Xoán I. O restaurador da independencia da Galiza

A tendencia pro atlantista das elites galegas non só se percibe nas relacións políticas, senón que tamén fica plasmada con rotundidade na vida cultural. Ilustra esta afirmación aquela cantiga de escárnio e maldizer do prolífico trobador galego Joham Airas de Santiago, pola que advirte a Afonso IX 'O Sabio' que “se mi justiça nom val / ante rei tam justiceiro / ir-m’-ei ao de Portugal”.
Detalle das 'Cantigas de Santa María'. / Biblioteca do Mosteiro de El Escorial
photo_camera Detalle das 'Cantigas de Santa María'. / Biblioteca do Mosteiro de El Escorial

Impulsado polas mesmas castes que outrora promoveran unha independencia da Galiza e León con respecto a Castela, un fillo de Afonso IX 'O Sabio' acada o trono dos dous primeiros reinos xunto con Sevilla. Mais o seu goberno reducirase a un lustro, comprendido entre os anos 1296 e 1300. No que atinxe ao citado territorio andaluz, este fora conquistado en 1248 por tropas de Fernando III, ás que pertencía o coñecido trobador e cabaleiro pontevedrés Paio Gómez Chariño, que quizais tamén participara na toma de Xaén (“Ai Santiago, padrom sabido, / vós mi adugades o meu amigo; / sobre mar vem quem frores d’amor tem; / mirarei, madre, as torres de Jeen”). 

Pola súa intervención, o que chegaría ser Almirante Maior do Mar acada determinadas mercés, disque entre outras as terras de Sanlúcar de Barrameda. Mais con el irían non poucos galegos. Se nos guiamos polas investigacións de Manuela Ronquillo Rubio darémonos conta de que, dende tal feito militar, o asentamento de persoas procedentes da Galiza foi máis que significativo, conseguindo –do xeito que aconteceu con Chariño– os respectivos privilexios por mor das súas axudas. Velaí que na repartición de terras acadarán o seu quiñón o señor de Trastámara e Traba, Rodrigo Gómez; así como o propio arcebispo de Santiago, Xoán Arias; un curmán deste, denominado Lorenzo Suárez Galiñato; Men Pérez, Pedro Ruiz de Tenorio e o segrel Pero da Ponte. Amais disto, Francisco Elías de Tejada e Gabriela Percopo afirman que “coas hostes reais ou alistados tras os pendóns do maior señor da Galicia de entón, de don Rodrigo Gómez de Traba, os xograres xogan a carta da expansión por Andalucía”. 

Pepión, moeda cuñada durante o reinado de Fernando IV. / Nós Diario
Pepión, moeda cuñada durante o reinado de Fernando IV. / Nós Diario

Incluso Pero de Ambroa, amigo da coñecida María Balteira, figura non só nas conquistas de Córdoba e Sevilla, senón que incluso existen probas documentais que acreditan que este artista estivo en Terra Santa polo ano 1260, lugar onde lle chega o seu pasamento cara a 1262, segundo José A. Souto Cabo. Carlos Alvar, ademais, considera que tanto María Pérez 'Balteira' como Pero de Ambroa participan na Sétima Cruzada, convocada en 1245 por Inocencio IV no Concilio de Lyon; e José Naranjo Ramírez asegura, por outra banda, que o señor de Chantada, Fernán Núñez de Temes, asiste ás conquistas de Córdoba (1245) e Sevilla (1248). Instalado en terras andaluzas e ostentando cargos de responsabilidade (Alcalde e Alguacil Maior de Córdoba), deste cabaleiro galego procederán aqueles ilustres personaxes da caste dos Fernández de Córdoba.

Deixando isto atrás debemos lembrar que canda o cerco de Sevilla, o 28 de xuño de 1248 o rei Fernando III pedira uns préstamos económicos a diversos concellos galegos, entre eles aos de Allariz, Baiona, Betanzos, A Coruña, Castro de Rei, Compostela, Ferrol, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Ourense, Ribadavia, Triacastela, Tui e Vilalba.

Con posterioridade, en épocas de Afonso IX 'O Sabio', galegos serían os compoñentes das súas mesnadas e igualmente os besteiros, porteiros e monteiros. Por mor desta e outras circunstancias, liñaxes e apelidos propios do noso país mesturaranse e incluso destacarán na sociedade sevillana do final da Plena Idade Media e do baixo medievo. Biedma, Tenorio, Ribera / Ribeira, Mariño e Soutomaior darán nome a diversos “clans” familiares con raizame no noso reino, o que puido axudar a un mellor e maior desenvolvemento comercial entre Galiza e Sevilla. Tamén resulta significativa a presenza de non poucos persoeiros alcumados “el gallego”, xentilicio que obviamente alerta da súa procedencia.

Xoán I da Galiza, León e Sevilla

Derrocado o caid Axataf, Sevilla pasa a mans de Fernando III e logo ás do seu fillo Afonso IX para, con posterioridade, recaer nas do seu neto Sancho IV. Falecido este comezan certos conflitos sucesorios que provocan que, durante un tempo, os reinos da Galiza, León e Sevilla fiquen fóra do control da coroa castelá.

Que conste que tempo atrás, coa morte de Afonso IX, o infante Xoán –fillo tamén de Violante de Aragón– xa pretendera acadar a coroa co apoio de Dinís de Portugal, malia a “usurpación violenta perpetrada polo seu irmán Sancho IV”, como informa Anselmo López Carreira. A frustración desa empresa por aquel ano de 1284 non implicou que se pechasen as relacións entre Xoán e o territorio veciño, senón todo o contrario. Isto veu a fortalecer a alianza existente entre os reinos da Galiza, León e Portugal que desenvolveu, como vimos noutro momento, unha política anticastelá ou, segundo define o mesmo Anselmo, atlantista.

Falecido Sancho IV en 1295, tocaríalle herdar os reinos a Fernando IV. Porén, durante a súa minoría de idade, sería o seu tío, o sinalado infante Xoán 'O de Tarifa', o que acade parte deles. Por mor disto deberiámolo coñecer como Xoán I da Galiza e León, xa que como soberano destes reinos sería proclamado na catedral leonesa en 1296, tras o apoio conseguido por determinados grupos nobiliarios. Argüía o infante que a el lle correspondían tales tronos por ter nacido o seu sobriño froito de relacións incestuosas; a súa nai, María de Molina, era tía de Sancho IV.

Logo da primeira coroación na sé leonesa, divididos os reinos de Castela e Galiza-León, confírmase novamente aquel acto en Sahagún, mais a estes dous reinos engadiráselle o de Sevilla, vinculado co galego dende tempos do rei García e fortalecido nas súas relacións logo da conquista en 1248. Velaí que esa primeira unión galego-castelá se disolvese despois de seis décadas e media. Segundo a Historia General de España: “(...) en Baltanas se le juntaron el Infante D. Juan y D. Juan Núñez de Lara. No pararon hasta llegar a León, ciudad que fue antiguamente rica y grande (...). En aquella ciudad fue alzado el Infante D. Juan por Rey de León, Galicia y Sevilla. Poco después en Sahagún dieron a D. Alonso de la Cerda título de Rey de Castilla”.

Entre os apoios que contou Xoán I cómpre resaltar o do Adiantado Maior do Reino da Galiza, Paio Gómez Chariño, que falecería sen velo aínda coroado rei. Neste contexto cobra valor tamén a figura de Fernán Ruiz de Castro, señor de importantes patrimonios aos que lles quería sumar Monforte de Lemos. Tanto é así que logo de conseguilo de mans de María de Molina, dálle as costas á política desta muller e apoia de forma incondicional a Xoán de Tarifa. Velaquí un fragmento do que se sinala na Crónica de Fernando IV: “E estando en esta cerca [de Paredes de Nava – Palencia] llegó y D. Fernando Rodríguez de Castro con grand gente de Galisia a servir al rey, e a dos días que y llegó fiso muchas demandas al rey e señaladamente le demandó que le diese por heredad el castillo de Monforte, que es en Galisia en tierra de Lemos. E que si esto non le diese que luego se yría ende (...). E después que ovo el previgelio de la donación sellado, estudo y después de ocho días, e de si una mañana puso fuego a su real e movió con toda su gente quanta y traxo, e fuese dende, e así desamparó allí a su señor, e todo lo fiso él por llevar aquel castillo para si e por ayudar al infante D. Juan, que se llamava rey de León, a quien el amava mucho”.

Alianza atlantista

Aínda en litixios sucesorios, no ano 1298 a raíña María de Molina, velando polos intereses da coroa de Castela, proponlle don Dinís, rei de Portugal, que lle fixese a guerra tanto a Xoán I de Galiza e León como a outros que xa se titularan sucesores dos señoríos que foran de Afonso IX. O portugués, nunha igrexa, reuníase acotío co bispo de Astorga, o conde Xoán Afonso de Alburquerque, o infante Henrique –titor e tío de Fernando IV– e Rodrigo Álvarez Osorio –vasalo de Xoán I– co fin de resolver o conflito. Esta foi a proposta: “que diesen luego al infante D. Juan todo el Reyno de Galisia, e que se llamase ende rey e que toviese en su vida la cibdad de León e todos los otros lugares que avía tomado”. O acordo trasladaríallo Dinís a María de Molina, mais esta comentaría que a proposta resultaba inadmisíbel. Polo interese que nos esperta reproducimos un fragmento de tal contestación plasmada na Crónica de Fernando IV: “(...) les fasía saber de como al rey de Portugal fisiera ella venir a la tierra teniendo que ayudaría al rey su fijo por el debdo que con él avía, e que en lugar de faser esto que quería que el rey su fijo pleytease con el infante D. Juan, el que se llamava rey de León en esta manera: que le diese el reynado de toda Galisia de que se llamava rey e que lo aviese de allí adelante él e todos sus herederos, e demás desto que toviese la cibdad de León (...). E ella respondió que entendía que este pleyto era muy grand daño de todos los reynos, e que era carrera por donde todo se podía perder”. 

