Negociacións frenéticas para evitar que se reactive a agresión israelí a Gaza

Tras a extensión hoxe do alto o fogo en Gaza cando estaba a piques de expirar, as negociacións continúan para unha nova prórroga. Se non teñen éxito a tregua acabaría ás 6 da mañá da sexta feira. Ao tempo, a poboación da Faixa denuncia a carencia de alimentos.
Supermercado baleiro en Khan Younis, no sur do territorio palestino da Faixa de Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Supermercado baleiro en Khan Younis, no sur do territorio palestino da Faixa de Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
Apenas 10 minutos antes de que rematase o alto o fogo na Faixa de Gaza entre Hamás, a organización que goberna o territorio palestino, e o Executivo de extrema dereita en Israel, as partes confirmaron na mañá de hoxe a súa extensión un día máis, até as 6 da sexta feira na Galiza.

Durante a sétima xornada da tregua, na que estaba previsto que foran intercambiadas 10 mulleres e menores de idade israelís cativas en Gaza por 30 mulleres e menores de idade palestinas presas en Israel, o grupo palestino trasladou que Israel se negou a organizar a recollida de tres “corpos de prisioneiros israelís” mortos nos bombardeos contra Gaza. Antes, comunicara que unha crianza de 10 meses, o seu irmán de catro e a súa nai faleceran.

Qatar, o principal mediador, e Exipto -que canda os Estados Unidos completa o grupo de intermediarios- premeron para que o cesamento de hostilidades se prorrogue cando menos dous días máis, até a primeira hora do domingo, indicou o Servizo de Información estatal exipcio, que afirmou que o país “seguirá facendo os seus máximos esforzos para garantir o fluxo continuo de axuda humanitaria”.

De visita en Israel -onde participou na reunión do Gabinete de guerra- e na ocupada Cisxordania, o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, subliñou que a tregua está a “producir resultados”, polo que debería ser estendida, e considerou “imperativo” protexer os civís no sur de Gaza ante unha eventual ampliación da invasión israelí ao norte do territorio.

Nese sentido, o ex negociador israelí con Palestina Daniel Levy asegurou que “aparentemente, os estadounidenses están dicindo: Escoita, estamos contigo para que continúes coa túa misión militar, pero podes facelo doutra maneira?”. “Por que alguén tería fe en que Israel faga isto de forma diferente?”, inquiriu.

Asemade, detallou que a medida que se reduza o número de civís capturados en Gaza o alto o fogo terá que ser renegociado, algo que choca coas intencións do liderado israelí de reactivar a agresión militar, e defendeu que a idea de “todos por todos”, en alusión ao propósito de Hamás de intercambiar os soldados israelís no seu poder por todos os presos palestinos en mans de Israel, conta cun “sorprendente” apoio entre a poboación israelí.

Entrementres, en Xerusalén, zona que como o resto de Cisxordania non forma parte da tregua, Hamás reivindicou un ataque armado que deixou tres persoas israelís mortas, amais dos dous atacantes, e dous militares israelís foron feridos nun intento de atropelo nun asentamento sionista no norte cisxordano, no que o condutor morreu abatido a tiros.

Nesa mesma rexión, 24 horas antes as tropas israelís protagonizaran unha incursión masiva no campo de refuxiados de Xinin na que mataron catro persoas, dúas delas menores de 8 e 15 anos.

Xa en Gaza, o Ministerio de Saúde denunciou que desde o 7 de outubro máis de 15.000 palestinas e palestinos foron asasinados polos ataques israelís, incluíndo máis de 6.150 nenas e nenos. Porén, a cifra real é seguramente máis alta, posto que no mínimo 7.000 persoas están desaparecidas ou soterradas baixo os cascallos. Até 36.000 ficaron feridas.

A este aumento “dramático” das necesidades de saúde na Faixa hai que engadir que “agora están sendo atendidas por un terzo dos hospitais e clínicas de atención primaria”, recalcou Tedros Adhanom Ghebreyesus, director xeral da Organización Mundial da Saúde.

O último informe da entidade sobre Palestina sinala que documentou 427 ataques israelís contra centros sanitarios ao longo das case sete semanas de agresión militar contra Gaza.

"Non podemos conseguir nin fariña"

“Toda a xente aquí quere que a guerra remate para que poidamos regresar aos nosos fogares e ver que lle pasou ás nosas familias”, explicou Samir Yaghi, un dos 1,7 millóns de habitantes de Gaza desprazados polos bombardeos indiscriminados de Israel, que critica que as persoas que fuxiron dos seus fogares “non podemos conseguir nin sequera cousas básicas como fariña” aínda co aumento da axuda humanitaria ao territorio pola tregua, que segue a ser menos do que se precisa.

Ao respecto de Israel, o primeiro ministro Benjamin Netanyahu comprometeuse a “seguir expandindo a entrega de armas a civís” tras insistir en que a guerra non rematou. Non obstante, o xornal The Times of Israel revelou o temor da póla máis conservadora do Goberno a que “ceda á presión internacional para avanzar cara a un alto o fogo permanente”.

Con todo, o diario The Wall Street Journal recolleu que autoridades israelís discutiron cos Estados Unidos escenarios dunha Gaza sen Hamás, o obxectivo militar declarado por Israel mais que até os medios locais admiten que está moi lonxe de lograrse.

En contestación a esas propostas, os países árabes e boa parte do Sur Global co apoio da ONU reclaman que calquera solución pase pola creación dun Estado palestino sen ocupación israelí. O ministro de Relacións Exteriores chinés, Wang Yi, demandou no Consello de Seguridade da ONU estabelecer unha folla de ruta e un cronograma “concreto” para levalo a cabo, salientando que o dereito do pobo palestino a ter un Estado propio non pode ser negociábel.

1.300 artistas acusan Occidente de represión por apoiar Palestina

As institucións culturais dos países occidentais son responsábeis de “reprimir, silenciar e estigmatizar as voces e perspectivas palestinas”, ao tempo que se basean nunha “inquietante dobre vara de medir” ao non estender ao pobo palestino “as expresións de solidariedade que se ofreceron facilmente a outros pobos que enfrontan unha opresión brutal”, denunciaron hoxe nunha carta pública máis de 1.300 artistas como a gañadora do Oscar Olivia Colman.

Nunha misiva na que pediron ao sector da cultura que apoie un alto o fogo, defenda as persoas represaliadas e amplifique as e os artistas palestinos, citaron o aprazamento dunha exposición de Ai Weiwei no Reino Unido, a cancelación de exposicións de Anais Duplan e Candice Brietz en Alemaña ou o despido da actriz Melissa Barrero de Scream VII por apoiar Palestina.

Con Alemaña, os Estados Unidos é o lugar onde se están a vivir máis casos similares, co despido do redactor xefe de Artforum ou da revista científica eLife e a expulsión de Susan Sarandon da súa axencia de representación.

No que atinxe aos medios, oito xornalistas da canle británica BBC acusárona de parcialidade a favor de Israel na cobertura do conflito, evitando divulgar tanto o contexto histórico como informacións que humanicen os civís palestinos.

Comentarios