O Celta terá sección de fútbol feminino

A entidade presentará o 9 de maio o seu proxecto deportivo sumando nel á Unión Deportiva Mos.

O filial feminino da UD Mos no campo do Boiro este pasado mes de abril (Foto: UD Mos).
photo_camera O filial feminino da UD Mos no campo do Boiro este pasado mes de abril (Foto: UD Mos).

Coincidindo co seu centenario, o Celta anunciou, a través dun comunicado, que o 9 de maio presentará un novo proxecto para contar cun equipo feminino na entidade.

“Igual que hai 100 anos, dous clubs únense para forxar un máis forte, que represente a Vigo e a Galiza”, asegura o club que preside Marián Mouriño, “RC Celta e Unión Deportiva Mos suman as súas forzas para lanzar un proxecto diferente e ilusionante”, engade.

A proposta será “sostíbel e con identidade propia”, din no Celta, e traballará para que “o club celeste enriqueza a súa canteira, o seu crecemento e a súa proxección co fútbol feminino”.

Partindo da UD Mos

A sección de fútbol feminino da UD Mos será “o embrión” deste proxecto baseado na canteira. Segundo o club celeste, “a competitividade e a ambición” da proposta servirán para completar ao Celta “e impulsar de maneira notábel este deporte no sur da Galiza, coa Madroa, a fábrica de talentos do club, como o seu gran centro de operacións e a canteira como piar fundamental”.

O equipo nacerá a próxima tempada en Terceira Federación e contará, ademais, con equipos infantil, cadete e filial, “coa clara vocación de crecer sen pausa apoiándose na formación de xogadoras”.

Por último, o Celta cre que o novo proxecto “é unha oportunidade para as nenas de Vigo e a súa área” e supón dispor “dos recursos adecuados para loitar polo seu soño: xogar ao fútbol”.

A UD naceu en 1976 coa fusión de dous pequenos clubs de barrio, o Petelos e o Planeta, co obxectivo de unir as súas forzas para crear un club maior, que aglutinase o fútbol da zona.

En 1979, despois de tres tempadas deambulando polos campos, o club consegue a súa propia instalación, Campo de fútbol As Baloutas.

O club conta máis 300 xogadoras e xogadores con licenzas federativas, de idades comprendidas entre os 3 e os 35 anos baixo a coordinación de 30 adestradoras e adestradores.

Comentarios