A ONU confirma que a xornalista palestina Abu Akleh foi asasinada por Israel

Shireen Abu Akleh foi alcanzada no rostro por unha bala disparada por un soldado israelí que a matou ao instante.
As forzas israelíes cargaron contra as persoas asistentes ao funeral de Shireen Abu Akleh. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)
photo_camera As forzas israelíes cargaron contra as persoas asistentes ao funeral de Shireen Abu Akleh. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)

Un informe elaborado pola Oficina da ONU para os Dereitos Humanos recolle que, tras analizar "todas as informacións recompiladas" por investigadores independentes, as evidencias confirman que Israel foi quen asasinou a xornalista palestina de Al Jazeera Shireen Abu Akleh.

A correspondente foi asasinada o pasado 11 de maio na cidade palestina de Yenín, durante unha operación do exército israelí contra a poboación desta urbe. Abu Akleh, que ía debidamente identificada cun casco e un chaleco coa palabra "Press" ("Prensa" en inglés), foi abatida por un soldado israelí dun disparo na cabeza.

A portavoz da oficina da ONU Ravina Shamdasani constatou que "os disparos non chegaron de palestinos armados, como defenderon inicialmente as autoridades israelís", e definiu como "alarmante" o feito de que as autoridades de Israel non iniciaran despois de case dous meses unha investigación criminal sobre o asasinato.

Para elaborar o informe, os investigadores recolleron as versións das forzas armadas israelís e da Fiscalía Xeral de Palestina. Segundo os testemuños de ambas partes, non existía actividade armada por parte de grupos palestinos no momento do asasinato.

Reconstrución dos feitos

O 11 de maio a primeira hora da mañá, a xornalista de Al Jazeera chegou á entrada oeste do campamento de refuxiados de Yenín onde nos últimos días se produciran varias agresións por parte de soldados israelís á poboación palestina do lugar.

Segundo relataron estes xornalistas, aquel día, e igual que noutras coberturas deste estilo, movéronse polo terreo de forma que en todo momento o exército israelí alí despregado fose consciente da súa presenza e do traballo que estaban a exercer.

Os xornalistas tamén explicaron que as forzas de Israel non lles fixeron ningún chamamento de atención sobre unha posíbel actividade militar na zona na que se atopaban.

Nese momento, producíronse os primeiros disparos. A pesar de levar un casco protector, unha bala dun soldado israelí impactou directamente contra a faciana de Shireen Abu Akleh, matándoa ao instante e provocando o shock de varios dos seus compañeiros, como se puido ver en varias imaxes desveladas por medios de comunicación palestinos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios