunha imaxe do Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)

chegada ao trono de Ramiro II (898-951) foi un triunfo do partido galego. A favor da súa candidatura xogaba a súa ligazón coa oligarquía da Galiza nuclear, como membro da poderosa familia dos Goterres, a súa relación co país, onde naceu, foi educado e viviu, así como o proxecto político que defendeu, na liña de seu avó Afonso III e o seu pai Ordoño II, dirixido a garantir a hexemonía galega no reino cristián peninsular. Neste sentido, o seu reinado puxo fin a un período de inestabilidade de seis anos e representou un período de prosperidade en todas as ordes.

Unha miniatura de Ramiro IIrecollida no Compendio da crónica de reis. (Foto: Biblioteca Nacional de España)
Unha miniatura de Ramiro II recollida no Compendio da crónica de reis. (Foto: Biblioteca Nacional de España)

Ramiro II facía parte do núcleo duro da nobreza galega. Fillo de Ordoño II e Elvira Mendes, por vía materna era neto de Hermenexildo Goterres (850-912), o auténtico líder da Galiza no século IX e de Gatón do Bierzo, tío de Afonso II. Ao tempo, era curmán de San Rosendo, o home forte no país ao longo do século X, sendo, máis un membro da poderosa familia dos Goterres, formada por unha ampla rede con presenza a través dos seus membros e das súas propiedades ao longo do reino.

A súa infancia decorreu na área galaico portuguesa, sendo educado nestas terras por Onega e Diego Fernández. A primeira, sobriña do rei Afonso III e o segundo, irmán de Ero Fernandes, avó de San Rosendo e da raíña Aragonta e, por conseguinte, parte do clan dos Goterres. Onega e Diego era propietarios de grandes extensións de terreos na zona de Coimbra e de Viseu, sendo pais, entre outras, da célebre Mumadona Dias, condesa de Portugal, casada co conde do Deza Hermenexildo González, avós da raíña Velasquita Ramires.

Uns reis da casa dos Goterres

Ramiro II reforzou a súa ligazón coa oligarquía galega pola vía matrimonial, na liña do acontecido con seu pai, Ordoño II, e o seu irmán, Sancho I. Neste sentido, casou con Adosinda Goterres, filla de Goterre Osorio e Aldonza Mendes, esta última filla de Hermenexildo Goterres e de Elvira Mendes. Así as cousas, a raíña Adosinda Goterres era curmá de Ramiro, sendo pais de Ordoño III e da raíña de Nafarroa Teresa Ramírez. O matrimonio, probabelmente disolvido por imposición da lei canónica, rematou arredor de 933, casando o monarca en segundas nupcias coa princesa Urraca Sánchez, filla do reis navarros Sancho Garcés e Toda Aznar.

Ramiro II reforzou a súa ligazón coa oligarquía galega pola vía matrimonial, casando coa súa curmá Adosinda Goterres

Ramiro II foi considerado polos seus contemporáneos como un rei galego. Sen saír do espazo ibérico, un historiador tan reputado como Ibn Hayyan (987-1075) referiuse a el repetidamente como “Ramiro, rei dos galegos”. Así, por exemplo, en relación cos acordos de paz asinados con Abderramán III, afirmou: “Fixo a paz con Ramiro, fillo de Ordoño, rei de dos galegos… tras pedirlla… con repetidos mensaxeiros”. Na mesma dirección, en relación con estes feitos, sinalou que “violou o tirano Ramiro fillo de Ordoño, rei da Galiza, a paz, ao pedirlle socorro o rebelde Hasim, señor de Zaragoza, contra os musulmáns”. Asemade, referiuse a el como “Ramiro, fillo de Ordoño, rei de Galiza, a quen deus maldiga, o máis querido polo pai e o máis querido polos galegos". 

O monarca galego era un gobernante experimentado cando foi entronizado. A comezos de 926 foille encargada a xestión da área do reino entre Miño e Mondego, nas actuais terras portuguesas, desprazando a residencia desde Coimbra até Viseu e gañando territorio en dirección ao Texo. Nesta responsabilidade, Ramiro sucedeu o seu aio Diego Fernández, delegando posteriormente este mesmo cargo en Hermenexildo González e Mumadona Dias, a quen o rei cualifica en diversos diplomas como “miña irmá de leite”.

A historiografía tradicional e a maioría dos autores contemporáneos, seguindo a versión recollida na Nómina Leonesa de finais do século X, sitúan a coroación de Ramiro II como rei da Galiza o 6 de novembro de 931. Neste sentido, os datos que chegaron do acto destacaron a importante presenza da nobreza civil e eclesiástica da área galego portuguesa e a práctica ausencia de representas da oligarquía castelá. No mesmo sentido, o monarca botou man para as responsabilidades máis importantes da administración de persoas procedentes da 
Galiza nuclear.

