Ordoño IV. Un rei imposto polo partido galego

A comezos de marzo de 958 era coroado como rei da Galiza na Catedral de Santiago de Compostela Ordoño IV. O novo monarca gozaba do favor da clase dirixente galega, enfrontada de vello a Sancho II, e representaba un proxecto político dirixido a garantir a hexemonía da oligarquía galega no espazo cristián peninsular. O seu goberno alongouse só por un ano, ficando aínda sen aclarar os motivos da súa pronta derrota e as súas diverxencias nos últimos tempos con parte da nobreza galega. O seu paso á historia, da man do relato interesado de Ximénez de Rada, denota que non contou co favor do partido castelán e que o seu programa político chocaba coa reelaboración mítica do pasado peninsular comezado no século XIII pola historiografía castelanista.
San Rosendo, educador de Ordoño IV, nunha estatua no mosteiro de Celanova. (Foto: Nós Diario)
photo_camera San Rosendo, educador de Ordoño IV, nunha estatua no mosteiro de Celanova. (Foto: Nós Diario)

As orixes de Ordoño IV (925-963) son obxecto dunha dura disputa historiográfica. A parte maioritaria da disciplina considérao fillo de Afonso IV, un monarca executado por orde do seu irmán Ramiro II, e da raíña de orixe navarra Oneca Sánchez, neto de Ordoño II e de Elvira Mendes. Esta tese, maioritaria entre os historiadores e apoiada, entre outros, por Gonzalo Martínez ou Justiniano Rodríguez, toma como referencia o disposto no Códice de Roda, elaborado a finais do século X na catedral de Roda, en Ribagorza, Aragón.

Outro grupo de historiadores, seguindo a formulación de Claudio Sánchez Albornoz, sitúa a Ordoño IV como fillo do efémero monarca Afonso Froilaz, executado por mandato do seu curmán Ramiro II. Esta posición, mantida na actualidade por investigadores como Manuel Carriedo Tejedo, parte do recollido na Crónica de Sampiro, onde se sinala que Ramiro II apresou todos os fillos de Froila II “… e a todos xuntos nun día mandou sacarlles os ollos”, engadindo de seguido “todos os magnates… elixiron para o reino o rei Ordoño, fillo de Afonso, o que fora cegado cos seus irmáns”. Neste sentido, o único rei Afonso cegado canda seus irmáns foi Afonso Froilaz, fillo de Froila II.

O fillo primoxénito de Afonso III, García, non chegou a reinar na Galiza nuclear, limitándose a súa xurisdición á area castelá e leonesa

Carriedo considera que Ordoño IV naceu dunha relación entre Afonso Froilaz e a nobre galega Mansuara Gondesteis. Mansuara foi filla de Godesteo Eiriz e de Gugina Vermudes, neta por vía paterna do conde Ero Fernandes e a súa muller Elvira é curmá, entre outros, de San Rosendo, da raíña Aragonta ou da condesa portuguesa Mumadona Dias. Así as cousas, Mansuara era parte da familia dos Goterres, sendo, entón, Ordoño IV integrante do núcleo duro da clase dirixente do reino cristián peninsular.

Un monarca tutelado por San Rosendo

A totalidade dos autores que se ocuparon de Ordoño IV coincidiron en sinalar que o monarca criouse na Galiza, sendo educado polo seu parente San Rosendo. A este respecto, non é casual que nove dos 11 testemuños documentais onde parece referido Ordoño antes de subir ao trono procedan do fondo do mosteiro de Celanova. Asemade, na práctica totalidade deles aparece asinando diplomas de doazóns de propiedades en beneficio do círculo familiar dos Goterres, significándose o seu nome a carón doutros membros destacados deste clan familiar. Precisamente, a súa primeira aparición produciuse a comezos de 935, con motivo da cesión dun terreo por parte da infanta Ximena, irmá de Ramiro, a San Rosendo, sobre o cal se ergue o mosteiro de Celanova. 

