Negociacións en marcha: Gaza, en suspenso ante un eventual final da tregua

Dúas fontes en Lugo e na Coruña amenceron hoxe tinguidas de vermello no Día Internacional de solidariedade co pobo palestino, entrementres, as negociacións para estender o alto o fogo en Gaza chegan ao límite nunha tregua que de non prorrogarse finaliza mañá.
Evacuación dunha persoa ferida no norte de Gaza o pasado sábado. (Foto: Adel Al Hwajre / Zuma Press)
photo_camera Evacuación dunha persoa ferida no norte de Gaza o pasado sábado. (Foto: Adel Al Hwajre / Zuma Press)

Á hora do feche desta edición, Qatar, o principal mediador entre o Executivo de extrema dereita israelí e a forza de Goberno en Gaza, a organización palestina Hamás, trataba de impulsar unha nova prórroga da tregua que entrou en vigor na Faixa a pasada sexta feira, e que, de non estenderse, rematará na mañá da quinta feira.

Tras a fin dos catro días que comprendía o pacto orixinal, alongouse dúas xornadas máis o entendemento mantendo a mesma base, o intercambio de persoas palestinas presas en Israel a cambio de israelís detidas en Gaza desde a operación palestina do 7 de outubro.

180 mulleres e menores de idade palestinos foron liberados a raíz do comezo do cesamento de hostilidades, o mesmo que aconteceu con 60 mulleres e menores de idade israelís. Ademais, Hamás tamén liberou de forma unilateral 19 tailandeses e un filipino, así como tres rusos-israelís, en agradecemento á posición de Rusia en defensa da causa palestina. Hoxe estaba previsto o último intercambio da primeira prórroga da tregua, 10 mulleres e menores israelís por 30 mulleres e menores palestinos.

Pola súa parte, o voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores de Qatar, Majed al Ansari, desvelou na canle CNN que xa se están a producir conversas relacionadas coa liberación de homes civís e arredor do intercambio de soldados israelís coa perspectiva dunha “tregua máis longa”.

Á vez, un alto funcionario israelí sinalou ao xornal The Wall Street Journal que “a tregua actual pode estenderse máis alá desta semana”, após prometer o Executivo israelí encabezado por Benjamin Netanyahu que non aceptarían que o alto o fogo durase máis de 10 días. Tamén indicou que Israel está aberto a negociar sobre homes civís e soldados unha vez liberadas todas as mulleres e menores de idade.

Entrementres, Hamás comunicou á axencia AFP a súa disposición a aceptar unha nova prórroga de catro días nos mesmos termos.

Aínda que Netanyahu se volveu comprometer hoxe a reactivar a agresión contra Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran unha limpeza étnica e un xenocidio, até o seu principal aliado, os Estados Unidos, pediu que se estenda a tregua após non demandar en ningún momento un alto o fogo, iso si, despois dunha “presión pública xeneralizada”, describe a canle Al Jazeera, contra o presidente Joe Biden co fin de que premese Israel para que aceptase un alto o fogo, e que incluíu ameazas de grupos de presión árabes e musulmáns de que non financiarían a súa campaña electoral en 2024, ano no que aspira á reelección, e masivas manifestacións no país e en todo o mundo para exixir acabar cos masacres cometidos por Israel.

Arredor de 15.000 persoas palestinas, entre elas máis de 6.000 crianzas, foron asasinadas en Gaza polos bombardeos indiscriminados de Israel contra os civís no territorio palestino, ao que hai que engadir un intento de invasión terrestre do norte da Faixa.

Alí, obrigaron os equipos médicos do Hospital Pediátrico al Nasr e do Hospital Al Rantisi a abandonar os centros cando os asaltaron, xustificándose en que a Cruz Vermella ía de camiño para encargarse de cinco bebés que naceran recentemente.

Non obstante, os seus corpos “en estado de descomposición foron atopados nas camas cando finalmente varias persoas lograron ingresar” aos hospitais a segunda feira, informou o Ministerio de Saúde de Gaza.

Os bombardeos sistemáticos tamén afectaron ás persoas israelís capturadas pola resistencia palestina. Hamás confirmou hoxe que unha crianza de 10 meses, o seu irmán de catro anos e a súa nai morreron durante os ataques israelís á Faixa.

Yahya al Sarraj, alcalde da cidade de Gaza, acusou as forzas israelís de impedir a entrada de combustíbel e recalcou que a axuda “non é suficiente nin en cantidade nin en calidade”, advertindo dun “desastre de saúde pública”.

O director xeral da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom Ghebreyesus, alertou de que a “falta de alimentos, auga, saneamento e hixiene básica, xestión de residuos e acceso a medicamentos” provocou 110.000 infeccións respiratorias agudas e 75.000 casos de diarrea, case a metade en crianzas de menos de cinco anos. 1,3 millóns de persoas en Gaza sobreviven en refuxios.

Onde non houbo tregua foi en Cisxordania. O Exército sionista efectuou unha nova incursión contra o campo de refuxiados de Xinin, na que asasinou catro palestinos, dous deles menores, un de oito anos e outro de 15. Amais, obrigou os residentes do barrio de ad Damj a fuxir dos seus fogares antes de destruír varias estradas e canalizacións de auga e deter 20 persoas. 242 persoas palestinas morreron no territorio ocupado desde o 7 de outubro a mans dos militares ou dos colonos israelís.

Dous Estados

Malia que Israel programou expulsar o pobo palestino de Gaza cara a Exipto ao final da agresión militar e ocupala, a presión internacional forzou os Estados Unidos a rexeitar publicamente unha ocupación militar israelí do territorio e a expulsión de palestinos, causando as primeiras fendas na relación mais sen cuestionar o seu apoio fechado a Israel.

Neste contexto, e tendo en conta que, en teoría, a posición oficial de Washington e Bruxelas é a defensa da existencia dun Estado palestino á beira de Israel, algo que Netanyahu trata de evitar, os países árabes e boa parte do Sur Global lanzáronse na defensa de que este punto sexa un dos eixos dun potencial acordo integral que poña fin ás hostilidades en Gaza, a medida que aumentan as peticións para que o alto o fogo se converta en indefinido.

Nesa liña, a directora xeral da oficina da ONU en Xenebra (Suíza), Tatiana Valovaya, leu un texto escrito polo secretario xeral da organización, António Guterres, no que define como "imperativo avanzar de maneira decisiva e irreversíbel cara a unha solución de dous Estados".

Solidariedade con Palestina desde Galiza

Hoxe, no Día Internacional de solidariedade co pobo palestino, a fonte dos Ranchos de Lugo e a dos Surfistas na Coruña amenceron tinguidas de vermello. Na primeira cidade decorreu ademais unha concentración de protesta organizada pola Plataforma Lugo con Palestina e debuxouse un mural colectivo de denuncia do xenocidio.

Concentración en  Lugo, onte (Foto: Lugo por Palestina).
Concentración en Lugo, onte (Foto: Lugo por Palestina).

Ao tempo, en Compostela desenvolveuse unha palestra sobre Palestina organizada por entidades como BDS Galiza, a Asociación galaico-árabe Jenin ou o movemento estudantil Erguer. Na mesma urbe efectuarase mañá unha lectura de autoras palestinas.

Comentarios