Rei privativo da Galiza

Un dos aspectos por aclarar da biografía de Ramiro II é o seu nomeamento como rei privativo da Galiza desde 929 até o seu ascenso á cabeza do reino galego. Así, algúns autores da área leonesa, ningún deles sospeitoso de nacionalista, veñen documentando nos últimos tempos que, após a morte de Sancho I, en 929, a nobreza galega proclamou Ramiro como monarca de seu na cidade de Zamora, a quen as crónicas contemporáneas cualificaban como “unha das máis importantes cidades do Reino da Galiza”. Concretamente, un dos defensores desta tese é o leonés José Manuel García-Osuna, autor do volume El rey Ramiro II ‘El Grande’ de León, ‘El Invicto’ de Simancas.

A xestión gobernamental estivo cargada de éxitos tanto na política interna como externa. Precisamente, as crónicas contemporáneas destacaron o seu xenio militar e os seus éxitos no campo de batalla. Un dos primeiros, concretamente ao ano de acceder ao trono, foi o asalto e saqueo dun poboado musulmán localizado nas proximidades de Toledo, Magerit, hoxe coñecido como Madrid, actual capital do Estado. Porén, o monarca galego viuse imposibilitado de chegar a Toledo pola superioridade de forzas das tropas de Abderramán III. 

A firmeza na esfera militar mesturouna cunha hábil política diplomática dirixida a buscar a paz co mundo musulmán, na liña da tradicional política galega de buscar acordos cos seus veciños do sur. A este respecto, Ibn Hayyan deu cumprida conta destas negociacións, significando que Abderramán III “enviou á Galiza o secretario xudeu Hasday Ibn. Mandou pois esta persoa a onde Ramiro e chegaron a grandes e bos acordos”. Na mesma dirección, documentou que “chegou a Córdoba un mensaxeiro do tirano Ramiro, fillo de Ordoño, rei da Galiza, a falar de paz e pedindo tregua, enviándolle [Abderramán] ao seu home de confianza para entrevistarse con el e concluír a paz”.

A política de Ramiro II na orde interna buscou reforzar o poder da coroa e reformar o funcionamento da administración. Nesta liña, destacaron os seus esforzos na reorganización do funcionamento da monarquía, nomeando ou creando novas responsabilidades, modernizando as institucións e estabelecendo un consello asesor, que sería o xerme da futura “curia regia”.

O conflito contra Castela

Os seus anos de Goberno estiveron marcados polo conflito interno entre o partido galego e o partido castelán. Só dous anos despois da súa entronización, á volta de finais de 833, debeu facer fronte a unha revolta impulsada pola nobreza castelá que, apoiada polos Froilaz, proclamou de novo rei en León Afonso IV, aproveitando a ausencia de Ramiro, naquela altura concentrado en Zamora para marchar cara a Toledo. A resposta do monarca galego non se fixo agardar, volvendo en busca dos sublevados e restabelecendo o seu poder interno. Unha vez apreixado o seu irmán, avanzou cara á área asturiana, onde se agochou Afonso Froilaz cos seus próximos, sendo estes, tamén, derrotados e encarcerados xunto a Afonso IV.

A revolta castelá ficou documentada nas crónicas árabes e cristiás. Así, Ibn Hayyan escribiu en relación con estes feitos que “Afonso… entregoulle o reino, abdicou e fíxose monxe […] Daquela algúns inimigos do rei Ramiro o maliciaron na súa contra… casteláns e outros que o aborrecían, incitándolle a saír do mosteiro e atacar a este… ao que se opuxo en León… onde o bispo… e outros homes… fuxiron… uníndose ao rei [Ramiro] en Zamora… e dirixiuse apresuradamente a León, contra o seu irmán Afonso… até que fuxiron os casteláns que con el estaban, e Ramiro… fíxose cargo de el… téndoo preso”.

A crónica de Sampiro, redactada a comezo do século XI, significou, na mesma dirección, que “Afonso… enviou emisarios polo seu irmán Ramiro, a terras de Viseo, dicindo que quería renunciar ao reino […] Ramiro... mobilizou o seu exército… e entrando en Zamora veulle un emisario, porque o seu irmán… saído do mosteiro, recibira por segunda vez o reino… volvendo veloz a León… colleuno, prendeuno e mandou botalo a un calabozo”. Neste sentido, Ibn Hayyan aclarou aínda máis os termos do conflito escribindo que “os magnates casteláns e asturianos enviaron emisarios a Ramiro en favor do devandito príncipe [Afonso IV]. Mais el, entrando en Asturias, colleu a todos os fillos de Froila; Afonso, que parecía rexer o cetro paterno, Ordoño e Ramiro; levounos consigo, xuntounos [en León] co seu irmán, o devandito Afonso”.