A súa relación coa casa real galega foi moi intensa. Malia que Afonso Froilaz ou Afonso IV, os seus posíbeis pais, foron executados por orde de Ramiro II, a presenza de Ordoño IV foi habitual desde 935 no séquito dese monarca. Outro tanto aconteceu durante o reinado de Ordoño III, polo que se supón un trato familiar coa familia real galega. Asemade, o seu titor, San Rosendo, era curmán de Ramiro II e persoa da máxima confianza deste e do seu sucesor. Neste sentido, non cabe dúbida de que o círculo persoal de Ordoño IV correspondeuse co grupo social que mantivo o poder no reino cristián peninsular durante, practicamente, dúas centurias.

Ordoño IV foi imposto no trono polo partido galego. Neste sentido, a diversa documentación que chegou sobre as razóns da súa entronización destacou o protagonismo no proceso. Así, nun documento do arquivo da catedral de Compostela recuperado por López Ferreiro, un nobre galego chamado Odoíno Vermudes sinalou que “naqueles días os condes galegos, conxuntamente cos magnates do palacio, maquinaron expulsar da súa corte a Sancho e dar o trono glorioso do reino a Ordoño, fillo de Afonso”.

Gallecia, no mapamundi do Beato de Valcavado, elaborado en Palencia en 970. (Foto: Biblioteca histórica de Santa Cruz en Valladolid)
Gallecia, no mapamundi do Beato de Valcavado, elaborado en Palencia en 970. (Foto: Biblioteca histórica de Santa Cruz en Valladolid)

A alternativa impulsada desde Galiza sumou a última hora, cando a situación estaba decantada, a unha parte da nobreza castelá. Neste sentido, a Crónica de Sampiro puxo de manifesto que “por certa xogada do exército, tramada por todos os magnates galegos, de acordo con Fernando, conde dos burgaleses, elixiron para o reino o monarca Ordoño”. Pola súa parte, o historiador Ibn Jaldún (Túnez, 1332-O Cairo, 1406), apuntou que “Sancho… era van e orgulloso… o seu poder debilitouse máis e máis… e os condes do seu reino rebeláronse contra el”.

A coroación na Catedral de Compostela

A comezos de marzo de 958, Ordoño IV foi coroado como rei galego na Catedral de Santiago de Compostela. Agás o bispo de León, Rodrigo, e o conde de Castela, Fernández González, que viña de mudar de bando, a totalidade dos asistentes eran membros da grande oligarquía galega, sinalándose, entre eles, San Rosendo, Paio Gonzales, o máis fiel colaborador de Ordoño III, Afonso Gondesteis, segundo algúns autores tío do monarca, Rodrigo Mendes, fillo de Mumadona Dias e irmán de Gonzalo Mendes, Lucido Aloitz, Goterre Rodrigues e Vermudo Ordoñes, futuro Vermudo II.

Ordoño non logrou o control da totalidade do reino galego até agosto. Malia que tras ser nomeado rei en Compostela puxo rumbo ás terras leonesas, a resistencia nesta área foi moi dura. Neste sentido, até o mes de maio, non chegou até León, cuxa alta nobreza defendeu a cidade do sitio dos galegos, facéndose forte no coñecido como “Castelo do rei” e na zona amurallada. Asemade, a finais de xuño, un nutrido grupo de tropas musulmás dirixidas polo nobre castelá Froila Vela, acudiron a reforzar os partidarios de Sancho II, sendo derrotados polas tropas de Ordoño e acelerando a caída de León.

A composición da curia rexia e as medidas gobernamentais deixaron claro o proxecto político de Ordoño IV. Neste sentido, as súas primeiras disposicións ían dirixidas a favorecer a clase dirixente galega, destacando as doazóns en favor do arcebispo de Compostela, Sisnando e a Osorio Goterres, popularmente coñecido como O Conde Santo, fundador do mosteiro de Vilanova de Lourenzá e tío do monarca. Asemade, o núcleo da administración real estaba composto por significados membros das grandes familias galegas como San Rosendo, Paio Gonzales e Rodrigo Mendes.

Ordoño IV tentou aumentar os seus apoios pola vía matrimonial, tecendo pontes con Castela. Neste sentido, explícase o seu matrimonio con Urraca Sánchez, filla do conde castelán Fernán González, anterior esposa do rei galego Ordoño III e futura muller do rei de Nafarroa Sancho Garcés. Porén, este casoiro rematou por debilitar aínda máis a posición de Ordoño IV, restándolle, ao tempo, seguidores nunha parte da nobreza galega, que o vía como un instrumento en mans da oligarquía de Castela. 

Un reinado dun ano

O seu reinado alongouse durante un ano. A comezos de marzo de 959, o retorno de Sancho II, apoiado por navarros, casteláns e musulmáns, era un feito, fuxindo Ordoño IV cara a terras de Asturias e, posteriormente, a Castela. A este respecto, un documento recollido no tombo de Celanova apunta que “Sancho... fuxindo a terra de mouros, regresou cun exército de pagáns. O devandito Sancho subiu ao solio e comezou a reinar despois de que Ordoño, fillo de Afonso, por medo á batalla, se dese á fuga desde o solio real”.

A súa acción de Goberno valorouna negativamente a maioría da historiografía, pasando a designalo como Ordoño IV “O Mao”, alcume ideado polo bispo de Oviedo, Paio, “O Falsario”. A visión sobre a figura de Ordoño viuse desfigurada pola reelaboración castelanista do pasado iniciada por Jiménez de Rada e continuada até hoxe por toda a escola españolista. Precisamente, o arcebispo de Toledo e home chave no aparello de Estado de Fernando III definiu a Ordoño IV como “vil, pusilánime, a efeminado, de conducta depravada e odioso para Deus e para os homes, nin sequera se atopou seguro en Asturias e, rexeitado por todos, marchou fuxindo cara ao seu sogro”. 

Poboado de Castro Candaz, situado en Chantada e actualmente anegado polo encoro de Belesar, escenario dunha batalla entre galegos e viquingos. (Foto: Nós Diario)
Poboado de Castro Candaz, situado en Chantada e actualmente anegado polo encoro de Belesar, escenario dunha batalla entre galegos e viquingos. (Foto: Nós Diario)

Ordoño desprazouse á cidade española de Córdoba buscando o apoio do califato. Segundo o grande historiador alxerino do século XVII Al Maqqari, autor dunha monumental historia de España en oito tomos, o califa Al Hakam prometeulle: “Conducirémoste ao teu país ... recibirás de nós tantos beneficios como recibiu o adversario do noso pai [Abdarrahmán] e enviarémosche un tratado no que fixaremos os límites do teu reino e do teu primo [Sancho]. Ademais, impediremos a este último que te inquiete no territorio que che terá que ceder”. Pola súa parte, o historiador tunesino Ibn Jaldún sinalou que “Ordoño, fillo de Alfonso, competidor de Sancho, achegouse a Córdoba para pedir socorro e o califa deulle tropas ás ordes de Ghalib [militar do califato de Córdoba]”.

A realidade foi ben distinta. Malia que o propio Al Hakam asinou un acordo con Ordoño IV polo que lle garantía asistencia militar para recuperar o reino, a cambio de comprometerse a unha política “de paz perpetua” co poder español e “ceder como refén un fillo chamado García”, os emisarios de Sancho II non tardaron en visitar Córdoba en busca dun novo pacto co califa. Así as cousas, o poder español non tardou en esquecer as promesas realizadas ao monarca galego, que morreu nesa cidade en 963.

