Gaza, de novo sen conexión mentres a ofensiva non cesa, con case 8.800 mortos, e Israel volve apuntar aos hospitais

O paso de Rafah abriu hoxe para evacuar a Exipto os cidadáns con pasaporte estranxeiro e algúns feridos de gravidade. En Cisxordania, que hoxe declarou unha folga xeral, proseguen tamén os ataques israelíes, con máis de cen mortos e varios centos de detidos. Un de cada tres palestinos encarcerados en Israel non foi sometido a xuízo.
Edificios reducidos a cascallos en Jabalia, Gaza. (Foto: Fadi Wael Alwhidi / DPA)
photo_camera Edificios reducidos a cascallos en Jabalia, Gaza. (Foto: Fadi Wael Alwhidi / DPA)

Co pretexto de abater un "alto líder de Hamás", o Exército israelí protagonizou esta terza feira un dos ataques máis mortíferos sobre Gaza desde que iniciou a súa ofensiva o pasado 7 de outubro. Centos de feridos e mortos —uns 400, segundo as primeiras estimacións das autoridades palestinas— foron o resultado dos bombardeos sobre o campo de refuxiados de Jabalia, no norte da Faixa, que quedou "completamente destruído" e deixou cráteres de enormes dimensións. Froito destes ataques morreron outros sete reféns de Hamás—entre eles tres estranxeiros, informa o xornal Filastin—, afirmou o seu brazo armado, as Brigadas Ezzeldín al-Qassam.

Hamás xa propuxo en máis dunha ocasión intercambiar os reféns polos milleiros de presos palestinos en prisións israelíes, moitos deles froito de detencións arbitrarias. E así o ratifica esta cuarta feira o Servizo Penitenciario de Israel —citado polo xornal Haaretz— que cifra en nada menos que 6.704 os cidadáns de nacionalidade palestina encarcerados en Israel. Deles, a terceira parte (2.070), permanecen detidos sen seren sometidos a un xuízo. E 105 son residentes de Gaza identificados como "combatentes ilegais" nos ataques do pasado 7 de outubro e "non teñen dereito ao status de prisioneiros de guerra".

Até 1.512 palestinos foron encarcerados durante o último mes, aos que hai que engadir perto de 4.000 traballadores gazatíes que foron trasladados a campamentos militares na Cisxordania ocupada após revogarlles os seus respectivos permisos de traballo. Esta mesma cuarta feira, precisamente, a cidadanía palestina nesta rexión e a cidade de Xerusalén Leste está en folga xeral en protesta polos indiscriminados ataques contra civís en Gaza. A folga foi convocada polo partido gobernante, Fatah, e afecta a totalidade das actividades e sectores comerciais do país.

Segundo o observatorio B'Tselem, un total de 1.131 palestinos permanecían en xuño de 2023 —último mes con datos dispoñíbeis— detidos arbitrariamente, sen causas imputábeis, no que denomina 'detencións administrativas', un procedemento que permite ao Exército israelí encarcerar persoas de maneira indefinida sen cargos nin xuízo. Deles, 18 son menores de idade, aos que se suman outros 142 que fican detidos por Israel sen tratarse de 'detencións administrativas', mais só 34 con sentenza firme e a meirande parte deles residentes en Cisxordania.

A violencia tampouco cesa nestoutra rexión palestina, onde tanto militares como colonos israelíes protagonizaron no último mes numerosos crimes contra a poboación civil. Na madrugada desta cuarta feira o Exército asasinou a tiros tres palestinos na cidade de Xenín, albo tamén dun forte ataque esta pasada segunda feira. E en Tulkarm os militares mataron un ancián de 65 anos con necesidades especiais identificado polo Goberno palestino como Magdi Zakaria Yousef, no marco dun tiroteo nunha zona residencial contra varias vivendas.

A incursión israelí en Xenín saldouse tamén coa detención do líder de Fatah —o partido do presidente Mahmoud Abbas— na cidade, Atta Abu Rumaila, sinalan varios medios locais. Días atrás, Rumaila reivindicara a unión da súa forza política con Hamás, a Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP) e outras organizacións do país. No último mes máis de cen palestinos morreron en Cisxordania a mans de colonos, policías e militares israelíes, aos que se suman as 8.796 vítimas mortais en Gaza neste período.

Voltando precisamente á Faixa, Israel, logo de situar no albo como "bases operacionais de Hamás" varios hospitais como os de Shifa e al-Quds e realizar ataques aéreos nas súas inmediacións, vén de acusar a OMS de dar "carta branca aos terroristas para usaren infraestruturas sanitarias para os seus actos" e porfiou na súa teoría —rebatida por persoal sanitario e xornalistas— de que moitos dos centros sanitarios son usados para atacar o seu país. "Os hospitais nunca deberan ser un obxectivo, pero tampouco seren usados como escudo".

Esta cuarta feira abriu o paso fronteirizo de Rafah, que conecta Gaza con Exipto, para permitir a evacuación de decenas de feridos de gravidade e a saída das persoas con pasaporte estranxeiro, sen que transcendesen aínda as cifras concretas. Perto de Rafah, en Sheij Zueid, está a instalarse un hospital de campaña con 50 camas para axudar a tratar os centos de feridos polos bombardeos que non cesan.

Nestes momentos as comunicacións por internet e telefonía móbil, após sufriren numerosas interrupcións nos últimos días, volven estar cortadas. "Lamentamos anunciar que houbo unha interrupción total de todas as comunicacións e servizos de Internet coa Faixa de Gaza, debido a que as rutas internacionais que antes estaban reconectadas foron cortadas de novo", alertaron a través das redes sociais as operadoras palestinas Jawwal e Paltel hai escasos minutos.

Cruzando o 'charco', á outra beira do Atlántico, a tensión e os reproches contra Israel medran en América. O Goberno boliviano anunciou xa que rompe relacións diplomáticas con Tel Aviv, mentres outrs como os de Chile e Colombia chaman a consultas os embaixadores israelíes nos seus países para analizar a crise humanitaria en Gaza derivada da ofensiva orquestrada polo Executivo de Benjamin Netanyahu.

Comentarios