A loita contra os casteláns pairou ao longo de todo o seu reinado. A comezos de 944, outra rebelión castelá, neste caso liderada polo conde de Castela, Fernán González, e polo conde de Saldaña, Diego González, obrigou o monarca a intervir nesa área do reino galego, colocando á fronte da mesma o seu fillo Sancho e mandando a prisión os dirixentes do alzamento, que non tardaron en recoñecer a autoridade de Ramiro e recuperar os seus títulos. Precisamente, esta relación conflitiva con Castela provocou unha crítica implacábel da historiografía españolista ao monarca, procedendo a unha revisión negativa do seu reinado, que non se corresponde coas fontes contemporáneas, polo seu enfrontamento coa nobreza situada na área castelá e de modo moi particular con Fernán González, unha das chaves de bóveda da reelaboración mítica do relato español. 

Ramiro, "cristianísimo rei da Galiza"

A comezos de agosto do 939 Simancas viviu un dos feitos de armas máis decisivos da historia peninsular. Malia que a tradición adoitou situalo durante moito tempo o 19 de xullo, por cadrar cunha eclipse de sol que coincidiu co avance das tropas de Abderramán III até as beiras do Pisuerga, o operativo militar desenvolveuse entre o 6 e o 10 de agosto, enfrontando dun lado perto de 70.000 galegos, apoiados por forzas navarras, e doutro, segundo os propios cronistas árabes, máis 100.000 soldados. 

A batalla, que se celebrou nun momento de extrema debilidade dos reinos cristiáns, diante do grande empuxe dos árabes, caracterizouse pola súa extrema dureza, chegando a cifrar as fontes contemporáneas as baixas nas filas do exército de Abderramán III en 12.000 persoas, contía que os historiadores actuais reducen a practicamente a metade. Sexa como for, o número de vítimas mortais resultou moi elevado, ficando finalmente a salvo as fronteiras e integridade do reino galego.

Cruz de Peñalba, entregada por Ramiro II ao mosteiro de Peñalba en agradecemento pola vitoria de Simancas e hoxe considerada o símbolo do Bierzo. (Foto: Santiago Abella)
Cruz de Peñalba, entregada por Ramiro II ao mosteiro de Peñalba en agradecemento pola vitoria de Simancas e hoxe considerada o símbolo do Bierzo. (Foto: Santiago Abella)

As fontes contemporáneas, tanto peninsulares como europeas, deron cumprida conta dos feitos, non deixando dúbidas da nacionalidade das tropas vencedoras e do seu monarca. Así, nos Anais casteláns primeiros, redactados durante o reinado de Ramiro II, recóllese que “aló foron dispersados os ismaelitas, mortos e despoxados. Alegrándose os adoradores de Cristo, volveron ás súas casas con rico botín e se enriqueceron cos seus despoxos Galiza, Araba e Iruña”. 

Pola súa parte, Ajbar machmúa, unha crónica árabe do século XI, afirma que Abderramán III “foi derrotado do modo máis desastroso polos galegos. Os inimigos perseguiron os musulmáns por todas as partes durante algúns días, matándoos ou facéndoos prisioneiros”. Nunha liña semellante, o grande historiador marroquí Al Maqqari, na súa monumental historia de Al Andalus, sinala que a batalla de Simancas “foi a maior derrota infrinxida polos galegos aos andalusís”.

O grande historiador dos lombardos Liutprando de Cremona, na súa 'Antapodosis' cualificou a Ramiro II de “cristianísimo rei da Galiza”

A repercusión desta batalla, no ámbito europeo occidental, ficou probada na atención que recibiu nalgunhas das máis importantes crónicas europeas do momento. Por exemplo, nos Anais da abadía de San Gal, elaborados polos famosos copistas do mosteiro da cidade suíza do mesmo nome no século X, documentouse que “no Reino da Galiza foi case exterminado un innumerábel exército de sarracenos, do que só se salvaron corenta e nove guerreiros e o rei”, identificando máis unha vez a data da batalla coa eclipse de sol. 

Na mesma dirección, o grande historiador dos lombardos Liutprando de Cremona, na súa Antapodosis, publicada en seis libros en Frankfurt á volta de 950, significa que “nese tempo, como ben sabedes, o sol sufriu un grande eclipse para todos, na sexta feira, á hora da sexta ese mesmo día Abderraman, rei voso, foi vencido na batalla por Ramiro, cristianísimo rei da Galiza”. A información, achegada por esta documentación contemporánea dos feitos, evidencia o carácter de galego que se lle atribuíu ao monarca, así como aos seus exércitos e reinos, sendo esta a única denominación empregada nas crónicas europeas do momento.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios