Primeiro intercambio de presas mentres Israel viola o alto o fogo

Case 15.000 persoas foron asasinadas polos ataques indiscriminados de Israel desde o 7 de outubro contra Gaza.
Un grupo de palestinos saen da cidade de Gaza tras o comezo da tregua, que como mínimo durará catro días de ter éxito. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Un grupo de palestinos saen da cidade de Gaza tras o comezo da tregua, que como mínimo durará catro días de ter éxito. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Hoxe, no primeiro día do alto o fogo de catro xornadas pactado na Faixa de Gaza polo Executivo de extrema dereita en Israel e a organización palestina Hamás, que goberna o territorio, apenas se produciron violacións da tregua, e levouse a cabo con éxito o primeiro intercambio de persoas capturadas. Ademais dun grupo de 13 mulleres e menores de idade israelís que permanecían en Gaza desde a operación da resistencia palestina o 7 de outubro, tamén foron liberados 10 tailandeses e un filipino de forma unilateral pola formación palestina grazas a unha mediación exipcia.

En paralelo, 39 mulleres e menores de idade palestinos foron liberados de prisións israelís, todo isto no medio da represión do réxime do apartheid sionista, que advertiu as persoas antes da súa liberación que estaban prohibidas as celebracións, ameazando con detelas de novo de ondearse bandeiras palestinas e participar en actos de celebración ou até por “amosar algún signo de alegría”, transmitiu o pai dunha das liberadas.

Na prisión de Ofer, situada na ocupada Cisxordania, centos de persoas achegáronse para recibir as e os palestinos liberados antes de que o Exército israelí lanzase bombas lacrimóxenas para tratar de dispersalas. Nese territorio, máis de 200 persoas foron asasinadas polas tropas e colonos israelís nas últimas sete semanas. Ao respecto das e dos israelís liberados, o Goberno trata de manter o control sobre as súas declaracións públicas, referiu o medio local Canal 12.

No que atinxe ás violacións da tregua, o acordo divulgado por Hamás indicaba que Israel garantiría a libre circulación da poboación de Gaza, e non atacaría nin arrestaría ninguén. Tamén se incluía que non efectuaría movementos dos seus vehículos militares, que forman parte do intento de invasión do norte da Faixa.

Porén, poucas horas despois da entrada en vigor do alto o fogo foron confirmados movementos dos vehículos militares dos ocupantes en Gaza, e lanzaron panfletos advertindo as persoas refuxiadas no sur que non tratasen de desprazarse ao norte.

Dúas persoas palestinas foron asasinadas e 11 resultaron feridas cando trataban de cruzar o paso, sinalou a axencia AP. Case 15.000 persoas foron asasinadas polos ataques indiscriminados de Israel desde o 7 de outubro contra Gaza.

Comentarios