A insistencia de que Xoán I tivese para el e os seus herdeiros o reino da Galiza constátase en múltiples ocasións na devandita Crónica, contando cun apoio continuo de Fernán Ruiz de Castro, “por consejo del rey de Portogal”. 

Fernán Ruiz de Castro (II)

O de Castro, que “era muy poderoso en el reyno de Galisia e era perteguero”, sublevou o seu país coa axuda de Xoán Alonso de Alburquerque aló por 1298, polo que a raíña castelá envía o seu fillo Filipe, de sete anos de idade, “porque mantuviese la voz del rey” de Castela. Un ano máis tarde, estando Fernando IV en Palenzuela del Conde e por consello da súa nai, María de Molina, manda estender un privilexio ao arcebispo de Santiago polo que lle concede a vila de Muros con todo o seu alfoz. Este era un xeito de contentar o prelado e asegurar a súa lealdade. Por outra banda, o outorgante dicíase “rey de Castiella, de León, de Toledo, de Gallizia” e doutros territorios, aínda sen selo de facto et de iure; Xoán I 'de Tarifa' non renunciara a continuar co goberno do noso reino. Porén, si o había facer nas Cortes de Valladolid de 1300, celebradas entre maio e xuño, e polas que lle xura fidelidade ao novo monarca, o seu sobriño Fernando IV. Dese ano existe un documento conservado no Arquivo da Catedral de Ourense e transcrito por A. López Carreira no que se afirma que Fernán Ruiz e outras persoas tiveran en prisión a Fernán Fernández de Limia, nobre que o 25 de agosto de 1300 lle ofrece o seu perdón ao señor de Lemos, polo que quizais xa se observan aquí consecuencias da abdicación de Xoán de Tarifa.

Sepulcro de Xoán I de Galiza ou de Tarifa. / Catedral de Burgos
Sepulcro de Xoán I de Galiza ou de Tarifa. / Catedral de Burgos

Era o cabaleiro Fernán Ruiz de Castro, segundo achega Eduardo Pardo de Guevara, marido de Violante Sánchez de Castela –filla de Sancho IV e María Afonso de Ucero–, coa que estabelecera contrato de arras en Valladolid o 18 de xuño de 1291. Das alianzas matrimoniais, entre outros membros da proxenie, nace Xoana Fernández de Castro, a mesma que ha casar cun fillo Xoán de Tarifa. Referímonos ao infante Xoán de Valencia, nado das nupcias que o seu pai acordara con Margarida de Monferrato, e que chegaría ocupar a Perteguería Maior de Santiago por 1306.

Xosé García Oro cualificaría a Fernán Ruiz como tenaz e indomábel, e que “non cesou na súa oposición” a Castela “nin aínda cando o seu amo don Xoán renunciou ás súas pretensións señoriais en favor do seu sobriño o infante don Filipe, a quen Castro gardou con dureza receosa en prisión”. Realmente, este suceso acontece en Vilalba, nunha data que non podemos precisar, polo que logo o infante, en 1304, lle toma a vila e fortaleza de Monforte amais de ferilo de morte (“que quiso Dios que venció el infante D. Phelipe a D. Fernand Rodriguez, e lo mataron en 
la batalla”).

Por outra banda, en terras luguesas fora seguidor do afoutado pertegueiro un tal André Arias, a quen o xa rei Fernando IV lle requisa todos os seus bens e llos transfire ao bispo lugués Rodrigo Martínez o 22 de xuño de 1304. As razóns que indica o monarca son as seguintes: “Andres Arias vassallo de don Ferrad Rodriguez de Castro que fue, desservió mucho al rey don Sancho mío padre que Dios perdone, et a mí después que yo regné aca, robando los campos et quemando et prendiendo los míos omines de la mi tierra et matándolos, et despechándolos et fasiendo otras malfechorias muchas en la mi tierra”. 

De Fernán Ruiz de Castro consérvase un extracto das súas últimas vontades no Tombo B do ACS, nunha de cuxas cláusulas sinala que era do seu gusto entregar á igrexa compostelá “quanto ey en Arcos de Condessa”. Amais disto, quixo que os seus restos mortais fosen parar ao “mosteyro de Valboa do Doyro, hu iazem os de Castro, onde 
eu venno”. 

Logo do seu pasamento, os seus bens son confiscados por Fernando IV e entregados ao infante Filipe de Castela, quen acada –ademais– a Perteguería de Compostela e os señoríos de Cabreira e Ribeira. Este, ao final dos seus días, desexaría ter como último leito o convento de Santa Clara de Allariz. 

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios