Israel ultima a invasión e a limpeza étnica en Gaza co aval dos Estados Unidos

Co apoio dos Estados Unidos, Israel prepara unha invasión terrestre de Gaza, nunha actuación contra os territorios palestinos ocupados que a Autoridade Palestina cualifica de xenocidio e a relatora especial da ONU do comezo dunha nova limpeza étnica perpetrada por Tel Aviv contra o pobo palestino.
Palestinos nunha escola da ONU no sur de Gaza tras fuxir dos ataques israelís. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Palestinos nunha escola da ONU no sur de Gaza tras fuxir dos ataques israelís. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

En 24 horas, advertiu a segunda feira a Organización Mundial da Saúde, comezará unha “verdadeira catástrofe en Gaza”, ao rematarse definitivamente a “auga, electricidade e combustíbel” por mor da intensificación do bloqueo do territorio palestino por parte de Israel hai dez días, que forzou a clausura de catro hospitais e atacou 111 instalacións sanitarias en toda Palestina.

Así e todo, o Ministerio de Interior gazatí alertou de que a poboación xa está a beber “auga insalubre” perante a imposibilidade de conseguir auga potábel entre corte xeneralizados de luz. Entrementres, o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, reiterou que a existencia de Israel está “en xogo”, tras salientar a súa intención de lanzar unha invasión terrestre da Faixa de Gaza, na que viven máis de dous millóns de persoas.

En paralelo, Tel Aviv prosegue cos ataques indiscriminados contra Gaza, que apenas resultaron na morte de altos cargos de Hamas. Aínda que a cifra oficial de palestinas e palestinos asasinados desde o comezo dos bombardeos ascende a 2.808, entre elas máis de 800 crianzas, autoridades locais cifran en cando menos 1.000 as persoas que fican baixo os cascallos.

Na fin de semana, a Organización das Nacións Unidas (ONU) elevou a máis de 1.300 o número de edificios destruídos en Gaza polos bombardeos israelís, que tamén acabaron coa vida de 14 traballadores da entidade e 37 persoas pertencentes a equipos médicos. Na vaga de ataques foron tomados como obxectivos desde ambulancias até un convoi de civís que fuxían —polas rutas indicadas por Israel— do norte de Gaza, así como xornalistas, 11 dos que foron asasinados. Máis dun millón de habitantes de Gaza tiveron que fuxir dos seus fogares polos bombardeos dos militares israelís

Amais, Exipto acusou Israel de “impedir” a entrega de axuda humanitaria polo paso fronteirizo de Rafah, en Gaza, tras o que foi bombardeado por Tel Aviv máis unha vez, como xa fixera con anterioridade logo de incitar o pobo palestino a fuxir por esa vía. O Exército israelí tamén protexe os colonos que protagonizaron case 70 ataques a civís palestinos en Cisxordania desde o 7 de outubro, case 1.000 no que levamos de ano, reporta a Oficina da ONU para Asuntos Humanitarios, matando entre os colonos e os militares 59 persoas. Tamén foi reportado un aumento da represión contra as persoas palestinas en territorio israelí.

En resposta, Hamas, que encabezou a incursión en Israel hai máis dunha semana na que morreron no mínimo 1.400 persoas, lanzou unha serie de ataques con mísiles contra Xerusalén e Tel Aviv, que obrigou a desaloxar rapidamente a Knesset, o lexislativo israelí.

Pola súa parte, Israel sinalou que 100.000 persoas foron desprazadas polo conflito e elevou a 199 o número de reféns cos que conta Hamas, que chamou a negociar o seu intercambio polos milleiros de presos palestinos en Israel. Varias persoas capturadas terían morto nos ataques israelís a Gaza, sostivo a organización palestina. “O obxectivo detrás deste bloqueo é a matanza e o desprazamento masivo”, denunciou a segunda feira o primeiro ministro palestino Mohammad Shtayyeh, que cualificou de xenocidio as accións israelís e sostivo que “o noso pobo non abandonará a súa terra por moi grandes que sexan os sacrificios”.

Ademais, reclamou “principalmente” aos Estados Unidos que interveñan para “deter a agresión, brindar protección aos civís e impedir o seu desprazamento”. Porén, Washington, que entrega anualmente 3.600 millóns de euros -na súa maioría en armamento- a Israel e enviou novos cargamentos de armas a Tel Aviv nos últimos días, é o principal aliado israelí, até o punto de que o presidente estadounidense, Joe Biden, proclamou que “se non existira Israel teríamos que inventalo”.

Ao tempo, Biden ordenou que un segundo grupo de ataque encabezado por un portaavións se achegue á rexión, entre múltiples advertencias aos países e organizacións de Asia Occidental para que non interveñan na defensa dos palestinos. Isto non impediu que o ministro de Exteriores de Irán, Hosein Amir Abdolahian, advertira que se os ataques contra Gaza continúan as entidades armadas agrupadas no Eixo da Resistencia “están preparadas e teñen os dedos no gatillo listos para disparar”.

A principal organización deste grupo que comprende faccións do Iraq, Siria, o Iemen e Líbano, a libanesa Hezbollah, intercambiou disparos con Israel nas últimas xornadas e ameazou cunha resposta contundente no caso dunha invasión terrestre de Gaza. O grupo conta con 200.000 mísiles apuntando Israel, que comezou a evacuación dos asentamentos na fronteira co Líbano.

No Iraq, o Parlamento reclamou a activación do Tratado de Defensa da Liga Árabe, que estabelece que unha agresión contra un dos países membros supón un ataque contra todos os demais. Desde Beijing, o titular de Exteriores chinés, Wang Yi, cuestionou que a agresión israelí “foi máis aló da defensa propia”, e atribuíu a situación á “inxustiza histórica” contra o pobo palestino, defendendo a solución dos dous Estados, que Israel impide, como a única vía para acabar co conflito. A súa vez, Rusia demandou un alto o fogo e comunicou que está en contacto con todas as partes implicadas.

Como se xustifica unha limpeza étnica?

Territorio palestino antes da aparición de Israel, en 1949 e agora.
Territorio palestino antes da aparición de Israel, en 1949 e agora.

A relatora especial da ONU nos territorios palestinos ocupados, Francesca Albanese, incidiu en que o pobo palestino está a piques de sufrir a terceira limpeza étnica perpetrada por Israel, despois da de 1948 e 1967, que obrigou a fuxir máis dun millón de palestinos para salvar a vida, e criticou que altos cargos israelís “avoguen abertamente” por ela.

Na Unión Europea, Alemaña e Francia prohibiron as manifestacións de apoio a Palestina, e o bloque comunitario negouse a condenar Israel pola vaga de ataques contra a poboación civil. O chanceler alemán, Olaf Scholz, achacou o sufrimento das e dos civís a “Hamas e o seu ataque a Israel”.

En Israel, o ministro de Defensa, Yoav Gallant, afirmou que “estamos a loitar contra animais humanos e así procederemos”, cualificando os combatentes palestinos como “bestas”, á vez que May Golan, ministra de Dereitos da Muller, chamou a “destruír até a medula” os residentes de Gaza.

Nesa onda de deshumanización do pobo palestino, o líder dun grupo de colonos israelís difundiu que 40 bebes foran decapitados na incursión de Hamas, algo que replicaron de forma masiva medios occidentais. O propio Biden asegurou que viu imaxes “verificadas de terroristas decapitando nenos”, algo que a Casa Branca tivo que desmentir con posterioridade.

Aínda así, o Exército israelí repetiu que atoparon bebes decapitados, mais Tel Aviv non ofreceu ningunha cifra de crianzas falecidas no operativo de Hamas. A formación palestina, que goberna a Faixa de Gaza, retou Israel a amosar algunha imaxe de que “Hamas matou nenos”, negando ter asasinado civís e instando a diferencialos dos colonos, e publicou vídeos da incursión con combatentes coidando crianzas israelís.

O certo é que a pesar de que o primeiro ministro israelí apunta que buscan destruír Hamas, un militar entrevistado na CNN subliñou que a “guerra é contra todos os civís” palestinos. No marco desta situación, unha crianza palestina de seis anos foi asasinada xunto a súa nai nos Estados Unidos, o que foi difundido por axencias como AP como un ataque contra “musulmáns”. “Non somos animais, somos humanos”, proclamou Yousef Hannon, tío do neno falecido.

Nazis e Estado Islámico

Netanyahu, que encabeza un Goberno de extrema dereita, reitera para xustificar a limpeza étnica que Hamas é comparábel á extrema dereita da Alemaña nazi e ao Estado Islámico. Nese sentido, o presidente colombiano, Gustavo Petro, recalcou que “estiven no campo de concentración de Auschwitz e agora véxoo calcado en Gaza”. En todo caso, até o de agora non se produciu ningunha limpeza étnica de israelís por parte da ocupada Palestina, que tampouco conta cun Exército propio.

No que atinxe ao Estado Islámico, soldados sirios e rusos atoparon hai cinco anos armas israelís e estadounidenses nas mans dos xihadistas, ademais doutros dispositivos militares. Nese sentido, a revista Foreign Policy confirmou que, cando menos entre 2013 e 2018, Israel armou e financiou grupos terroristas xihadistas que loitaban contra o Goberno sirio.

De feito, a propia Hamas foi creada por Israel, admitiu ao xornal The Wall Street Journal Avner Cohen, ex funcionario de asuntos relixiosos de Israel, o que corroborou o xeneral israelí Yitzhak Segev, recoñecendo que procuraran crear un contrapeso á progresista Organización para a Liberación de Palestina liderada por Yasser Arafat.

En última instancia, malia que Netanyahu fixo fincapé no carácter “xudeu” de Israel, como fixa a súa lexislación, multiplicáronse nos últimos días as protestas de organizacións xudías contra o ataque a Gaza, como aconteceu cunha formación estudantil xudía na Universidade de Harvard, nos Estados Unidos, que se sumou a unha declaración que “responsabiliza totalmente o réxime israelí de toda a violencia”.

Comentarios