Os viquingos no Reino da Galiza

As primeiras novas sobre a estadía dos viquingos no noso país poderían remontarse ao século VIII. Segundo o historiador sueco Melvinger, botando man das crónicas árabes, o primeiro contacto produciuse á volta da década do 790, e máis concretamente no 795, momento en que vascos e viquingos asentados en Gascuña acudiron en apoio ao rei galego Afonso II para repeler unha expedición árabe diante das costas galegas. Porén, o portugués Helio Pires, autor dunha monumental tese de doutoramento sobre a presenza dos pobos nórdicos na Galiza e Portugal, considera este argumento moi débil, mantendo como data da primeira incursión a tradicional do 844. 

Segundo Pires, nese ano, unha incursión marítima de xentes do norte que subiran polo río Garona e atacaran Toulouse (Francia) puxeron rumbo á costa cantábrica, sendo derrotados polas tropas do rei Ramiro I, após seren vítimas dunha tempestade, segundo a maioría das crónicas, na Coruña. Unha parte do corpo desta expedición continuou pola costa atlántica, atacando Lisboa e posteriormente Sevilla tras navegar río arriba polo Guadalquivir. Á volta do 858, outra armada de xentes do norte chegou ao Reino da Galiza, sendo derrotados na zona do Salnés por “un conde Pedro”, vasalo de Ordoño I, sinalando algúns autores que na mesma vaga foi asediada tamén Compostela, continuando o camiño até Lisboa.

As primeiras novas sobre a estadía dos viquingos no noso país poderían remontarse ao século VIII

A comezos do século X, segundo López Alsina antes do 912 e na opinión de Flórez  arredor do 934, documentouse a presenza dos viquingos en Tui. Un texto fala dun bispo obrigado a abandonar a diocese a consecuencia dos ataques da xente do norte e a refuxiarse no mosteiro de Labruxa, no actual concello de Ponte de Lima. Á volta de 951 atopábanse de novo na Galiza, nesta ocasión na cidade de Lugo, onde unha parte dos seus habitantes, concretamente os que debían servizo á igrexa de Santa María, comprometéronse a poboar a cidade para defendela dos viquingos. 

A medias entre 968 e 969, nesta ocasión mandados por Gunderedo, un novo ataque, que mesmo puido chegar ás terras do Cebreiro, rematou coa toma de Iria-Compostela, a derrota dos galegos e a morte do arcebispo Sisnando. Un texto datado arredor de 974, conservado no arquivo da catedral de Ourense, dá conta doutro ataque, nesta ocasión contra o mosteiro de San Xoán da Cova, situado na contorna de Ribas do Sil. A década final do século reservou outras referencias á presenza das xentes do norte no reino da Galiza, sexa en 992, na idea de Paulo Martínez, en Santo André de Boimente (Viveiro), sexa en 995 en Santalla de Curtis. 

As referencias á estadía dos viquingos no reino de Galiza do século XI son abondosas. Outra vez máis, Tui foi atacado antes de 1022, sendo destruída a cidade e o seu bispo Afonso capturado, o que provocou que a sé pasara a ser administrada primeiro polo bispo de Lugo e a partir de 1024 polo de Compostela, non volvendo a haber noticia dun prelado na diocese até 1071. Segundo un documento citado por Flórez en España Sagrada, á volta do 1032 certifícase a participación dunhas tropas mercenarias viquingas a carón do nobre galego Rodrigo Romaniz, no asalto ao “Castro Lupario”, nas proximidades da cidade de Lugo entón en mans duns soldados ao servizo do Reino de Navarra. 

A Historia Compostelá refire episodios importantes da presenza dos viquingos na Galiza. Así, dá conta en 1066 da morte do bispo Cresconio e do seu papel na construción de defensas contra os nórdicos na área do Salnés. Xa a finais da centuria, arredor de 1068, outro documento procedente do fondo do mosteiro de San Martiño de Xubia (Narón), refírese ao saqueo do mosteiro de San Xián do Mondego, no actual concello de Sada, por parte dos viquingos.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios