Esténdese no mínimo dous días máis o alto o fogo na agresión israelí á Faixa de Gaza

No medio da presión internacional contra Israel para que prolongue a tregua en Gaza, Qatar informa dunha primeira extensión de dous días que tamén está baseada no intercambio de persoas prisioneiras en Israel e no territorio palestino. 
Palestinos entre os cascallos da localidade de al Zahra, no centro da Faixa de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Palestinos entre os cascallos da localidade de al Zahra, no centro da Faixa de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Antes do intercambio diario de persoas capturadas en Gaza desde a operación palestina do 7 de outubro por presas e presos palestinos en Israel, o último no alto o fogo de catro días entre Hamás, que goberna a Faixa, e o Executivo israelí de extrema dereita, que freou a agresión israelí contra o territorio fronteirizo con Exipto, Majed al Ansari, voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores de Qatar, que liderou a mediación que levou ao acordo, confirmou hoxe un entendemento para “prorrogar a tregua humanitaria por dous días máis”.

Pouco despois, a organización palestina ratificou nun comunicado que a extensión replica as mesmas condicións que o pacto orixinal. Horas antes, medios israelís publicaran que o Goberno liderado por Benjamin Netanyahu estaba a agardar a resposta de Hamás sobre a prórroga. Á hora do feche desta edición, Israel non trasladara a súa aceptación da prórroga, o que si corroborou un funcionario dos Estados Unidos.

Á vez, Diaa Rashwan, director do Servizo de Información Estatal de Exipto, outro dos países que participaron na mediación do acordo de tregua, explicou que a prórroga implica a liberación nas 48 horas de 20 persoas capturadas en Gaza e 60 encarceradas por Israel.

Após incidir antes do comezo do alto o fogo o Gabinete israelí en que non aceptaría que a pausa nos combates se alongase máis de 10 días en total antes de reactivar a agresión contra Gaza, un funcionario israelí citado pola axencia Reuters fixou en cinco días o máximo que aceptarán prolongar a tregua.

No último intercambio no marco do pacto orixinal, Hamás prevía entregar 11 persoas, entrementres, Israel tiña que facer o propio con 33 palestinas e palestinos. Amais das 50 mulleres e menores de idade que a organización palestina conveu en soltar, tamén ceibou 17 cidadáns tailandeses, un filipino e outro con dobre nacionalidade de Israel e Rusia en “recoñecemento da posición rusa en apoio á causa palestina”. Pola súa parte, Israel liberou as 150 mulleres e menores de idade palestinos pactados.

Presión contra Israel

A extensión do cesamento das hostilidades decorreu no marco dunha presión internacional cada vez maior contra Israel para deter unha agresión militar que matou case 15.000 persoas en sete semanas, delas máis de 6.000 eran crianzas, e que para persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) constitúe unha limpeza étnica e un xenocidio contra o pobo palestino.

Ademais das protestas que protagonizaron millóns de persoas en todo o mundo, que se suman á ruptura de relacións ou á retirada dos embaixadores en Israel por parte de dez Estados e ás denuncias por xenocidio e crimes de lesa humanidade ante a Corte Penal Internacional, tamén os Estados Unidos, canda a Unión Europea (UE) os principais aliados israelís, están a constituírse nun dos obxectivos das mobilizacións.

As marcas occidentais están a sufrir nos Estados árabes un importante boicot, ao tempo, reportáronse máis de 70 ataques das organizacións agrupadas no Eixo da Resistencia a bases militares estadounidenses no Iraq e Siria e o secuestro dun buque comercial israelí no Iemen.

En Washington, ás masivas marchas multitudinarias a favor de Palestina, con moitas accións nesta liña por parte de asociacións xudías, engádense as críticas no seo da Administración ao apoio fechado a Israel, cada vez máis cuestionado a medida que se facían públicos os múltiples masacres perpetrados por Israel contra civís palestinos.

O cambio na opinión pública levou a que máis votantes do Partido Demócrata do presidente Joe Biden, até 39%, teñan unha maior simpatía por Palestina que por Israel, que quedou en 35%, revela un estudo demoscópico da Universidade de Quinnipiac, no Estado de Connecticut. Neste contexto, o propio Biden reiterou que estiveron a traballar para estender a duración da tregua aínda que funcionarios do país trasladaron que non acepta que o alto o fogo se transforme en indefinido.

Xa no Estado de Vermont, un home de 48 anos foi detido como sospeitoso do intento de asasinato de tres estudantes universitarios de orixe palestina o sábado pola noite. A Comisión Antidiscriminación Árabe-estadounidense sostivo que “hai motivos para crer que este tiroteo ocorreu posto que as vítimas son árabes” e reclamou investigalo como un crime de odio. Un neno palestino de seis anos foi asasinado no país en outubro nun caso que as autoridades vincularon coa agresión israelí.

Aínda que nin Washington nin Bruxelas chegaran a pedir un alto o fogo, o Alto representante para a Política Exterior da UE, Josep Borrell, fixo fincapé na necesidade de que se converta en permanente, “vinculado a un proceso político” que remate na creación dun Estado palestino, mais sen ocupación israelí.

Estas declaracións producíronse logo de que Francia, Bélxica, Irlanda ou o Estado español demandaran un alto o fogo e criticaran a morte de civís palestinos, o que non evita que Madrid estea a ultimar un contrato por valor de case 300 millóns de euros para comprar mísiles a unha empresa israelí.

A ONU pide que a tregua se converta en definitiva

É preciso que o “diálogo continúe” para alcanzar un “alto o fogo humanitario definitivo” en Gaza, subliñou hoxe Stéphane Dujarric, voceiro da Secretaria Xeral da ONU, que solicitou “a todas as partes utilizar a súa influencia para acabar con este tráxico conflito” a través da solución dos dous Estados.

O mesmo reclamou a Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, e o Programa Mundial de Alimentos do organismo internacional relatou que unha misión sobre o terreo informou de “fame, desesperación e destrución” na cidade de Gaza, unha zona onde a fin de semana entraron as primeiras subministracións humanitarias desde o comezo do asedio israelí, previo ao intento de invasión terrestre do norte da Faixa.

Así e todo, Mohammed Zaqout, director xeral de hospitais de Gaza, trasladou que os centros médicos no norte da Faixa non recibiran até o de agora combustíbel, imprescindíbel para xerar electricidade e manter en funcionamento as instalacións, e sinalou que ao longo da agresión Israel destruíu 21 hospitais privados e 13 públicos en todo o territorio palestino.

Onde non cesaron na tregua as incursións israelís é en Cisxordania, lugar no que foron asasinadas 223 persoas por tropas e colonos desde o 7 de outubro, segundo as cifras ofrecidas pola ONU.

Comentarios